Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Ambía


Concello da comarca de Allariz-Maceda situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro da provincia de Ourense. Limita ao N cos concellos de Paderne de Allariz e Baños de Molgas (comarca de Allariz-Maceda), ao S cos de Sandiás, Sarreaus e Xinzo de Limia (comarca da Limia), ao L con Vilar de Barrio (A Limia) e Baños de Molgas (Allariz-Maceda), e ao O con Allariz (Allariz-Maceda). Abrangue unha superficie de 60,2 km 2 cunha poboación de 1.834 h (2007) distribuída nas parroquias da Abeleda, Armariz, Bobadela a Pinta, A Graña, Sobradelo e Xunqueira de Ambía. A capital é Xunqueira de Ambía, situada na parroquia homónima (42° 2 24 N - 7° 43 50 O), que se atopa a 22 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Ourense.
Xeografía física
En Xunqueira de Ambía predominan os terreos de orixe cámbrica e precámbrica, granitos con alternancia dalgúns xistos, todos eles moi fracturados. No S dominan os materiais aluviais do Cuaternario, nunha zona anteriormente ocupada pola Lagoa de Antela. Diferéncianse dúas áreas , separadas por unha serie de lombas elevadas arredor dos 750-800 m de altitude, que culminan, no centro L do concello a 803 m (Couto do Pedroso). A primeira delas correspóndese co val do Arnoia, máis ou menos encaixado e con alternancia de pequenas lombas, e a segunda, no S, é un espazo plano, que se corresponde coa depresión da Limia, de maior altura (650-700 m). Desde o punto de vista climático, pertence ao dominio oceánico, con matices continentais, dada a súa posición no interior de Galicia nunha área de elevada altitude media. Así, as temperaturas medias anuais non soben dos 10,5°C, con invernos fríos (4°C) e abundancia de xeadas, e veráns un tanto calorosos (20°C). As precipitacións sitúanse ao redor dos 1.000 mm.
Xeografía humana
Xunqueira de Ambía coñeceu dúas etapas ben diferentes desde o punto de vista da evolución demográfica: a primeira, ata 1950, onde a poboación medrou de forma constante, a pesar do baixón dos anos 1910 e 1920: 4.208 h (1900),4.090 h (1910) e 4.001 h (1920), 4.369 h (1930), 4.608 h (1940) e 4.981 (1950); e segunda, desde 1950 cando o éxodo rural se converteu nun feito xeneralizado que fixo descender de forma xeral a poboación: 4.584 h (1960), 3.705 h (1970), 2.957 (1981), 2.150 h (1996), 2.004 h (2001) ata chegar a 1.834 h (2007). A poboación vive en aldeas pequenas e concentradas, excepto a capital municipal, que, a pesar de ser un núcleo de 403 habitantes, concentra os servizos e equipamentos a escala municipal. %. A taxa de natalidade (2006) é do 2,7‰ e a de mortalidade do 21,5‰, o crecemento natural é negativo, -18,8‰ Os maiores de 65 anos son o 39,6% da poboación fronte ao 7,4% de menores de 20 anos e o 53,1% do grupo intermedio. Por sexos, a poboación está equilibrada ao 50%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) de Xunqueira de Ambía é do 39% (48% a masculina e 30,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 35,9% (43,6% a masculina e 28,4% a feminina) e a taxa de paro é do 8%. (9,2% a masculina e 6,3% a feminina). O sistema económico do concello presenta unha aparente harmonía entre os tres sectores, aínda que destaca levemente o secundario por enriba dos outros. O primario sempre tivo importancia na vida económica do concello, aínda que nos últimos tempos perdeu o seu peso. Emprega o 13,9% da poboación activa e os subsectores máis destacados son a agricultura e a gandaría. Dun total de 499 explotacións, a maior parte delas están dedicadas a cultivos (36% da superficie municipal), entre os que destaca a pataca da Limia, na zona sur . Tamén ten relativo peso o bovino na gandaría (740 cabezas). No secundario (44,4% do emprego), o concello non destaca en especial polo seu número de empresas. A construción supón o 20,4% da poboación activa, mentres que a maior parte dos activos industriais (24%) se desprazan diariamente a Ourense e ás vilas próximas de Maceda e Allariz. Hai pequenos serradoiros, panadarías e pequenas empresas cárnicas, pero tamén destacan algunhas industrias de tratamento e embotellado de augas, dada a presenza dun balneario no termo. No terciario (41,6% dos activos), tamén existe unha influencia da cidade de Ourense e as vilas próximas. O comercio, a hostalaría e os servizos públicos concéntranse fundamentalmente na capital municipal. Polo concello discorren a A-55 (Autovía das Rías Baixas) e a N-525 (Santiago de Compostela-Benavente), pero a principal estrada é a local que comunica Allariz con Maceda.
Historia
Os restos máis antigos de poboamento no territorio que conforma o actual concello de Xunqueira de Ambía datan de época megalítica e castrexa como o castro de Cerdeiras. Da presenza dos romanos na zona queda algún miliario e outros vestixios da Via XVII do Itinerario de Antonino, de Braga a Astorga, que atravesaba o territorio. Pero a historia do concello veu marcada pola suposta aparición dunha imaxe da Virxe no s IV nunha lagoa chamada Juncaria, onde se ergueu unha ermida no lugar no que posteriormente se construíu a colexiata de Santa María a Real. Durante o Antigo Réxime o territorio repartíase entre as xurisdicións de Armariz, baixo o señorío de Xabier Enríquez e o marqués de Bóveda; Xunqueira de Ambía, señorío do bispo de Valladolid, e o couto redondo de Sobradelo, señorío do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio ata 1823, cando se restaurou o réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa creación do concello de Xunqueira de Ambía, que non sufriu modificacións posteriores.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueológicos mencionados, destaca a igrexa (antiga colexiata) de Santa María a Real (BIC, 1931) e a casa Vilanova en Armariz, do s XVIII. O concello celebra as festas de San Brais en febreiro, da Asunción en agosto e san Pedro Mártir de Verona en abril, que son os patróns. Tamén son destacables as celebracións propias de Semana Santa e do Corpus Christi, cando as alfombras florais cobren as rúas da vila. En xullo ten lugar a Festa Castrexa. Destaca tamén a celebración do Ciclo Internacional de Órgano, especializado en música barroca.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Allariz-Maceda
Extensión 60 Km2
Poboación Total 1834 h
Poboación Homes 917 h
Poboación Mulleres 917 h
Densidade de poboación 30.57 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias