xénero

xénero

(< lat genĕre)

  1. s m
    1. Grupo natural de seres que se parecen en certas características esenciais.

    2. [BIOL]

      Categoría taxonómica intermedia entre a familia e a especie, que inclúe especies cunha serie de características comúns.

    1. s m

      Clase natural ou establecida convencionalmente á que pertence unha cousa segundo as súas calidades.

    2. s m [LING]

      Categoría gramatical que serve para clasificar as palabras en dúas clases ou grupos: os masculinos e os femininos. É inherente aos substantivos, e nos adxectivos e determinantes é unha característica que adquiren, a través da concordancia, ao se unir aos substantivos ou ao se substantivar. A adxudicación dun xénero a un substantivo que designa un ente determinado é arbitraria, inmotivada. A oposición de xénero fúndase no criterio semántico de ‘sexo’ e exprésase formalmente mediante morfos de xénero en distintos niveis á vez: no nivel de palabra e sen morfemas opcionais, rapaz-∆ oponse a rapaz-a, ou con morfemas opcionais, por exemplo, rapaciñ-o/rapaciñ-a. Na frase ou oración, rapaz e rapaciña poden estar marcados ademais con morfemas descontinuos: dous rapaces pequenos/dúas rapaciñas pequenas. Na oposición de xénero o termo feminino da oposición é o intensivo ou marcado e significa constantemente ‘sexo feminino’; o termo masculino é o extensivo e significa ‘sexo masculino e/ou sexo feminino’: coella significa sempre ‘femia’, pero coello emprégase co significado de ‘macho’ ou de ‘indiferente ao sexo’. Os usos non opositivos do masculino ocorren con calquera tipo de referencia (referencias de clase ou particulares) e en calquera número, pero en plural os referentes poden ser todos ‘machos’, todos ‘femias’ ou ‘macho(s) e femia(s)’. O termo non marcado é ocasionalmente o feminino, como ocorre en substantivos referidos a animais domésticos, galiña, vaca, ovella, etc; nas zonas de Galicia en que se di normalmente raposa, é tamén o feminino o termo xenérico, e raposo o específico. A oposición de xénero pode expresarse mediante temas diferentes: home/muller, papá/mamá, padriño/madriña, xenro/nora, cabalo/egua, can/cadela, boi/vaca, etc. Hai substantivos con oposición de xénero que carecen de variación formal no nivel de palabra de discurso e sen morfos facultativos; o seu xénero márcase con algúns morfos facultativos ou ben descontinuamente no nivel da frase ou da oración mediante os morfos de xénero doutras palabras (en xeral artigo, adxectivos, pronomes e participios): artista (masc e fem); artistazo (masc)/artistaza (fem); O guitarrista pareceume moi bo e a saxofonista, boísima. Estes substantivos presentan sincretismo de xénero xa que teñen un mesmo morfo para o masculino e para o feminino; o morfo é en xeral a (artista, espía), e (cómplice, herexe, personaxe) ou ∆ (esquimó, guaraní, hindú, mártir, profesional), e raramente o (soldado). Hai substantivos, os denominados tradicionalmente epicenos, en que o xénero opositivo non funciona ao estar neutralizado; o representante da neutralización pode ser o masculino ou o feminino. Por exemplo, testemuña, persoa, sardiña, cobra designan, baixo a forma feminina, tanto a femia como o macho, o mesmo ca animal, paxaro, coa súa forma masculina. A categoría de xénero ten función distintiva pertinente nos homónimos: cal masc (‘substancia mineral’)/cal fem (‘canle’), capital masc (‘diñeiro, bens’)/capital fem (‘cidade’), cólera masc (‘enfermidade’) /cólera fem (‘enfado’), editorial masc (‘artigo periodístico’)/editorial fem (‘empresa’), etc.

    3. xénero literario [LIT]

      Cada unha das manifestacións formais das obras literarias segudo unha clasificación que ten en conta a estrutura e o contido. Desde Platón e Aristóteles ata o s XIX, establecéronse tres xéneros básicos que parten da imitación e da descrición da natureza. Da primeira xorde o xénero dramático (traxedia, drama, comedia), da segunda o lírico (poesía) e da súa fusión o épico. Benedetto Croce (1886-1952) representa o cambio de perspectiva: cada obra é unha visión do mundo, singular e individual; pertence a un xénero por aspectos externos. Actualmente admítese, en xeral, a división clásica, mais como a expresión de tres actitudes fundamentais do ser humano e como unha axuda, co engadido de subdividións, para a clasificación das obras.

    4. xénero literario bíblico / [LIT/RELIX]

      Cada un dos xéneros literarios da Biblia. A determinación dos xéneros literarios, abordada abertamente pola Formgeschichte, é decisiva nalgúns casos, como os das xenealoxías, os de determinadas narracións ‘históricas’ (etioloxía, evanxeos da infancia) e os da literatura apocalíptica. Entre outros xéneros literarios destacan o epistolar (Epístolas), o lírico (Cantar dos Cantares) e o profético, ademais do didáctico (libros sapienciais), moi relacionado cos aforismos ou sentenzas, o legal e o ritualista. A utilización dos xéneros literarios manifesta o carácter do autor dos escritos bíblicos e axuda a compender o sentido e o alcance da inspiración da Escritura.

    5. xénero musical [MÚS]

      Maneira de dividir a gama en diferentes intervalos. Os antigos gregos utilizaban tres xéneros melódicos: o cromático, no que se suceden os semitóns, o diatónico, no que alternan cinco tons e dous semitóns, e o enharmónico, que divide a gama nun ton, cuartos de ton e dúas terceiras maiores.

  2. s m

    Produto que se compra e se vende.

  3. s m [TÉXT]

    Tecido ou tea co que se fai unha peza de roupa.