Baiona

Baiona


Concello da comarca de Vigo situado na provincia de Pontevedra, ao S da Comunidade Autónoma de Galicia (latitude 42° 07’ N, lonxitude 8° 51’ 10’’ O). Acoutado polo Océano Atlántico ao N e polos ríos Miñor e Groba no L, limita ao N co concello de Nigrán; ao S co de Oia (Baixo Miño), polo L cos de Tomiño (Baixo Miño) e Gondomar, e co de Oia ao O. Abrangue unha superficie de 34,5 km 2 e cunha poboación de 11.839 h (2007), distribuída nas parroquias de Baíña, Baiona (Santa María e Santa María de Fóra), Baredo, Belesar e Santa Cristina da Ramallosa .A capital municipal é Baiona, situada a 114 km de Santiago de Compostela e a 21 km de Vigo. Está adscrito ao partido xudicial de Vigo e á diócese de Tui-Vigo.
Xeografía física
O termo municipal de Baiona atópase baixo o dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival, caracterizado por unhas elevadas precipitacións (uns 1.700 mm anuais), concentradas especialmente no outono-inverno, e unhas temperaturas medias ao redor dos 15°C. A temperatura media anual é de 14,9°C, sen descender dos 10°C de media en todo o ano. A temperatura media das mínimas máis baixa atópase no mes de febreiro, como é propio dos climas atlánticos, marcando unha media de 6,8°C. A temperatura media máis elevada rexístrase en xullo, sobre os 24,5°C. Mentres tanto, a temperatura mínima absoluta é propia de xaneiro (1,7°C) e a máxima absoluta tamén de xullo (32,7°C). O total de precipitación anual chega aos 1.695 mm, concentrada fundamentalmente de outubro a xaneiro, cando se recolle o 86% do total de precipitacións. Os meses máis chuviosos son novembro, decembro e xaneiro, nos que poden precipitar ata 200 mm cada mes. A media de días con ceos cubertos é de 130 fronte aos 83 despexados. O número de días de xeada é reducido, debido á influencia oceánica. As precipitacións son consecuencia fundamentalmente da fronte polar atlántica que, con compoñente oeste, varren as costas galegas descargando a auga cando entra en contacto cun medio (terrestre) máis cálido. A suavidade da liña litoral deste último tramo da ría de Vigo, sobre todo dende a desembocadura do río Miñor ata o núcleo de Baiona, determina un relevo pouco accidentado. Neste tramo de costa cómpre destacar a frecha litoral da Ladeira (praia da Ladeira) no esteiro e desembocadura do río Miñor, a punta Sansón e a punta Fornos, así como as illas Estelas, arquipélago composto por dúas illas, a Estela de Dentro e a Estela de Fóra, e, ao O delas, as illas Serralleiras. Nas proximidades de cabo Silleiro existen dúas pequenas illas: Polveiras e A Carral. A morfoloxía litoral cambia fondamente a partir de cabo Silleiro: o litoral tórnase abrupto, rochoso e os acantilados son unha constante. No límite co concello de Oia está a punta das Negras e a illa Negra. Entre as praias do concello destacan A Ladeira, Barbeira e A Concheira. A suavidade litoral contrasta coas altitudes da serra da Groba, fundamentalmente no lugar de nacemento do río Groba (Boca da Groba) e no Alto Pozas, no SL do concello. O relevo é bastante accidentado a medida que nos diriximos ao interior do municipio, acadando alturas superiores aos 600 m nos picos da Gabiñeira (636 m) e a Groba (652 m). O contexto estrutural deste territorio das Rías Baixas está composto maioritariamente por rochas graníticas, agás a banda de xistos e cuarcitas da serie de Monteferro-O Rosal, que se estenden pola parte oriental do municipio (na parroquia da Ramallosa) e os substratos de sedimentos terciarios e cuaternarios nos contornos dos principais ríos que drenan o concello: o Miñor, o Groba e o arroio das Tres Regueiras. Nas vertentes do río Groba cara ao seu nacemento cóntase cunha importante base de rochas metamórficas. A rede fluvial está dominada pola presenza do río Miñor, que forma a chamada ría de Baiona, ademais do Groba e os arroios de Baíña e das Tres Regueiras. Coa excepción do Miñor, Zamáns no seu curso alto, todos eles nacen na serra da Groba e descenden ata desembocar no propio Miñor o primeiro, e no océano o resto.
