xenitivo
(
Caso das linguas indoeuropeas que, basicamente, determina o substantivo (al: das Haus des Mannes ‘a casa do home’; ingl: John s hat ‘o chapeu de John’; lat: domus patris ‘a casa do pai’). En latín estableceuse entre o xenitivo e o termo determinado unha relación gramatical non especificada, que pode cubrir todas as significacións dos outros casos, e que se detalla valéndose da semántica do contexto: partitiva (unus alumnorum ‘un dos alumnos’), posesiva (liber alumni ‘libro do alumno’), calidade (vir magnae virtutis ‘home de gran valor’), etc. Xa no s I comezou a substituírse este caso polas preposicións de (herdada polo galego) e ex. Con todo, no galego, tamén se conservan algunhas voces procedentes do caso xenitivo: a) patronímicos (FERDINANDĬCĪ > Fernández, MENENDĬCĪ > Méndez); b) topónimos (MŬNDARICĪ > Mondariz, WITERICĪ > Guitiriz); c) na denominación pagá dalgúns días de semana (MARTĬS > martes, IŎVĬS > xoves, VĔNĔRĬS > venres), e por analoxía coas denominacións anteriores (LŪNAE > luns, MĔRCŬRĬĪ > mércores); e d) nalgunhas palabras compostas (CŎMĬTE STABŬLĪ > condestable, IŪRĬS PRŪDĔNTĬA > xurisprudencia).