Moraña

Moraña


Concello pertencente á comarca de Caldas, situado ao O de Galicia e da provincia de Pontevedra, da que administrativamente forma parte. A súa posición xeográfica é 42° 35’ de latitude N e 8° 35’ 12” de lonxitude O. Limita ao N co concello de Cuntis (comarca de Caldas), ao S cos de Campo Lameiro, Pontevedra e Barro (comarca de Pontevedra), ao L cos de Cuntis e Campo Lameiro e ao O cos de Caldas de Reis, Portas (comarca de Caldas) e Barro (comarca de Pontevedra). Abrangue unha superficie de 41,3 km 2 en que cunha poboación de 4.309 h (2007), distribuídos nas parroquias de Amil, Cosoirado, Gargantáns, Lamas, Laxe, Rebón, Saiáns, San Lourenzo de Moraña e Santa Xusta de Moraña. A súa capital, Santa Lucía de Moraña, situada na parroquia de Saiáns, dista 21,5 km de Pontevedra e 43 km de Santiago de Compostela. Esta adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Caldas de Reis.
Xeografía física
En Moraña atópanse dúas unidades morfolóxicas claramente delimitadas. Por un lado, a Depresión Meridiana, cunha altitude media de entre 150 e 200 m, que percorre Galicia desde Carballo a Tui; e por outro, restos de niveis de aplanamento nas áreas máis orientais e meridionais do concello, situados entre os 500 e 600 m de altitude (O Acibal, 594 m; Xesta, 529 m; Zudro, 520 m; e Ramil, 513 m). Estas notables diferenzas altitudinais son o resultado do desprazamento de bloques motivado por factores tectónicos durante o Neoxeno e o Posneoxeno, que duraron ata o Cuaternario. A existencia de fracturas con dirección N-S e NL-SO favoreceu o desprazamento de bloques e provocou que algúns se erguesen e outros se afundisen, como foi o caso da Depresión Meridiana. Litoloxicamente dominan os granitos, moi diaclasados, con algunha intercalación xistosa, que dan orixe a microformas nas que son frecuentes as morfoloxías ruiniformes como castelos ou tores. O clima pertence ao dominio oceánico-húmido, aínda que dentro das variedades galegas pertence ao subtipo do litoral das Rías Baixas, caracterizado por unhas elevadas precipitacións, unha benignidade térmica notable e unha acusada seca estival coa aparición de fenómenos de aridez. As precipitacións sitúanse arredor dos 1.500 mm e vense favorecidas polos relevos litorais e a orientación das rías fronte aos fluxos ciclónicos do SO, que favorecen a penetración da humidade cara ao interior. O réxime pluviométrico presenta un claro máximo invernal (37% das chuvias), un máximo secundario en outono (29%) e un acusado descenso das precipitacións no verán (9%), momento en que se chegan a producir problemas de aridez, especialmente durante os meses de agosto e setembro. As xornadas anuais de chuvia sitúanse sobre 150 días, con arredor de 180 días nubrados. A temperatura media anual está en 14°C e a oscilación non supera os 12°C. O inverno é suave xa que non baixa de 7°C en xaneiro, mentres que o mes máis cálido, agosto, non supera moito os 18°C. As xeadas son infrecuentes nas terras baixas da Depresión Meridiana, pero nos rebordos montañosos meridionais e orientais a altitude favorece a súa aparición durante o inverno. O contraste altitudinal facilita a función de recollida de augas, pois existe unha nutrida rede fluvial dominada pola conca do Umia, no que conflúen tributarios como o Ximieira, Xandeiro, Castiñeiras ou Agra. A rede de fracturas condiciona o percorrido da rede fluvial, que se instala nelas e segue a súa dirección nalgúns sectores. As ribeiras do Umia e os montes do Acibal, o Castrelo e o Ardegán son lugares de excepcionais valores ecolóxicos e paisaxísticos.
Xeografía humana
A poboación aparece moi diseminada por todo o territorio municipal, especialmente na área máis baixa que se corresponde coa Depresión Meridiana. Non posúe ningunha entidade urbana. A evolución demográfica acontecida desde o primeiro censo de 1887 (ano en que acadou o máximo poboacional, con 5.261 h) coñeceu pequenas variacións intercensuais, cunha poboación que se inclina cara ao estancamento desde 1930. Así, de 1887 a 1910 as perdas debidas á emigración ultramariña foron moi importantes, de xeito que o elevado saldo vexetativo positivo non lograba contrarrestar as saídas, decrecendo anualmente o efectivo humano un -0,38%. Inverteuse a tendencia na década seguinte e aumentou a poboación un 0,13% cada ano, debido a que a emigración seguía a ser intensa, a natalidade experimentou un crecemento e o saldo natural logrou conter a perda demográfica exterior. Durante a década de 1920 houbo un novo decrecemento, agora de xeito máis intenso (-0,9% anual), debido á forte atracción de países como Cuba, Arxentina e Uruguay. A crise financeira internacional que comezou co desastre de Wall Street en 1929, a Guerra Civil Española, e o illamento exterior de España tras ela, provocou que a emigración se cortase totalmente, e que a poboación