Xibutí

Xibutí
Nome científico: [nome oficial en fr:Rèpublique de Djibouti; <em>ár</em> Gumhuríya Gíbutí]

Estado de África oriental, situado na costa do golfo de Adén, limita ao NO con Eritrea, ao S e ao O por Etiopia, ao L co golfo de Adén e ao SL por Somalia (23.200 km2; 644.000 h [estim 2001]). A capital é Xibutí.
Xeografía
É un amplo país que ocupa unha área fundida no eixe de fracturas de África oriental. O terreo viuse afectado por un vulcanismo recente: andesitas, riolitas e lava de bloques cobren grandes extensións esteparias e desérticas. O relevo, fragmentado por fallas, está formado por altiplanos rochosos de forma tabular e por concas de afundimento, que chegan nalgún caso por debaixo do nivel do mar (lago Assal, 170 m). A súa situación, na entrada do Mar Vermello, mar recluído entre grandes áreas terrestres, condiciona o seu clima, un dos máis tórridos e secos da terra, con temperaturas elevadas de ampla oscilación diúrna e con escasas chuvias de verán. A vexetación está formada por matogueiras espiñosas e por pequenos arbustos de resinas aromáticas. A superficie cultivada é moi reducida. Desenvolveuse a pesca, sobre todo da lagosta, e os recursos minerais céntranse na explotación das salinas. Toda a electricidade procede do petróleo importado. Na década de 1980 apareceron algunhas industrias menores e o primeiro ensaio dunha enerxía autóctona: a xeotérmica. A importancia do territorio reside en que é unha escala na ruta do Mar Vermello e unha saída cómoda de Etiopia ao mar. O ferrocarril, que desde 1917 enlaza Adís Abeba con Xibutí, adminístrano conxuntamente o goberno xibutiano e o etíope. Francia canaliza máis da metade das importacións e das exportacións. A metade da poboación concéntrase na capital. O 83,3% (2000) da poboación é urbana. O crecemento anual foi do 1,6% (2000-2005).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural A poboación está composta polos issas (47%), afares (37%), árabes (6%), europeos (4%) e outros (6%). A maioría é musulmá sunnita (97,8%), hai unha minoría de cristiáns (2,2%). As linguas oficiais son o árabe e o francés. Desenvolvemento humano O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Xibutí entre os países cun desenvolvemento humano baixo (159º posto mundial cun índice de 0,454). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de de 49 anos para os homes e 53 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 65,5% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 24%, e o PNB real por habitante é de 1.990$ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia francesa, é unha república independente desde o 27 de xuño de 1977. O 4 de setembro de 1992 aprobouse unha constitución multipartidista. O presidente da república é elixido por sufraxio universal para un período de 6 anos. O poder lexislativo correspóndelle á Assemblée Nationale, composta por 65 membros, 33 reservados aos issas e 32 aos afares, que son elixidos para un período de 5 anos. O sistema xudicial baséase no dereito civil francés, nos costumes tradicionais e na lei islámica. A principal forza política é a Union pour la Majorité Présidentielle (UMP), formada pola Rassemblement Populaire pour le Proggès (RPP), a Front pour la Restauration de l'Unité et de la Démocratie (FRUD), o Parti National Démocratique (PND) e o Parti Populaire Social Démocrate (PPSD). Forma parte dos seguintes organismos: Liga Árabe, Organización da Conferencia Islámica (OCI), Unión Africana (UA) e asociado á UE.
Historia
Despois de adquirir o porto de Obock en 1862, o territorio foi ocupado polos franceses, que en 1884 fundaron Xibutí. En 1896 a colonia adoptou o nome de Somalia Francesa e despois da Segunda Guerra Mundial converteuse en territorio francés de ultramar. Pronto comezaron os enfrontamentos con Somalia e Etopia e, no interior, entre as dúas etnias rivais: os afares, que preferían seguir integrados en Francia, e os issas, que loitaban por unirse a Somalia. En 1967 pasou a denominarse Territorio dos Afares e dos Issas e Ali Aref, líder dos primeiros, converteuse no seu presidente. Foi entón cando os issas fundaron a Fronte de Liberación da Costa dos Somalíes, de corte radical e independentista e da que xurdiu en 1975 a Ligue Populaire Africaine pour l'Independance (LPAI), liderada por Hassan Gouled. Tras a dimisión de Aref (1977) a República de Xibutí acadou a independencia, con Gouled como presidente. A centralización dos poderes na súa figura e no seu partido único (agora Rassemblement Populaire pour le Progress), propiciou unha serie de malestares, pero non impediron que renovase o seu cargo en 1981, 1987 e 1993. Aínda así, a actuación da Front pour la Restauration de l¡¯Unité et la Démocratrie conseguiu que se levase a cabo unha reforma constitucional e se instaurase o multipartidismo. En 1999 Gouled foi substituído na presidencia por Ismail Omar Guelleh, sobriño seu e tamén candidato do RPP.