Baixa Saxonia
Land de Alemaña (47.612 km2; 7.815.148 h [1997]). A capital é Hannover. Esténdese pola chaira do norte, e limita ao N con Slesvig-Holstein, Hamburgo e Mecklenburgo-Pomerania Occidental, ao L con Saxonia-Anhalt e o S con Turinxia, Hessen e Renania do Norte-Westfalia. A rexión da chaira do norte, incluída na gran chaira da Europa setentrional, ocupa a maior parte do estado. A rexión litoral está formada por depósitos morrénicos (marschen), da mesma orixe que os pólders holandeses. O sur do estado corresponde á rexión herciniana de Alemaña, área constituída por granito, gneises e xistos que afloran nos macizos, entre os que se atopan as concas recubertas por formacións sedimentarias. O land está regado polas concas do Ems, do Weser e do Elba. A economía baséase na agricultura (acelgas, patatas e cereais) no N do país, na gandería (no N e no O) e na industria. A Baixa Saxonia posúe depósitos minerais para prover unha importante industria, moi favorecida, ao mesmo tempo, por unha excelente rede de comunicacións. Hannover é a cidade principal. O land actual ten como precedente o círculo da Baixa Saxonia do Sacro Imperio, co que se corresponde en parte. Despois da Segunda Guerra Mundial convertéuse nunha rexión administrativa da zona de ocupación británica (1946). En 1949 foi incorporada a RFA.