xudaísmo
(< lat Iudaismu < grìουδαïσμóς)
Relixión dos xudeus, fundada por Abrahám e fundamentada na alianza entre Iavé e os patriarcas. Enfrontada ao naturalismo politeísta dos pobos veciños, o pobo de Israel propuxo un monoteísmo estrito. A alianza entre Iavé e o pobo de Israel establecía a protección do primeiro sobre o pobo, que a cambio lle ofrecía a propia imposición dun sinal (circuncisión) e o sometemento a unha lei, a Tora que, explicada no Pentateuco, constituíuse como un código que recollía os principais textos do xudaísmo. Ademais da Tora e dos outros libros do Antigo Testamento aceptados polo xudaísmo, transmitíronse un conxunto de tradicións xurídicas coñecidas como Mišnà, como complementarias. Tanto esta coma os comentarios rabínicos posteriores (Guemará), constituíron o Talmud. As principais festividades xudías son o sabbath, a Pesa ḥ (Pascua), o Sabu’ot (Pentecoste) ou o Sukkõt (festa dos Tabernáculos). O Roš-ha šaná (día anual) inaugura dous días de penitencia, o último, o Yom Kippur (día da expiación), dedícase á pregaria e ao xaxún. Os sábados e demais días festivos está prohibido traballar. Son festas menores a Ḥ anukà (festa da Inauguración ou das Luces), que conmemora a purificación do templo de Xerusalén despois das vitorias de Xudas Macabeo sobre Lisias (165-164 a C), o Purim (día das Sortes), aniversario da liberación dos xudeos de Persia grazas á Raíña Ester (a IV a C) e o mes de ab. As festas comezan pola tarde e duran ata o atardecer do día seguinte. A liturxia sinagogal prescribe tres pregarias ao día e en hebreo: pola mañá (ša ḥ ārit), a mediodía (min ḥ á) e ao atardecer (arbit). Nestas inclúese a amidà, que consiste nunha súplica de dezanove bendicións, entre as que se fai unha pregaria para a restauración nacional de Israel e a Šemà’ ou profesión de fe. Os oficios públicos na sinagoga inclúen ademais, oracións adicionais. Dos principais movementos sectarios do xudaísmo destacaron o fariseo, o saduceo, o essenio, o celote ou o caraíta. Posteriormente desenvolvéronse outras correntes reformistas como a cábala, o hasidismo ou o sionismo.