monzón
(< port monção)
Sistema de ventos que comporta a inversión estacional da súa dirección dominante nas latitudes intertropicais. Ata finais do s XIX designaba os ventos de superficie que cambian de dirección de inverno a verán. Non obstante , a moderna aeroloxía aplícao á variación estacional dos ventos en altitude, relacionada coa oscilación da temperatura. Finalmente, as radiosondas descubriron na baixa estratosfera (a uns 21 km de altitude) un xiro total da dirección dominante dos ventos tamén en inverno e verán, pero en sentido completamente contrario ao monzón superficial. É un factor independente do monzón térmico das capas baixas e responde a un mecanismo planetario e cósmico, reflexo do clima solar e da reacción particular do ozono. Os meteorólogos tropicais chámanlle monzón só ao fluxo estival do O, que resulta da desviación que sofre o alisio ao atravesar o ecuador. Os monzóns son os principais causantes de inundacións, isto convérteos nun dos fenómenos naturais máis importantes como causantes de mortes humanas.