Mondariz-Balneario
Concello da comarca do Condado, situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro-L da provincia de Pontevedra, da que administrativamente forma parte, a 42° 13’ 12” de latitude N e 8° 28’ de lonxitude O. Limita ao N, L e S co concello de Mondariz (comarca do Condado) e ao O co de Ponteareas (comarca do Condado). Abrangue unha superficie de 2,3 km 2 , o que o converte no concello máis pequeno de Galicia, en que acolle unha poboación de 755 h (2001) distribuída nunha única parroquia, Mondariz-Balneario. A súa capital, o lugar de Mondariz-Balneario, dista 46 km de Pontevedra e 113 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Tui-Vigo e ao partido xudicial de Ponteareas.
Xeografía física
O concello atópase enclavado na ribeira S do río Tea, xunto á súa confluencia co Sabriño, no derrame setentrional da Picaraña. A topografía é irregular, de suaves relevos, coa maior altitude situada ao O (293 m), no límite co concello de Ponteareas. Domina unha litoloxía granítica de idade hercínica, moi fracturada polo efecto da tectónica, circunstancia que provoca o afloramento dos mananciais de augas mineromedicinais que lle dan nome ao concello. O clima pertence ao dominio oceánico húmido, se ben dentro dos subtipos galegos encádrase dentro do litoral das Rías Baixas. As precipitacións son elevadas, superando os 1.500 mm, que se reparten nunhas 140 xornadas anuais, cun réxime pluviométrico que presenta un claro máximo invernal, co 38% das precipitacións e unha forte seca durante o verán con só o 9%, o que se traduce en fenómenos de aridez nos meses de xullo e agosto. As estacións intermedias repártense o resto das precipitacións, co 26% en primavera e o 27% en outono. O comportamento térmico amosa un inverno moi pouco sensible, cunha mínima en xaneiro de 10°C, e un verán caloroso, 21°C en xullo e agosto. A oscilación non é moi forte, 11°C, e a temperatura media anual acada os 14,5°C. Con este ambiente térmico e coa escasa altitude que acada o territorio municipal as xeadas son excepcionais.
Xeografía humana
Debido á pequena extensión do concello, a gran maioría da poboación vive concentrada na capital municipal. A evolución demográfica está totalmente mediatizada polo descubrimento e posterior explotación con fins medicinais das augas minerais. Así, en 1887, ano do primeiro censo, cando Mondariz-Balneario aínda non se constituíra en entidade municipal independente, contaba tan só con 223 h, pasando a 774 h en 1930 (máximo demográfico municipal), coincidindo co momento de maior apoxeo do Gran Hotel. Esta variación supuxo un crecemento do 6,5% anual. A partir desa data decaeu a cultura dos balnearios entre a xente máis acomodada, e con ela a puxanza de Mondariz-Balneario, polo que perdeu poboación ata 1960 (-1,08% anual), debido tamén á Guerra Civil Española e ás fortes vagas emigratorias exteriores da década de 1950. Na década de 1960 recuperouse o efectivo demográfico, crecendo a un ritmo do 1,27% anual, para estancarse desde 1970 (-0,05% anual), xa que malia que o crecemento vexetativo vén sendo negativo nos últimos anos, a revitalización dos balnearios e a función hoteleira favoreceu a instalación de novos habitantes. A estrutura da poboación presenta un notable avellentamento, superando claramente os maiores de 65 anos (21,6% do total de habitantes) os menores de 20 anos (16,8%); o grupo intermedio representa o 61,6%. A composición por sexos está equilibrada: 50,06% de mulleres e 49,93% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Mondariz é do 48,9% (62% a masculina e 36,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 45,3% (58,1% a masculina e 33,4% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 7,4% (6,4% a masculina e 9% a feminina). A economía do concello aséntase sobre a explotación turístico-medicinal das augas minerais que xorden nos mananciais de Troncoso e A Gándara. Así, o 71,1% dos activos traballan en actividades terciarias, destacando a hostalería. Ofértanse preto de 300 plazas hoteleiras no concello, distribuídas en hoteis, hostais e pensións. Debido á tranquilidade que ofrece o concello e ao seu axeitado marco natural, un colexio vigués creou un internado en que imparte o bacharelato internacional, servindo as súas instalacións como hotel nos períodos vacacionais. O sector primario é marxinal (0,4% dos activos), e está destinada basicamente ao autoconsumo familiar. Son relativamente frecuentes os empregados na construción (8,7%) e na industria (19,8%), que se desprazan diariamente a traballar aos concellos veciños. A principal estrada é a PO-254 que enlaza en Ponteareas coa N-120.
Historia
A historia do concello está vinculada ás augas minero-medicinais e ao seu balneario. Formou parte do concello de Mondariz ata o 30 de novembro de 1924, data en que se constituíu como concello. Destacan os mananciais, declarados de utilidade pública o 16 de xuño de 1873, de Troncoso ou Saidoiro, descuberto por Domingo Blanco Lage en 1862; e A Gándara, por Enrique Peinador Vela en 1871. Peinador procurou converter o concello nun ‘pazo mundial das augas’, con presenza da cultura, a arte e a medicina, e contando co apoio da clase política da Restauración borbónica. No Gran Hotel celebrouse a recepción de Antonio Rey Soto e Ramón Cabanillas como membros da Real Academia Galega, así como unha homenaxe a Manuel Murguía. O renacer do balneario chegou en 1993 coa construción do novo hotel-balneario no terreo do antigo edificio da Gándara.
Patrimonio cultural>
Do seu patrimonio cultural destaca o Gran Hotel, construído por Xenaro de La Fuente Domínguez en 1898, que foi destruído por un incendio o 9 de abril de 1973 e que se reconstruíu recentemente. Tamén destaca o templete clásico que serve de cuberta á fonte da Gándara, realizado por Antonio Palacios, autor tamén do edificio da Varanda e do destinado a Sanatorio. Na Casa do Concello atópase o Museo Municipal dos Cesteiros. Do seu patrimonio cultural destaca o espazo do río Tea, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Condado, O |
| Extensión | 2 Km2 |
| Poboación Total | 755 h |
| Poboación Homes | 377 h |
| Poboación Mulleres | 378 h |
| Densidade de poboación | 377.5 h/Km2 |
Parroquias
| Mondariz-balneario |