Bailadela da morte ditosa

Bailadela da morte ditosa

Texto dramático co que Roberto Vidal Bolaño gañou en 1980 a oitava e última edición do Concurso Nacional de Obras Teatrais en galego Abrente, que convocaba a Asociación Cultural homónima co gallo da celebración da Mostra de Teatro Galego de Ribadavia. A obra, que confirmaba as expectativas xeradas por un dos autores máis significativos da denominada Nova Dramaturxia, marca o inicio da madureza dramatúrxica do seu autor e indica as liñas que constitúen o que se vai ir configurando como un “teatro de derrota e dignidade”, despoxado de todo idealismo e quizais tamén de calquera esperanza. A peza constrúese a partir de seis baileretadas que constitúen, en realidade, as seis estacións dun viacrucis gozoso no que os derrotados da vida saúdan e abrazan a morte como única posibilidade de vitoria e como última defensa da súa dignidade, sen deixar de facer referencia á vella Galicia rural, un mundo que desaparece engulido pola barbarie alienante das cidades e polo poder que alimenta e xustifica esa barbarie. O espectáculo homónimo foi producido pola Cooperativa Teatral Galega Teatro do Estaribel, coa dirección de Eduardo Alonso. Estreouse o 24 de xuño de 1980 no Museo do Pobo Galego, cun elenco integrado por Bernardo Corral, Luma Gómez, Miguel Ínsua, Laura Ponte e Roberto Vidal Bolaño. Realizaron máis de sesenta representacións con grande asistencia de público, demostrando as potencialidades reais dun teatro galego que loitaba, naquela altura, pola súa lexitimación social e profesional. A crítica da época definiu esta proposta como sólida, rigorosa, cobizosa e de alto nivel. Destaca, sobre todo, a dirección de Eduardo Alonso, a escenografía de Luma Gómez e Roberto Vidal e a interpretación de todo o equipo; especialmente, a de Laura Ponte e a de Roberto Vidal Bolaño, encarnando a figura dun vello fogueteiro para quen a vida deixou de ter sentido.

Palabras veciñas

1 bailadeira | 2 bailadeira | bailadeiro -ra | Bailadela da morte ditosa | bailado -da | bailador -ra | bailanacriba