Xeografía humana
A poboación de Baiona experimentou desde 1887 un crecemento constante, salvo unha breve e pequena recesión no decenio 1981-1991. Deste xeito entre 1887 e 1996 aumentou os seus efectivos nun 142%; entre 1996 e 2001 o crecemento fixouse nun 4,11%, cifra que se duplicou no período 2001-2007 cun 8,30%. Afastada da pauta xeral nos concellos galegos, Baiona non experimentou perda poboacional nos momentos de maior crise demográfica, consecuencia das distintas saídas migratorias (América, Europa Occidental e as cidades máis industrializadas de España), a pesar de que tamén coñeceu unha importante emigración. Este crecemento positivo en todos os períodos intercensais explícase fundamentalmente por un crecemento vexetativo positivo motivado por unha elevada natalidade. Esta dinámica está apoiada nunha natalidade importante, do 9,6‰ (2006) aínda que en leve descenso nos últimos anos ao carón dos comportamentos xeneralizados en Galicia de baixas taxas de natalidade e fecundidade e do control da natalidade propio do mundo desenvolvido. A unha taxa de mortalidade é do 7,7‰. A estrutura por sexo da poboación amosa un equilibrio entre ambos sexos (50,43% de mulleres e 49,56% de homes). A estrctura por idades caracterízase pola aínda importante porcentaxe de poboación nova e adulta-nova, ao contrario do que está a suceder na maioría do territorio galego. A mestura dunha taxa de natalidade aceptable cunha presenza importante de poboación nova procedente de Vigo, que instala neste concello a súa residencia principal, contribúe a dinamizar e reducir porcentualmente a participación dos maiores de 65 anos (14,6%), fronte ao 14,03% dos menores de 20 anos e o 71,37% dos situados entre os 16 e os 65 anos. A distribución por sexos está equilibrada cun 49,56% de homes e un 50,43% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Baiona é do 57,3% (70% a masculina e 45,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 53,1% (65,9% a masculina e 41% a feminina) e a taxa de paro é do 7,3% (5,8% a masculina e 9,6 % a feminina). A economía do concello de Baiona está centrada fundamentalmente na produción derivada do sector terciario e nas importantes achegas dependentes dos subsectores pesqueiro e marisqueiro. O sector servizos acolle ao 56,7% da población activa que desenvolve o seu traballo principalmente nos subsectores máis relacionados co turismo, o comercio e a hostalaría. O sector secundario, industria e construción, ocupa ao 16,4% respectivamente e 12,7% respectivamente. Polo que respecta ao sector primario, a agricultura ocupa ao 1,3% dos activos mentres que as actividades de pesca e marisqueo reflecten unha taxa do 12,8%. O tecido empresarial de Baiona está caracterizado pola participación nas actividades derivadas do desenvolvemento do turismo, que pasou a substituír á industria conserveira, a máis importante ata hai unhas décadas. A dimensión das sociedades industriais baionesas é máis ben cativa, baseándose en pequenos talleres, empresas de construción e algunha industria relacionada co sector alimentario. Situada na periferia urbana de Vigo, a súa área de influencia é reducida, limitándose ao seu propio termo municipal e a determinadas actividades comerciais, de ocio e servizos públicos para os concellos veciños de Nigrán, Gondomar e Oia. A dependencia de Vigo vese incrementada polas boas comunicacións: a PO-552 e a AG-57 (Autopista do Val Miño). Baiona constitúe un claro exemplo de transformación dun núcleo vilego en asentamento turístico, consecuencia dos dous períodos históricos máis importantes para o desenvolvemento urbanístico e socioeconómico da vila: a Idade Media e o crecemento turístico a partir da década de 1960, favorecido pola difusión das vacacións estivais e a adopción de novas formas de emprego do tempo de lecer. Foron en principio un grupo de persoas pertencentes á burguesía industrial viguesa, xunto con profesionais liberais e altos cargos da administración pública, os que acudiron a Baiona para fundar un club náutico, o Monte Real Club de Yates (1964), onde poder practicar o deporte da vela sen os obstáculos que supuña o gran tránsito comercial do porto de Vigo. A carón do club marítimo, estas familias estableceron as súas residencias de recreo. A expansión das clases medias urbanas da cidade de Vigo e o auxe no seu poder adquisitivo nas décadas dos oitenta e noventa, permitiulles imitar estas pautas de comportamento no emprego do seu tempo de lecer e acceder tamén á posesión de segundas residencias, ben en vivendas unifamiliares, ben en apartamentos, co correspondente impulso para o sector da construción no concello e a transformación da orientación económica da vila cara a un perfil turístico ben definido.
