Xunqueira de Espadanedo, Santa María de

Xunqueira de Espadanedo, Santa María de

Mosteiro situado en Xunqueira de Espadanedo. Fundado cara a 1170, os seus monxes acolléronse á orde do Císter. As súas dependencias, que se construíron con dúas alturas ao redor dun patio, sufriron varias reformas ao longo dos ss XVI e XVII. Ademais dos dous reloxos de sol gravados no antepeito do sobreclaustro N, destaca a fachada, con porta alintelada entre pilastras acanaladas que rematan nunha cornixa con acrótera. Na parte central sobresae o escudo da Congregación de Castela entre varias cruces pertencentes a diferentes ordes militares. A parte S da á occidental acondicionouse como casa do concello. No que respecta á igrexa, anexada ás dependencias monacais, pasou a funcionar como unha igrexa parroquial desde a exclaustración do mosteiro (1835). Presenta planta basilical de tres naves, a central de anchura dobre, e cinco tramos separados por piares cruciformes, rematadas en tres ábsidas, a central precedida por un tramo recto. A cuberta realizouse en madeira, a dúas augas no exterior. Destacou pola austeridade decorativa e ornamental. Ademais da porta N, cegada e con dobre arquivolta formada por arcos de medio punto, destaca a fachada principal (1801) con portada alintelada sobre a que sobresae a fornela en forma de vieira coa imaxe de san Bernaldo, unha fiestra rectangular, con volutas helicoidais aos lados e un frontón triangular, que coroa a fachada e a partir do que se ergue a torre do campanario, de dous corpos. A cornixa sobresae do paramento e leva pináculos piramidais nas esquinas. Diante dela abriuse unha escaleira barroca, de dobre rampla. No interior destaca o altar de pedra, de estilo románico, o retablo maior, de tres rúas e dous corpos, atribuído a Juan de Angés, os retablos barrocos das capelas laterais e o sartego do cabaleiro Payo Yáñez de Abeleda. Foi declarada BIC en 1981.