Baia
Nome de muller procedente do grego Eulalia ‘elocuente, que fala’, formado por eu (ε ὖ ) ‘ben’ e laleo (λαλέω) ‘falar’. En galego este nome coñecen diversas variantes que perviven nos títulos das parroquias e nos apelidos. Como antropónimo presenta as formas Alla, Balla e Oballa. A forma Olalla e o apelido Santaolalla poden ser semicultismos pero coinciden co castelán. A forma cultista Eulalia introduciuse recentemente na lingua por influxo da Igrexa e por cadrar coa forma castelá; só as formas enxebres deron apelidos galegos como Santalla, Santabaia, Santoalla. Moitas parroquias que teñen a advocación a Santa Eulalia figuran na documentación que chega ao s XV como Santa Alla (o caso de Arca) ou Santa Balla. A lenda conta que santa Baia (ss III-IV) foi mártir de Mérida ou de Barcelona, cidades que se disputaron a súa procedencia. Con doce anos sufriu duros tormentos ao declararse cristiá perante o procurador Daciano e ao negarse a adorar os deuses romanos, amais de ter o atrevemento de pisar as súas efixies. Como castigo a tal ousadía fixérona azoutar cruelmente, esfolaron o seu corpo adolescente con anciños e garfos de ferro e, finalmente, decapitárona. Santa Baia é a santa con culto máis antigo na Península Ibérica (s IV); en Galicia, o seu culto está bastante estendido, probablemente pola antiga relación da Gallaecia con Emerita Augusta, capital da Lusitania. Existen moitas probabilidades de que o Cristianismo chegase a Galicia dende África, vía Mérida, cidade que tivo o seu sartego nun santuario, saqueado tempo despois polo Rei suevo Hermigario. O cronista galego Hidacio atribuíulle a esta profanación a derrota e morte do Rei a man dos vándalos. Hai quen supón que a historia desta mártir adolescente -coincidente, en liñas xerais coa de santa Inés e santa Fe- responde a un ideario precristián relacionado cos cultos mistéricos procedentes de Oriente. En Santa Baia de Bóveda existe un edificio-acuario con pinturas tardorromanas onde se supón que pode estar enterrado Prisciliano. Na necrópole tardorromana de Santa Baia de Tines atopouse o primeiro testemuño epigráfico cristián de Galicia: a estela de Victorinus, de finais do s IV. Esta santa, avogosa dos partos, celébrase o 10 de decembro (a de Mérida) ou o 12 febreiro (a de Barcelona). É titular de 138 parroquias (1 coa forma Baia, 6 como Olalla, 2 como Santalla e o resto na forma culta Eulalia). A tradición oral está inzada de refráns que recollen o nome desta santa: “Pola santa Baia a bubela canta”, “Por santa Baia xa o sol arraia”, “Sementeira de santa Baia, fartura de grau e palla”.