Montecassino, mosteiro de
Mosteiro situado sobre o outeiro homónimo (519 m) situado entre Nápoles e Roma, ao lado da cidade de Cassino. Foi fundado por san Bieito, arredor do 529, sobre o emprazamento dun antigo templo de Apolo. Destruído polos longobardos arredor de 580, foi reconstruído en 717 e novamente a mediados do s X, despois de ser destruído polos sarracenos en 883. Arredor de 949 os moxes volveron a el e durante século seguinte, baixo o goberno do futuro Papa Víctor III, o mosteiro converteuse nun gran centro cultural e artístico, moi influínte na política da época. Destruído por un terremoto en 1349, poucos anos despois iniciouse a reedificación, pero durante a Segunda Guerra Mundial, o mosteiro foi practicamente arrasado por un bombardeo aliado (1944). Comezados os traballos de reconstrución en 1945, o Papa Paulo VI consagrou a súa basílica en 1964.