monofisismo
(< mono- + gr φύσιο ‘natureza’ + -ismo)
Doutrina teolóxica que sostén a subsistencia da persoa de Xesús Cristo nunha soa natureza, divina, despois da encarnación. Foi o monxe Eutiques quen formulou abertamente as teses monofisitas en Constantinopla. A súa doutrina atopou unha boa acollida en Alexandría, onde o patriarca Dióscoro viu nela un excelente instrumento de loita contra as ambicións dos bispos de Constantinopla. Eutiques conseguiu de momento o triunfo do bando alexandrino no Latrocinio de Éfeso (449), a pesar das protestas do Papa León I. Coa morte do Emperador Teodosio II (450), a situación cambiou radicalmente e Eutiques foi desterrado. No Concilio de Calcedonia (451) destituíuse a Dióscoro de Alexandría e impúxose a tese da dobre natureza de Xesús Cristo, humana e divina. As igrexas que quedaron englobadas dentro da tradición monofisita son a copta, a etíope, a siríaca occidental ou xacobita e a armenia.