Historia
Algúns autores atribúen a fundación de Avóbriga -primeiro nome de Baiona-, no ano 140 a C a Diomedes de Etolis, fillo do príncipe Tideo, fundador de Tui. Neste século produciuse a ocupación romana da Península, chegando os romanos a Baiona, sendo rexeitados polo exército do lusitano Viriato. Un século máis tarde (60 a C) Xulio César organiza nesta vila o seu exército, coa intención de asaltar as illas Cíes e expulsar os herminios. A Idade Media é unha etapa clave na Historia da vila na que comezou a configurar a actual trama urbana. En 1201 o Rei Afonso VIII de Galicia e León firmou nas illas Cíes unha carta de poboamento pola que outorgaba a Erizana o nome de Baiona e concedía aos seus habitantes importantes foros e privilexios para o comercio marítimo. Deixaba así de depender do señorío do mosteiro de Oia para converterse nun foco de atracción respecto a todo o Val Miñor nas actividades pesqueiras, comerciais e artesanais. No verán de 1348 penetrou na vila por vía marítima a peste negra, que causou a morte da maioría da poboación. Durante a guerra que enfrontou a Castela e Portugal, foi atacada pola flota do almirante portugués Pezanha (1331), que provocou grandes desfeitas, e catro décadas máis tarde (1370) polo rei luso Fernando I, que fixou a súa residencia na fortaleza do Monte Boi, ata que foi expulsado polos casteláns. Tras este período de guerras, no s XV Baiona recibiu un novo impulso; no 1425 o Rei Xoan II decidiu que A Coruña e Baiona fosen os únicos portos galegos nos que se descargasen as mercadorías procedentes do estranxeiro e, posteriormente, autorizou a este porto a importar e exportar calquera tipo de mercadoría. En 1474, Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga, sitiouna e tomouna por asalto, construíndo no pico do Monte Boi unha casa-torre que aínda hoxe permanece en pé como parte do actual Parador de Turismo. No tránsito do Alto Medievo á Idade Moderna, tivo lugar un dos acontecementos máis significativos da súa historia: a arribada, o 1 de marzo de 1493, da carabela A Pinta, comandada por Martiño Alonso Pinzón e pilotada por Diego Sarmiento -natural da comarca-, procedente das novas terras americanas. En 1497, os Reis Católicos concederon aos habitantes de Baiona numerosos privilexios e ordenaron que vivisen dentro do recinto da fortaleza de Monte Boi, que a partir de entón pasaría a chamarse Monte Real. Entre os privilexios outorgados aos 650 veciños figuraba a exención de servir na Armada de Castela. En 1585 convertida en baluarte de primeira orde no sistema defensivo da Galicia da época, o corsario inglés Francis Drake atacou a fortaleza, pero a poboación da comarca, dirixida polo entón conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña, obrígao a retroceder. Despois dos ss XVI e XVII, de grande esplendor para Baiona, sobreviñeron dous séculos de crise, fundamentalmente debido á diminución da actividade portuaria como consecuencia da competencia co emerxente porto de Vigo. En 1823 Baiona deixou de exercer a súa xurisdición sobre o Val Miñor e a súa influencia quedou reducida ao termo municipal. A industrialización das actividades pesqueiras de Vigo e as mellores condicións do seu porto provocaron o estancamento de Baiona. A partir da década de 1960 iniciouse unha etapa fundamental para o seu desenvolvemento económico coa potenciación do turismo e a inauguracióin do Parador Nacional Conde de Gondomar no Monte Real, que provocaron unha transformación tanto na escena urbana como nas variables demográficas. A constitución do concello de Baiona tal e como hoxe se coñece sufriu diversas variacións nos últimos dous séculos. No Censo de Floridablanca reflíctese que as parroquias que formaron o concello eran xa da xurisdición de Baiona, agás a de Baredo, segregada posteriormente da de Baíña. Durante o período de 1812-1814, no que hoxe é o concello de Baiona constituíronse tres municipios: Baiona, que integraba as parroquias de Baiona, Baíña e Baredo; Belesar, coa única parroquia de Belesar; e A Ramallosa, que agrupaba as de Santa Cristina da Ramallosa, San Pedro da Ramallosa (hoxe no concello de Nigrán) e Borreiros (hoxe no concello de Gondomar). A constitución do municipio de Baredo (Baredo e Baíña), consecuencia da reestruturación administrativa de 1820, reduciu Baiona á vila e á súa propia parroquia. Na división municipal de 1835, Baiona constituíuse como concello coas seis parroquias que o integran na actualidade.
Patrimonio cultural
O principal monumento relixioso da vila é a Colexiata de Santa María, exemplo do románico de transición datado en 1278, hoxe igrexa parroquial. Na parroquia de Baíña atópase a capela de Santa María, de orixe románica (s XIII). O cruceiro-templete da Trindade é un cruceiro de pedra de estilo gótico (finais s XV-principios s XVI) cuberto por un baldaquino renacentista. No conxunto histórico de Baiona, declarado BIC en 1993 e cunha estrutura medieval ben conservada, atópase o pazo dos Mendoza (s XVII). A fortaleza de Monte Real conserva as murallas do s XVI, coas ameas e camiños de rolda, as Torres do Reloxo, do Príncipe e da Tenaza, ademais de mobiliario e artefactos da época. No eido do patrimonio natural destacan as súas praias. O patrimonio natural está representado polo espazo natural da Ramallosa, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Xunto coas festas parroquias, cómpre destacar a romaría que se celebra o cuarto domingo de agosto ao pé do monumento á Virxe da Rocha, construído en 1912 por Antonio Palacios, e a recreación da Arribada.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Vigo
Extensión 34 Km2
Poboación Total 11839 h
Poboación Homes 5868 h
Poboación Mulleres 5971 h
Densidade de poboación 348.21 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias