Xove

Xove


Concello da comarca da Mariña Occidental situado na provincia de Lugo, a N da Comunidade Autónoma de Galicia (43° 40’ 40’’ N - 7° 30’ 40’’ O). Limita ao N co Mar Cantábrico, ao L con Cervo (A Mariña Occidental), ao S co de Viveiro (A Mariña Occidental) e ao O co de Viveiro (A Mariña Occidental). Abrangue unha superficie de 89,1 km 2 , cunha poboación de 3.602 h (2007), distribuída nas parroquias de Lago, O Monte, Morás, Portocelo, A Rigueira, Sumoas, Xove e Xuances. A capital esta no lugar de Xove, na parroquia homónima. O concello atópase a 163 km de Santiago de Compostela e a 106 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Viveiro.
Xeografía física
A configuración orográfica de Xove vén determinada por dous compoñentes: un perfil costeiro accidentado e os contrafortes das serras setentrionais. A costa é recortada (puntas Mansa, Recortadoira e de Morás), resolta en frecuentes acantilados e pequenas praias nas escasas calas. A franxa costeira, que ocupa o terzo setentrional do territorio, está accidentada por algúns outeiros (Vela, 155 m; Alto do Lago, 168 m) que impiden o desenvolvemento da rasa presente noutros concellos mariñáns. Unha extensa franxa na que o val do río da Regueira se abre progresivamente cara ao N, delimitado ao O polos montes de Buio e ao L por unha pequena serra que o separa do val do río Cobo. Os montes de Buio seguen unha dirección practicamente S-N, con altitudes entre os 300 e 500 m (Buio, 600 m; Nadela, 346 m); a serra que polo L pecha o val do Regueira apenas supera os 400 m (Cabaleiros, 450 m). O extremo S correspóndese cos contrafortes setentrionais da Serra do Xistral, que se resolve nun potente macizo delimitado por fortes pendentes e con altitudes que superan os 700 m (Pan da Vella, 705 m). O territorio repártese entre os dominios climáticos oceánico húmido e oceánico de transición. Localizado na beira do mar Cantábrico, os seus rexistros termopluviométricos están suavizados pola influencia mariña, o que provoca unha notable suavidade climática. A temperatura media anual é de 13°C. A media de xaneiro é de 9,3°C e a de agosto é de 17,7°C. A amplitude térmica extrema chega aos 14,1°C. A precipitación media anual é de 793 mm, cunha distribución estacional moi equilibrada: predominan as choivas de outono, cun 33%, fronte ao verán, algo máis seco co 17%, ficando con valores intermedios o inverno e a primavera co 25% cada unha. A hidrografía está constituída por ríos de escasa lonxitude, con direccións usualmente S-N e con cursos claramente diferenciados entre as súas cabeceiras (con fortes pendentes) e os tramos medio e baixo. O máis importante é o río da Regueira, que nace nos montes de Buio e forma un amplo val no centro do municipio, desembocando á altura de Morás. Outro río destacado é o Cobo, que nace nas abas do Pan da Vella, e só percorre parcialmente o SL do concello. A vexetación clímax do municipio é moi escasa, as plantacións de eucaliptos acabaron cos antes abundantes carballos e castiñeiros, que só se conservan en pequenos bosquetes nos vales.
Xeografía humana
A poboación de Xove permaneceu a grandes trazos estable, aínda que é algo menor que a de 1950, momento en que acadou o seu máximo demográfico. Entre 1900 e 1910 viviu unha etapa de leve crecemento (0,37% interanual), contrapesada pola perda de habitantes rexistrada entre 1910 e 1930 (-031% interanual). Entre 1930 e 1950 rexistrou un leve incremento no seu censo (0,47% interanual), que deu paso a unha prolongada etapa de lenta e continuada perda de poboación (-0,36% interanual). O s XX rematou cunha moderada recuperación, plasmada nunha taxa interanual do 0,42%. Entre 2001 e 2007 a población medrou un 1,55%. A taxa de natalidade (2006) é do 5,5‰ e a de mortalidade do 14,4‰, o crecemento natural é negativo, -8,9‰. Os maiores de 65 anos son o 23,6% da poboación fronte ao 13,1% de menores de 20 anos e o 63,3% do grupo intermedio. Por sexos, a poboación está equilibrada (50,31% de mulleres)
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Xove é do 46,1%, (56,2% a masculina e 36,3% a feminina; a taxa de ocupación é do 42,3% (52,9% a masculina e 31,8% a feminina); e a taxa de paro do 8,4% (5,8% a masculina e 12,3% a feminina). O sector primario aínda mantén unha certa importancia pois acolle ao 23% do emprego, incluíndo a pesca. A superficie cultivada representa o 8,19% do territorio, ocupado en gran medida por plantas forraxeiras (63,84% do labradío) e por pataca (13,97%) e millo (13,56%). Os prados e pastos abranguen o 8,73% do seu territorio. O armentío bovino está composto por 1.649 cabezas (2007), preferentemente destinadas á produción de carne. Xunto co bovino destacan os grupos de cabalos que pastan en réxime de semiliberdade polos montes de Buio. A pesca acolle ao 9,1% da poboación ocupada, aínda que non existen portos de relevancia, polo que a maioría traballa en pesqueiros con base en Celeiro (Viveiro). A industria acolle o 21,6% da man de obra, fundamentalmente na planta de elaboración de alumina situada na parroquia de Morás, onde conta cun porto de uso particular; hai tamén empresas de extracción de áridos e fabricación de formigón. A construción emprega ao 10,9% da man de obra, e no concello localízanse algunhas construtoras con intereses no sector da edificación da próxima vila de Viveiro. Os servizos dan ocupación ao 44,6% dos traballadores, fundamentalmente no equipamento terciario asentado na vila de Xove, pero tamén nas próximas San Cibrao e Viveiro. A principal vía de comunicación é a estrada LU-642, de Viveiro a Ribadeo. Tamén está atravesado pola vía de ferrocarril, da compañía FEVE, que une Ferrol con Oviedo.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nos castros conservados, dos que destacan os de Illade, Sumoas e Couto da Vela. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Portocelo, señorío do bispo de Mondoñedo; Galdo, señorío do marqués de Alcañizas, e Viveiro, señorío de reguengo. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución polo municipalismo. Daquela creouse o concello de Xove. A derrogación da Constitución por Fernando VII en 1823 supuxo o retorno ao Antigo Réxime ata a recuperación do municipalismo en 1835. Daquela formáronse no seu territorio os concellos de Portocelo, Galdo e Viveiro. En 1840 creouse o de Xove.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de Lago, Xances e Xove, o pazo da Rigueira, os hórreos da Barxa e Vilachá e os pombais espallados por todo o concello. O patrimonio natural está composto polos espazos naturais de Monte Maior e da Serra do Xistral, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, a romaría de Santo Antonio, na Rigueira, e as festas de San Bartolo, en Xove.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Mariña Occidental, A
Extensión 89 Km2
Poboación Total 3602 h
Poboación Homes 1789 h
Poboación Mulleres 1813 h
Densidade de poboación 40.47 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias