bagua*
Nome co que se designa os oito trigramas fundamentais do tratado clásico chinés Yijing. Cada trigrama está formado pola sucesión de tres liñas, enteiras ou partidas. Unha liña enteira representa o yang, principio activo, masculino, luminoso. Unha liña partida representa o yin, principio pasivo, feminino, escuro. A presenza destes principios no trigrama determina a realidade que simbolizan, comezando polo trigrama quian (tres liñas enteiras), que representa o ceo, e rematando polo kun (tres liñas partidas), que representa a terra. A combinación dous a dous destes trigramas dá os 64 hexagramas estudiados polo Yijing. Serviron primeiro para a adiviñación e representaron despois un papel fundamental na filosofía chinesa, sostendo as especulacións cosmolóxicas e físicas do Neoconfucionismo.