xenética
(
Parte da bioloxía que estuda as leis que rexen a herdanza e a súa transmisión. En 1866 J. G. Mendel enunciou as leis fundamentais da herdanza biolóxica, aínda que non foi valorado ata que en 1900 H. M. de Vries, C. E. Correns e E. von Tschermak obtiveron, independentemente, os mesmos resultados. Mendel estableceu que a herdanza biolóxica ocorría pola transmisión de factores que manteñen a súa individualidade de xeración en xeración. O seu método baseábase na análise da transmisión de pais a fillos de propiedades que presentan variacións en distintos individuos. Nos primeiros anos do s XX chegouse á conclusión de que a herdanza dos caracteres continuos estaba regulada polas mesmas leis mendelianas que rexen os caracteres de variabilidade descontinua. Na historia da xenética tivo un papel moi importante a mosca do vinagre (Drosophila), que foi empregada por T. H. Morgan e a súa escola para establecer a teoría cromosómica, ao demostrar que os xenes están localizados nos cromosomas. Un avance moi importante produciuse a partir de 1944 co descubrimento do papel do ADN como vehículo de transmisión hereditaria por O. T. Avery. Isto converteu o estudo do ADN nun dos obxectivos fundamentais da investigación biolóxica, que culminou coa descrición da estrutura do ADN por J. D. Watson e F. H. C. Crick (1953). Así se iniciou a xenética molecular, que achegou a concepción da herdanza como un fenómeno de transcrición e compilación de información, no que a distinta ordenación dos catro nucleótidos que forman o ADN dá lugar a información xenética distinta. Segundo foron avanzando os coñecementos a xenética foi volvéndose máis complexa e subdividiuse nas seguintas ramas: a xénetica formal, que estuda as leis da herdanza, e a xenética bioquímica ou molecular, que analiza as características químicas do material hereditario e os procesos relacionados con el. A citoxenética estuda os cromosomas como portadores de xenes e os fenómenos relacionados con este feito. A xenética do desenvolvemento ocúpase do proceso a través do que a información xenética contida no ADN se actualiza ata determinar as propiedades do organismo. A xenética de poboacións considera os fenómenos xenéticos en relación ao seu significado para a poboación e non para o individuo, converténdose na base para o estudo dos mecanismos da evolución. A xenética aplicada emprega os coñecementos xenéticos para a mellora de animais domésticos e plantas. A partir da década de 1970 o panorama da xénetica viuse dominado pola enxeñaría xenética, que permitiu importantes descubrimentos sobre a estrutura do xenoma dos organismos superiores.