medrase entre 1930 e 1950 (0,44% anual). As décadas de 1950 e 1960, en cambio, marcaron unha nova fase emigratoria, agora con destino principal en Europa, e con ela iniciouse unha nova crise demográfica (-0,25% anual). Posteriormente, desde 1970 a 1991 a poboación volveu medrar, aínda que de xeito moderado (0,2% cada ano), como consecuencia do pechamento da emigración europea tras a crise do petróleo de 1973, do retorno de emigrantes, e do cambio de tendencia nas migracións que agora eran interiores, cara ás cidades e vilas máis desenvolvidas e que neste caso, debido á proximidade de Vigo, Pontevedra, Caldas de Reis, A Estrada e mesmo Vilagarcía de Arousa, favoreceron unha fixación da poboación e un incremento dos movementos pendulares por razóns laborais. Na década de 1990 volveu un período de mingua demográfica (-1,09% anual). O descenso continua nos inicios do s XXI. En 2006 o saldo vexetativo foi negativo (-4,9‰) froito dunha natalidade moi baixa (7,4‰) e unha mortalidade relativamente elevada (12,3‰). Debido a esta evolución, a estrutura por idades coñeceu un progresivo avellentamento, de xeito que os menores de 20 anos son o 16,3% da poboación, mentres que os maiores de 65 anos supoñen o 21,6%;o grupo intermedio representa o 62,1%. Por sexos dominan as mulleres, co 50,89%, fronte ao 49,1% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Moraña é do 51,1% ( 65,3% a masculina e 36,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 44,8% (60,1% a masculina e 31,3% a feminina); e a taxa de é do 10,4% (8,1% a masculina e 10,4% a feminina). O concello non conta cunha estrutura económica moi desenvolvida. As actividades agropecuarias (9,2% dos traballadores) están maioritariamente destinadas ao autoconsumo familiar, aínda que se está desenvolvendo unha horticultura de invernadoiro, orientada aos mercados urbanos próximos, que conta con boas potencialidades debido á fertilidade das terras do val do Umia e dos seus tributarios, e á benignidade climática. A repoboación forestal (de eucaliptos e piñeiros) está acadando certo desenvolvemento, sobre todo nas áreas máis elevadas do S e L, cunha extensión municipal do 25%. A industria emprega ao 18,1% dos activos, que a maioría traballan en Vigo, Pontevedra ou Caldas de Reis, lugares a onde se desprazan diariamente. No concello tan só teñen certa significación algúns serradoiros e industrias de fabricación de materiais de construción, ademais dunha piscifactoría de notables dimensións. A construción ten moita importancia como actividade xeradora de emprego (29,4%). As empresas con maior volume de negocio pertencen a este sector, non obstante máis do 80% dos traballadores nesta actividade son autónomos que traballan pola súa conta. Finalmente, os servizos aglutinan ao 43,3% dos activos, que traballan a maior parte deles fóra do concello, como sucedía no caso da industria. En comunicacións viarias conta coa estrada PO-221 Caldas-Moraña e coa que conecta Porráns e Cuntis.
Historia
As probas máis antigas de poboamento humano remóntanse á cultura megalítica, da que destacan a lapa de Gargantáns, un dos escasos menhires que se coñecen en Galicia, e varios campos de mámoas en diversas partes do municipio. Coñécense, así mesmo, numerosas estacións de gravados rupestres, con variadas iconografías, se ben, á maior parte deles pódeselles atribuír unha cronoloxía que os inscribe na Idade do Bronce (1500-600 a C). A cultura castrexa (ss VII a C-II) estivo moi presente no concello, de xeito que existen varios castros en cada parroquia, como os de Castro da Portela en Gargantáns;,Monte de Castro en Rebón e o do Monte Castrelo. Durante o Antigo Réxime as súas parroquias, situadas na provincia de Santiago, repartíanse nas xurisdicións de Amil e Peñaflor. Na primeira división municipal do primeiro terzo do s XIX, no territorio do concello existían os concellos de Saiáns e Moraña, no partido xudicial de Caldas de Reis. En 1836 Saiáns desapareceu, anexionándose ao concello de Moraña, co que este adquiriu a súa configuración actual.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos mencionados, destacan as igrexas románicas de San Pedro de Rebón e San Martiño de Gargantáns, así como os pazos da Buzaca, San Roque, Teixeriña e a casa-torre dos Soto. A festividade da Nosa Señora de Amil celébrase o primeiro domingo despois do 8 de setembro. Outras romarías destacadas son as de Santa Xusta, a do campo de Lebón, a de San Roque e a da Guadalupe. Sobresae tamén o curro de Amil e a Festa do Carneiro ao Espeto, o derradeiro domingo de xullo, declarada de Interese Turístico (2002).

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Caldas
Extensión 41 Km2
Poboación Total 4309 h
Poboación Homes 2053 h
Poboación Mulleres 2256 h
Densidade de poboación 105.1 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias