baixoalemán -na
(< baixo + alemán)
-
adx
Relativo ou pertencente ao baixoalemán.
-
s
m
[LING]
Grupo de falas alemanas occidentais, con exclusión do anglofrisón, que non sufriron a segunda mutación consonántica que deu lugar á diferenciación do altoalemán. As falas baixoalemanas conservan as oclusivas xordas que pasaron no altoalemán a fricativas ou africadas. A historia do baixoalemán divídese no período do antigo baixoalemán ou antigo saxón (800-1200), o do medio baixoalemán (1200-1600) e o dos actuais dialectos (Niederdeutsch ou Plattdeutsch) desde 1600. As isoglosas do fenómeno da mutación consonántica non coinciden dunha maneira absoluta cando fan referencia a posicións ou lexemas concretos. As matanzas e os desprazamentos da poboación, que acompañaron e seguiron ao afundimento alemán na Segunda Guerra Mundial, fixeron desaparecer en gran parte as falas baixoalemanas máis orientais do seu asentamento tradicional. As falas da Alemaña oriental e occidental estiveron afectadas pola afluencia de refuxiados doutras áreas lingüísticas e pola difusión do altoalemán común como lingua vehicular, difundido a través do ensino e dos medios de comunicación. O baixoalemán fálano uns 12 millóns de persoas. O baixo francón desenvolveuse nos Países Baixos e en Flandres, ata converterse nunha lingua de cultura, o neerlandés, co seu derivado, o afrikaans. As falas de Alemaña mantéñense actualmente como linguas provinciais. Os textos literarios máis antigos (s IX) son o poema de tema bíblico Heliand (O Salvador) e os fragmentos dunha tradución da Xénese. Foi o idioma vehicular do norte de Alemaña desde o s XIV. Baseado sobre todo na fala de Lübeck, influíu moito sobre o vocabulario de cultura do danés e do sueco. Entre as obras literarias notables da Baixa Idade Media cómpre mencionar a versión definitiva de Reineke Vos (O raposo Renard) e o orixinal de Dill Ulenspiegel (Till Eulenspiegel). Foi substituído gradualmente como lingua de cultura a partir do s XVI polo novo alemán literario introducido por Lutero. Volveu, sen embargo, a ser empregado como vehículo literario na calor do Romanticismo e do interese polas peculiaridades rexionais do s XIX.