Xordania
Estado de Asia occidental que limita ao N con Siria, ao L con Iraq, ao SL con Arabia Saudí, ao S co golfo de ‘Aqaba e ao O con Israel (88.946 km2; 5.100.981 h [2004]). A súa capital é ‘Ammān.
Xeografía
Xordania é un país de fronteiras artificiais, cun porto no Mar Vermello. O relevo é xeralmente tabular sobre rochas sedimentarias, materiais volcánicos e cristalinos. O único río importante é o Xordán, que comparte con Israel e Palestina. O clima é moi árido e a vexetación predominante é a matogueira e a estepa. O estado xordano gozou dun equilibrio agrícola satisfactorio entre 1949 e 1967. Desde entón, coa ocupación por parte de Israel de Cisxordania, o sector máis fértil, a agricultura e a economía do país resentíronse. A superficie cultivable é moi pequena e a propiedade está moi dividida. Nos lugares máis húmidos pódense cultivar hortalizas, plátanos e cítricos, e no resto oliveiras, cereais e viñas. A gandaría, desenvolta sobre todo na parte oriental, está integrada por ovellas e cabras. Unha das fontes de ingresos importantes son os dereitos de paso dos oleodutos, como o da Trans-Arabian Pipeline e o da Irak Petroleum Company, suspendidos polos conflitos con Israel. A industria, en crecemento, está relacionada coa extracción de fosfatos, cun complexo de fabricación de abonos en ‘Aqaba e unha fábrica de potasa cerca do Mar Morto. Outras industrias destacadas son a alimentaria, a do tabaco, a do cemento e unha refinaría de petróleo en Az-Zarqā’. O comercio exterior é moi deficitario, pero conta coa axuda financeira dos países árabes exportadores de petróleo. O territorio é na súa maior parte un deserto, feito que obriga á poboación a concentrarse nas rexións occidentais, cerca do río Xordán e do Mar Morto. O crecemento situouse no 2,7% (2000-2005) e a poboación urbana é do 79%.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A maioría da poboación é árabe (98%), pero hai unhas minorías armenia (1%) e circasiana (1%). A lingua oficial é o árabe e a relixión maioritaria é a musulmá sunnita (96,6%), aínda que hai unha minoría cristiá (3,4%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Xordania entre os países cun desenvolvemento humano medio (90º posto mundial cun índice de 0,750). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de de 69 anos para os homes e 71 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 90,9% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 77% e o PNB real por habitante é de 4.220$ EE UU.
Goberno e política
Independente do mandato británico da Sociedade de Nacións desde o 25 de maio de 1946, tomou o nome de Transxordania ata 1949. Monarquía constitucional, a Constitución do 1 de xaneiro de 1952 enmendouse en 1974, 1976 e 1984. A monarquía é hereditaria e o rei nomea o primeiro ministro. O poder lexislativo correspóndelle á Majlis al-’Umma (Asemblea Nacional), que está composta pola Majlis al-Nuwaab (Asemblea de Deputados), formada por 110 membros que son elixidos por sufraxio universal para un período de 4 anos e dos que 6 son mulleres elixidas por un colexio electoral especial, 9 son cristiáns e 3 chechenos ou circasianos; e pola Majlis al-Ayan (Asemblea de Senadores), formada por 40 membros nomeados polo rei. O sistema xudicial baséase na lei islámica e nos códigos franceses. Non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. Os principais partidos políticos son o Partido Nacional Constitucional, unha coalición de nove partidos, e o Partido Baas Árabe Socialista de Xordania. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Liga Árabe, Organización da Conferencia Islámica (OCI) e ONU.
Historia
O territorio de Xordania estivo ocupado na Antigüidade polos reinos de Edom e Moab na parte de Transxordania. Foi conquistada polos selxúcidas (400? a C) e formou parte do imperio de Nabatea, con capital en Petra. En 64 a C pasou a formar parte do Imperio Romano. Conquistada polos musulmáns en 636, permaneceu baixo o dominio de diversos califas. Despois da conquista de Xerusalén polos cruzados (1099), Cisxordania foi anexionada polo Reino Latino de Xerusalén. Os cruzados estendéronse tamén ao L do Xordán, onde fundaron o Principado de Tranxordania, conquistado por Saladino I en 1187. Posteriormente pasou a poder dos mamelucos exipcios e, en 1517, ao dos otománs, que conservaron o dominio sobre o territorio ata a Primeira Guerra Mundial. En 1917-1918 a maior parte do territorio foi ocupado polos británicos. En 1923 o territorio acadou a indepencia baixo o goberno de Abdullah I. A oposición dos grupos sionistas ao novo estado motivou que a Sociedade de Nacións establecese un mandato británico en 1928. A administración británica finalizou en 1946 e Abdullah I volveu ao poder e tomou o título de rei de Transxordania. En 1949 participou na guerra contra Israel e ocupou Xerusalén e Cisxordania, onde se refuxiaron os árabes que fuxiron da Palestina israelí. Tras o asasinato de Abdullah I (1951) sucedeuno o seu fillo Talāl I (1951-1952) e a este o seu fillo Hussein I (1952), que en 1955 obrigou os conselleiros militares británicos a abandonar o país. O problema dos refuxiados agudizouse despois da perda de Cisxordania e Xerulasén na Guerra Árabe-israelí de 1967. En 1976 o Rei Hussein I suprimiu as eleccións e o partido único, a Unión Nacional Árabe. Influído pola maior parte dos países árabes, o rei aceptou a OLP como representante do pobo palestino. A cuestión de Cisxordania e as oscilacións nas relacións entre o Rei Hussein I e Y. Arafat constituíron o punto central dos acontecementos políticos durante a década de 1980. En 1988 Xordania renunciou totalmente á administración de Cisxordania e a calquera reclamación sobre estes territorios. O seu papel foi decisivo no restablecemento das relacións diplomáticas de Exipto co resto dos estados árabes en 1987. Durante a década de 1980 produciuse unha forte crise económica que levou ao incremento da débeda externa e desembocou en importantes movementos populares en 1989. Durante a Guerra do Golfo Pérsico (1991) Xordania viuse afectada polo embargo económico que afectou a Iraq, o seu principal abastecedor de petróleo. Nese mesmo ano legalizáronse os partidos políticos. En 1994 asinouse un acordo de paz con Israel e as fronteiras entre ambos os estados abríronse parcialmente. Non obstante, as fricións con Israel e con Y. Arafat continuaron, mentres que as relacións con Arabia Saudí e Exipto, deterioradas desde 1991, se recuperaron. En 1996 formouse un goberno encabezado por Abdul-Karim Kabariti, que tivo que facer fronte ás protestas sociais xurdidas da subida do prezo do pan. En 1997 foi destituído e o rei nomeou a Abdel-Salam al-Majali. As eleccións xerais de novembro ratificaron o novo goberno pero foron boicoteadas polos islamistas e outros grupos opositores. En 1999 morreu Hussein I e sucedeuno o seu fillo Abdallah II, que nomeou como primeiro ministro a Alí Abu Ragheb en 2000, substituído en 2003 por Faisal al-Fayez. O estado xordano manifestouse en contra da construción do muro israelí en Cisxordania e en 2004 apoiou a folla de ruta que prevía a creación dun estado palestino. No conflito iraquí colaborou con EE UU na formación do exército e da policía iraquí. En abril de 2005 Faisal al-Fayez dimitiu do cargo despois do fracaso de Xordania no cumio árabe ao non lograr o acordo para iniciar conversas de paz con Israel sen que este renunciara ás terras ocupadas desde 1976. Abdallah II nomeou como primeiro ministro a Adnan Badran.