Montagne, La

Montagne, La

Grupo político integrado polos elementos revolucionarios máis idealistas, durante a Revolución Francesa. O seu nome débese a que ocupaban os escanos máis altos da Asemblea Lexislativa, dentro da que actuaron. De ideoloxía socializante, foi dirixido por G. J. Danton, J. P. Marat e M. de Robespierre. Os montagnards dicíanse representantes das masas e dentro da Convención Nacional, tiñan o apoio das clases populares. Erixíronse en árbitros indiscutibles da Convención mediante un golpe de estado que levaron a termo en xuño de 1793. Morto Marat e afastado Danton do poder, Robespierre foi o seu máximo representante no período subseguinte de goberno revolucionario, coñecido como o Terror. As disensións e os enfrontamentos internos debilitaron o grupo ata a caída e a execución de Robespierre, en xullo de 1794, durante a Reacción Termidoriana.