Xamaica
Estado insular de América Central, nas Grandes Antillas, situado ao S de Cuba e ao O de La Española (10.991 km2; 2.607.632 h [2001]). A capital é Kingston.
Xeografía
A illa ten unha lonxitude de 238 km e unha anchura de 84 km. Ao L atópase a serra das Blue Mountains, cunha altitude máxima de 2.256 m e ao O esténdese unha chaira calcaria, que ocupa practicamente toda a illa. Está moi afectada polos ciclóns. A economía baséase no azucre, na bauxita, da que, xunto coa alumina, é un dos principais produtores mundiais, e no turismo. Os cultivos máis destacados son a cana de azucre, as bananas, o café e o cacao, pero tamén ten un importante xacemento de xeso. A industria, en expansión, inclúe unha fábrica de cemento, unha refinaría de petróleo e industrias téxtiles, de confección, de tabaco, alimentarias e químicas. O comercio exterior realízase principalmente con EE UU, Canadá e Reino Unido. É un importante centro de cultivo da marihuana e do seu tráfico ilegal e así calcúlase que os ingresos producidos pola súa venda, principalmente a EE UU, a converten no produto máis importante das exportacións. País densamente poboado (237,2 h/km2), durante os primeiros decenios do s XX experimentou un gran crecemento demográfico. No período 2000-2005 o crecemento anual fixouse no 1,5%. O 52,1% (2003) da poboación é urbana.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta por negros (74,7%), mestizos (12,8%), indios (1,3%), brancos (0,2%), chineses (0,2%) e outros (10,8%). A lingua oficial é o inglés. A maioría da poboación é cristiá: protestantes (38,9%), católicos (10,3%) e anglicanos (3,8%); o 47% restante segue outras relixións.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Xamaica entre os países cun desenvolvemento humano medio (79° posto mundial cun índice de 0,764). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 73 anos para os homes e 77 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 87,6% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 75%, e o PNB real por habitante é de 3.980$ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia británica, independizouse o 6 de agosto de 1962 no ámbito da Commonwealth. Segundo a Constitución de 1962 o xefe do estado é o monarca británico, que nomea o gobernador xeral, o seu representante, quen designa como primeiro ministro o xefe do partido máis votado nas eleccións lexislativas. O poder lexislativo reside no Parliament formado polo Senate, que está composto por 21 membros (dos que 8 pertencen á oposición) que son designados polo gobernador xeral coas recomendacións do xefe de goberno e do líder da oposición e pola House of Representatives, que está composta por 60 membros elixidos por sufraxio universal para un período de 5 anos. O sistema xudicial baséase na common law británica. Non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. Os principais partidos políticos son o People’s National Party (PNP), o Jamaica Labour Party (JLP) e o National Democratic Movement (NDM). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth, Organización dos Estados Americanos (OEA), ONU e asociado á UE.
Historia
Descuberta por Cristovo Colón en 1494, recibiu o nome de illa de Santiago e foi conquistada polo seu fillo Diego Colón (1509). A colonización española introduciu o cultivo da cana de azucre, do algodón, e da cría de gando. A explotación da poboación autóctona levou á súa desaparición. As sucesivas incursións inglesas remataron coa súa conquista en 1655, e en pouco tempo converteuse no centro do contrabando coas colonias españolas en América do Sur e das actividades de corsarios e piratas. Durante o s XVIII debido ao incremento da demanda de azucre en Europa, os colonizadores británicos introduciron un gran número de escravos de orixe africana para traballar nas plantacións e en 1728 introduciuse o cultivo do café. Na segunda metade do s XIX produciuse a decadencia das plantacións polo proteccionismo británico e a competencia do azucre de remolacha. En 1938 unha forte depresión económica e duras folgas permitiron a fundación de organizacións de traballadores e partidos políticos como o PNP e o JLP. Conseguiu a autonomía interna en 1959 e a independencia na Commonwealth en 1962. Nas eleccións de 1962 e 1967 venceu o JLP, pero en 1972 e 1976 impúxose o PNP liderado por Michael Manley, que se converteu en primeiro ministro e emprendeu diversas reformas. Graves desordes políticas e sociais levaron ao JLP ao goberno en 1980 e 1983, e o seu líder, Edward P. G. Seara, accedeu ao cargo de primeiro ministro. O PNP volveu ao poder con M. Manley en 1989, que se retirou en 1992 e foi substituído por Percival J. Patterson, tamén do PNP, que resultou elixido nas eleccións de 1993. As loitas internas provocaron unha escisión no PNP en 1995 e a formación do NDM. En 1996 o goberno tentou acadar un acordo cos sindicatos e o sector privado, nun intento por estabilizar a economía e solucionar a crise da industria. O PNP venceu nas eleccións de 1997 e 2002 con Patterson como primeiro ministro.