Montederramo
Concello da comarca de Terra de Caldelas, situado na provincia de Ourense no centro-S de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 16’ 30” latiude N e 7° 30’ 00” lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Parada de Sil e A Teixeira (comarca de Terra de Caldelas), ao L con Castro Caldelas (comarca de Terra de Caldelas) e Chandrexa de Queixa (comarca de Terra de Trives), ao S cos de Laza (comarca de Verín), Vilar de Barrio (comarca da Limia) e Maceda (comarca de Allariz-Maceda), e o O cos de Maceda e Xunqueira de Espadañedo (comarca de Allariz-Maceda). Abrangue unha superficie de 135,6 km 2 cunha poboación de 1.072 h (2007), distribuídos nas parroquias dos Abeledos, As Chás, Covas, Gabín, Marrubio, A Medorra, Montederramo, Nogueira, Paredes, San Cosme de Montederramo, Sas do Monte, Seoane Vello e Vilariño Frío. Dista 156 km de Santiago de Compostela e 44 km de Ourense. A capital está no lugar de Montederramo, na parroquia homónima. Está adscrito á diocese de Ourense ( ao partido xudicial da Pobra de Trives.
Xeografía física
Montederramo ocupa unha porción significativa do NO do macizo central ourensán, estendéndose entre os cumios da serra de San Mamede e case a bocarribeira do Canón do Sil. O seu territorio está enmarcado por tres grandes accidentes orográficos. Ao S está a serra de San Mamede con altitudes medias comprendidas entre os 1.100 e os 1.200 m, e coa principal cota no monte de San Mamede (1.618 m), cumprindo o papel de nó hidrográfico ao separar as concas do Sil, Arnoia e Limia; ao NO atópase a cabeza de Meda, con altitudes entre os 1.000 e 1.300 m; e finalmente, cara ao L esténdese a serra do Burgo, con altitudes entre os 900 m e os 1.200 m. Entre estes accidentes orográficos esténdese unha penechaira, levemente inclinada cara ao N, de altitude media entre os 800 e 1.000 m, pouco incidida pola cabeceira do río Mao. O concello de Montederramo está situado no dominio climático oceánico de montaña. A elevada altitude media e a orientación cara ao N da meirande parte do seu territorio condiciona unhas temperaturas baixas, acompañadas dunhas precipitacións moderadamente elevadas. A temperatura media anual é de 9,4°C. A media de xaneiro é de 3°C, e a de xullo é de 17,6°C. A amplitude térmica extrema chega aos 25,8°C. A precipitación anual media é de 1.400 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival, 38% de precipitación recollida en inverno, fronte ao 10% en verán, ficando con valores medios a primavera e o outono co 26% cada unha. A súa hidrografía está protagonizada polo curso alto do río Mao, que tras nacer nas abas setentrionais de San Mamede atravesa o concello seguindo a dirección S-N para verter no Sil fóra xa do termo municipal, e nel verten os ríos Alavenche, Broil e Covas; tamén discorren polo concello o curso alto doutros ríos da conca do Sil, como o Vaos e o Figueiro e Queixa, que tras drenar o extremo meridional do concello vai parar ao río Navea. A vexetación é a propia dunha zona de montaña, con arboredo (cerqueiro, bidueiros, amieiros) no fondo dos vales, e mato e pasteiros nas áreas máis altas.
Xeografía humana
Montederramo é un dos concellos onde a despoboación se notou con máis intensidade e, agás en momentos moi concretos, perdeu continuamente poboación desde 1920, ano en que acadou o seu máximo demográfico. Pero non só viviu un retroceso demográfico continuado no tempo, senón tamén extraordinariamente intenso, de tal xeito que actualmente a súa poboación non representa sequera un terzo da que posuía en 1900. Entre 1900 e 1920 viviu un crecemento lento, cifrado no 0,10% de incremento interanual. Entre 1920 e 1930 viviu uns anos de notable descenso demográfico (-0,87% interanual), atenuado entre 1930 e 1950 (-0,46%) e acelerado de novo entre 1950 e 1981 (-1,63%), para amortecer tan só levemente entre 1981 e 2001 (-1,39% de incremento interanual). Entre 2001 e 2007 o descenso da poboación foi do 11,1%. Como no interior de Galicia, en especial na montaña oriental ourensá, a forte emigración, favorecida polas desfavorables condicións ambientais, deixou unha intensísima pegada, continuada por unha estrutura por idades que eleva a mortalidade moi por riba das pobres taxas de natalidade rexistradas no concello. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-20,2‰), a natalidade está cercana ao 0 (0,5‰) e a mortalidade moi elevada (20,7‰). O avellentamento é alarmante, os menores de 20 anos só representan o 7,8% mentres que os de máis de 65 anos de idade representan o 43,4%; o grupo intermedio representa o 48,8%. A composición por sexos está equilibrada: o 50,56% son homes e o 49,44% son mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Montederramo sitúase no 35,5% (43,2% a masculina e o 27,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 31,2% (33,1% a masculina e 24,9% a feminina) e a taxa de paro é do 12,1% (14,1% a masculina e 8,8% a feminina). No sector primario traballa o 38,5% da poboación ocupada. A superficie cultivada representa o 8,08%, destacando entre os cultivos máis representativos as forraxes, seguido polo centeo e a pataca. Os prados e os pastos esténdense polo 12,84% do concello, que conta con 3.794 cabezas de gando bovino (2007), case todas destinadas á produción de carne. O porcino ten un gran desenvolvemento, computando 1.600 prazas reprodutoras e 300 de ceba (2005), en numerosas granxas de grandes dimensións e con notable participación da cooperativa COREN. A industria só dá traballo ao 7,8% da poboación ocupada e a construción representa só o 11,8% do emprego, sendo escasa a actividade edificatoria no concello. Os servizos representan o 42% dos empregos. A principal vía de comunicación e a OU-536, que comunica Ourense coa Rúa, confluíndo nela as estradas locais e camiños veciñais que serven de acceso ás entidades de poboación do concello.
Historia
Os restos máis antigos atopados nas terras do concello de Montederramo testemuñan o seu poboamento por pobos castrexos e polos romanos. Durante o Antigo Réxime, o seu territorio dividiuse entre as xurisdicións de Montederramo, rexido polos monxes do mosteiro homónimo; Castro Caldelas, baixo a autoridade do conde de Lemos; e o Couto Redondo de Vilariño Frío, rexido por un fidalgo. En 1821 naceron os municipios constitucionais da Medorra e Montederramo, que persistiron ata 1835, momento en que se formou o concello de Montederramo. Pertencente ao partido xurisdicional de Castro Caldelas, desde 1834 pasou a formar parte do da Pobra de Trives.
Patrimonio cultural>
Con respecto á arquitectura relixiosa, o exemplo máis destacable está representado no mosteiro cisterciense de Santa María de Montederramo, orixinalmente baixo a advocación de San Xoán e declarado Ben de Interese Cultural en 1951. No referente ao patrimonio natural destaca o espazo natural do Bidueiral de Montederramo, declarado Lugar de Importancia Comunitaria en 2001 dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas de Nosa Señora da Asunción en agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Terra de Caldelas |
| Extensión | 135 Km2 |
| Poboación Total | 1072 h |
| Poboación Homes | 542 h |
| Poboación Mulleres | 530 h |
| Densidade de poboación | 7.94 h/Km2 |