xabaril

xabaril

(<ár ğabalī)

  1. s m [ANIMAL]

    Animal da familia dos súidos que vive en estado salvaxe, de constitución robusta e cos cairos moi desenvolvidos. Teñen grande interese cinexético.

    Sinónimos: xabarín.
  2. xabaril común [ANIMAL]

    Mamífero da orde dos artiodáctilos, de entre 110 e 160 cm de lonxitude, 90 cm de altura e un peso de entre 150 e 265 kg, aínda que se coñecen exemplares de ata 350 kg, como por exemplo nos Cárpatos. Os machos son de maior tamaño e peso que as femias. O seu corpo é macizo e compacto, coa pelaxe, de cor entre gris escura e negra, composta por sedas longas e ásperas e unha densa la inferior; ten un lombo prominente, patas curtas e fortes e pés con dous pezuños e dous rudimentos traseiros máis elevados, o que fai que a súa pegada sexa característica. A cabeza é alongada, máis ou menos cónica, co fociño truncado, móbil e ben desenvolvido. Posúe un bo oído e olfacto, pero a visión é mediocre. Os machos, ademais, teñen uns cairos moi desenvolvidos, especialmente os superiores, que están curvados cara a arriba. É de réxime vexetariano, moi variable, con tendencia a converterse en omnívoro; inxire froitos (landras, castañas, etc), raíces, cereais, vermes, micromamíferos, cobras, fungos, caracois, ovos, etc. O alimento búscao fozando co fociño no chan. É de costumes diúrnos e nocturnos, pero debido á súa persecución como especie cinexética, adoita alimentarse pola noite; e gusta de envorcallarse na lama para poder eliminar os parasitos; non é un animal territorial estrito e cando non está en celo, vive formando grupos formados por unha femia coas súas crías (de cor marrón clara con bandas lonxitudinais amarelentas) e as crías do ano anterior; pola contra, os machos permanecen en solitario. Pode verse afectado por enfermidades como a triquinose, febre aftosa, peste, tuberculose, sarna, etc, así como por unha gran variedade de parasitos, de aí que o consumo da súa carne deba estar baixo control sanitario. Habita nos bosques (mediterráneo, de coníferas, etc), en zonas de marismas, mato ou lugares habitados que estean próximos á auga. Distribúese por Europa e África do Sur, e foi introducido en moitos lugares, como América e Australia. Está presente en toda a Península Ibérica, e en case toda Galicia, xa que está en expansión. En Galicia, a súa caza está autorizada e regulada pola Consellería de Medio Ambiente, e ten lugar xeralmente en outono e inverno.

    Sinónimos: xabarín.
  3. xabaril de río [ANIMAL]

    Mamífero de ata 120 kg de peso, coa pelaxe castaña arrubiada, unha guedella de pelos brancos nas orellas e unha crista da mesma cor no lombo. Habita nas selvas africanas desde Senegal ata Suráfrica, e tamén en Madagascar.

  4. xabaril verrugoso [ANIMAL]

    Mamífero artiodáctilo de ata 190 cm de lonxitude, 85 cm de altura e 140 kg de peso. A pelaxe é de cor agrisada, con sedas longas no pescozo e lombo. O seu nome débese á presenza de dúas protuberancias, similares a verrugas, na face; o fociño é similar ao do porco bravo, pero máis desenvolvido, e tamén con grandes cairos (50 cm), pero son máis grandes os inferiores ca os superiores. Xeralmente forman grupos de ata 5 individuos, agás os machos máis vellos, que son solitarios. Ten hábitos diúrnos, e pola noite dorme en tobas escavadas por el mesmo. Aliméntase de herba e raíces. Habita nas sabanas e chairas, por case toda África, desde Senegal ata Suráfrica.

  5. xabaril xigante [ANIMAL]

    Mamífero da orde dos artiodáctilos, de entre 100 e 250 kg de peso, caracterizado polo pelo longo e espeso, de cor castaña agrisada, e por ter, sobre todo os machos, os cairos moi desenvolvidos. É vexetariano e habita en grupos de ata 15 individuos, nas selvas de África central, desde Costa de Marfil ata Kenia, ata os 3.500 m de altitude. É de costumes nocturnos e foi descuberto en 1904.