Monfero
Concello da comarca de Eume, situado ao NO de Galicia e ao L da provincia da Coruña. A súa posición xeográfica é 43° 19’ latitude N e 8° 03’ lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Cabanas, A Capela e As Pontes de García Rodríguez (comarca de Eume), ao L cos concellos de Xermade e Guitiriz (comarca de Terra Chá), ao S cos de Aranga, Irixoa e Vilarmaior (comarca de Betanzos) e ao O cos de Vilarmaior (comarca de Betanzos) e Pontedeume (comarca de Eume). Abrangue unha superficie de 172,5 km 2 en que acolle unha poboación de 2.400 h (2007) distribuída entre as parroquias do Alto do Xestoso, Queixeiro, San Fiz de Monfero, Santa Xiá de Monfero, Taboada, O Val de Xestoso e Vilachá. A capital do concello é o lugar de Rebordelo, na parroquia de San Fiz de Monfero. Localízase a 45 km da cidade da Coruña e a 80 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á provincia da Coruña, á arquidiocese de Santiago e á de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Betanzos.
Xeografía física
A maior parte do concello correspóndese cunha superficie de erosión situada ao redor dos 400 m que continúa ao outro lado do Eume na serra da Capela. A diferente dureza litolóxica orixinou un relevo irregular e accidentado. A planimetría topográfica da maior parte do concello queda interrompida por restos de outra superficie máis elevada (700 m), constituída por materiais máis resistentes á erosión. Estas áreas máis elevadas constitúen a serra da Loba, que percorre o bordo SL do concello, alcanzando os 706 m en Candieiro e 702 m no serrón do Lobo e no pico dos Vales. Tamén aparecen montes no centro do concello, os de Bouzamaior, onde se alza o Pendella de 712 m. Entre estas dúas áreas montañosas discorre suavemente o río Frei Bermuz formando o val de Xestoso, antes de encaixarse no espazo coñecido como Feira do Dez. Climaticamente o concello entra dentro do dominio oceánico húmido. A situación e a altura introducen certa continentalidade de características climáticas da meseta lucense, marcando unha transición climática. As temperaturas son altas no verán e frías no inverno. Son frecuentes as xeadas nos meses invernais. A temperatura media anual é de 12,5°C. O mes máis frío é xaneiro con 8°C de media mentres que o máis quente é xullo con 21,8°C. A oscilación térmica é de 13,8°C, unha elevada variación froito da continentalidade. As precipitacións son das máis elevadas de Galicia, 1.911 mm anuais, chuvias de carácter orográfico que se explican polo emprazamento do concello, aberto á influencia dos ventos húmidos procedentes do litoral. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, co 37,3% do total anual. A mínima rexístrase no verán, cunha media do 10,2% do total. Presenta un déficit hídrico estival entre os meses de xuño a setembro. A rede hidrográfica organízase arredor do Frei Bermuz, afluente do Eume, cara ao que corren case todas as augas do concello, coa excepción das correspondentes ao sector máis occidental que se dirixen ao Lambre, tamén afluente do Eume. Pola superficie do concello tamén atravesan brevemente outros dous afluentes do Eume, o Lambruxo e o San Bartolomeu, completándose así unha densa rede hidrográfica. O espazo forestal está fortemente alterado polo home mediante repoboación de coníferas e eucaliptos. Non obstante, aínda se atopan importantes formacións de especies caducifolias autóctonas ao longo dos vales do Frei Bermuz e do Eume, xa que conta con parte do espazo natural coñecido como o val inferior do Eume.
Xeografía humana
O concello de Monfero tiña ao comezo do s XX unha poboación moi superior á dos primeiros anos do s XXI, 5.715 h. Nos últimos cen anos produciuse un forte proceso de despoboamento que, non obstante, non comezou ata a década de 1940. Desde 1900 ata a Guerra Civil Española a poboación municipal oscilou nos períodos intercensuais, pero cunha tendencia á alza. Esta variación foi resultado do contraste entre un elevado crecemento natural derivado dunha alta natalidade e a constante emigración principalmente cara a América. A guerra e a posguerra supuxeron o peche das fronteiras e o momento de maior crecemento demográfico do século. En 1940 alcanzou a súa cota poboacional máxima, 6.822 h. O descenso comezou a manifestarse na década de 1940, cando se inicia un éxodo rural cara ás cidades e vilas próximas. Corrente migratoria do campo á cidade que se potenciou desde 1950 ata mediados da década de 1970 e que se complementou coa marcha cara aos países de Europa Occidental e a recepción de traballadores por parte da industria eléctrica da próxima localidade das Pontes de García Rodríguez. Esta fuga de efectivos humanos provocou que en 1970 só quedasen no concello 4.360 h, un descenso do 36,08%. En 30 anos Monfero perdeu máis da terceira parte da súa poboación. Cando remata a emigración segue o despoboamento, agora por novas causas como a caída da natalidade e o avellentamento progresivo da poboación, factores que orixinan un crecemento natural cada vez máis negativo. Entre 2001 e 2007 o descenso da poboación foi fo 6,32%. O mantemento dun movemento vexetativo negativo do -10,8‰ (2006), repercute negativamente no futuro poboacional do concello. A taxa de natalidade é de tan só dun 2,5‰ e a mortalidade ascende ao 13,3 ‰, polo avellentamento poboacional. Os residentes ata os 20 anos supoñen o 11,3% do total. Os maiores de 65 anos superan amplamente á poboación nova e representan o 32,5%; o grupo intermedio representa o 56,2%. A composición por sexos está equilibrada, os homes constitúen o 50,62% e as mulleres o 49,37%. A poboación aparece diseminada polas numerosas entidades de poboación das sete parroquias do concello. Predomina a vivenda familiar aínda que aparece unha porcentaxe relevante de vivendas secundarias que pertencen na súa maioría a emigrantes que constrúen ou compran aquí unha residencia para os períodos de vacacións.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Monfero é do 44,6% (55,6% a masculina e 33,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,8% (51,8% a masculina e 31,4% a feminina); e a taxa de paro é do 6,4% (6,9% a masculina e 5,6% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a hexemonía do primario, que emprega o 46,1% da poboación ocupada. O sector secundario reúne o 27% dos traballadores, repartidos equitativamente entre a industria (11,7%) e a construción (15,3%), e o terciario o 26,9%. A agricultura, a gandaría e a madeira son as principais ocupacións económicas de Monfero. En concreto, a explotación de gando vacún para a produción de leite e o subsector forestal reportan a meirande parte das rendas municipais. Monfero adaptou a súa superficie agrícola a unha gandaría intensiva bovina, de tal forma que se censan 6.680 cabezas no concello (2007). Tras a entrada das cotas leiteiras da UE a tendencia actual é a eliminación das explotacións máis pequenas e o fortalecemento das de maior tamaño. Tamén aparece unha agricultura a tempo parcial practicada por traballadores dos outros sectores económicos e por xubilados que manteñen unha pequena produción agrícola dedicada basicamente ao autoconsumo. O sector secundario baséase na actividade madeireira, pois os recursos forestais de Monfero deron lugar á aparición de manufacturas centradas nas primeiras fases da transformación da madeira. A construción tamén ocupa unha pequena porcentaxe da poboación activa, desenvólvese este sector asociado á modernización das explotacións gandeiras. É o sector servizos o que está menos representado no concello. A inexistencia dun centro urbano definido imposibilita a aparición dun terciario desenvolvido. Só encontramos os servizos públicos e comerciais mínimos, mentres a poboación acode ás vilas próximas como Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez ou Betanzos para o seu abastecemento e necesidades servizais. A principal vía de comunicación é a estrada provincial AC-640, de Betanzos a Viveiro. Outras estradas locais, como a de Pontedeume a Campolongo, comunican as múltiples entidades de poboación municipais.
Historia
A historia do concello aparece vinculada ao mosteiro de Santa María. Orixinado nun cenobio cisterciense do s XII que recibiu o apoio do conde de Traba e de Afonso VII, en 1506, ao aplicarse os plans reformistas dos Reis Católicos quedou anexionado á Congregación de Castela, onde permaneceu ata a exclaustración de 1835. Durante o Antigo Réxime as súas parroquias, pertencentes á provincia de Betanzos, situábanse nas xurisdicións de Monfero, señorío do mosteiro de Santa Maria; Caabeiro, señorío do rei; e Callobre e Vilachá, señorío de Don Xusto Gabriel Tenreiro. O actual concello creouse en 1836. En 1896, a parroquia do Val do Xestoso separouse da do Alto do Xestoso.
Patrimonio cultural>
Do seu patrimonio cultural destacan os restos do mosteiro de Santa María, declarado Ben de Interese Cultural en 1931, as igrexas parroquiais de San Xurxo de Queixeiro e Santa María de Vilachá, ambas as dúas barrocas; e a de San Fiz de Monfero, realizada no s XVIII; ademais da ponte vella do Dez (s XV), na parroquia do Val de Xestoso. Do seu patrimonio cultural destaca o espazo das Fragas do Eume, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. O primeiro domingo de xullo celébrase a romaría da Virxe de Cela, no mosteiro de Santa María. Os fieis ofrecen exvotos solicitando a curación de enfermidades. O sete de xaneiro e o 29 de setembro celébrase na ermida de Lagares, na parroquia de San Fiz de Monfero, as romarías de San Xiao e a de San Miguel, respectivamente.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Eume |
| Extensión | 171 Km2 |
| Poboación Total | 2400 h |
| Poboación Homes | 1215 h |
| Poboación Mulleres | 1185 h |
| Densidade de poboación | 14.04 h/Km2 |