balanza

balanza

(< lat bilance)

  1. [METROL]
    1. s f

      Instrumento que permite medir a masa dun corpo comparándoa coa doutro, de masa coñecida, mediante a igualación ou determinación da relación existente entre os seus pesos nun campo gravitatorio calquera. O tipo básico é o da balanza que ten os brazos de igual lonxitude, ou balanza de brazos iguais. Esta, en esquema, está formada por unha barra ríxida chamada hastil ou brazo, que é atravesada transversalmente por tres prismas de aceiro denominados fulcros. A aresta inferior, ou coitelo, do fulcro central do hastil descansa sobre unha superficie horizontal dura (de ágata ou aceiro) que forma parte do soporte fixo da balanza, e constitúe deste xeito un eixe horizontal e perpendicular ao hastil ao redor do que este pode oscilar. Enriba dos coitelos dos fulcros dos extremos do hastil sitúanse dúas placas duras, das que penduran os dous pratos, totalmente iguais, destinados a soster as masas que se comparan. A agulla da balanza, solidaria e normal ao hastil, oscila nunha escala que ten como centro a posición de equilibrio, posición que se acada cando as masas comparadas son iguais. O funcionamento da balanza está baseado no principio da panca; unha balanza é unha panca de primeiro xénero na que unha das masas fai de resistencia e o peso da outra actúa como potencia. A balanza ten que estar axustada de tal xeito que, ao pendurar os pratos, se manteña a posición inicial de equilibrio, coa agulla manténdose sobre o cero. A calidade ou exactitude da balanza determínase polos criterios de fidelidade, xusteza e sensibilidade (ou precisión). A fidelidade mide o grao en que é consecuente para dar un mesmo valor a unha serie de determinacións dunha mesma masa. Dise que unha balanza é xusta cando, ao estar en equilibrio, este non se modifica ao colocar en cada prato unha masa idéntica. A masa dun corpo determínase equilibrándoa mediante masas coñecidas, método chamado de pesada simple. Hai métodos que permiten eliminar a influencia de causas alleas á estrutura propia da balanza. O método da pesada dobre (ou de Borda) consiste en colocar un peso coñecido nun prato e o corpo que se quere pesar no outro. Mediante pesos suplementarios, engadidos a aquel, acádase o equilibrio. Substituíndo os pesos do segundo prato por outro peso coñecido, unha vez acadado o equilibrio, atópase o peso descoñecido. A sensibilidade ou precisión dunha balanza é o valor da sobrecarga máis pequena que, aplicada sobre un dos pratos, produce un desprazamento perceptible da agulla. As balanzas coñecidas en Oriente Próximo, tanto en Mesopotamia como en Exipto, pertencían ao tipo da balanza de brazos iguais, sostida por unha columna. No mundo grecorromano empregábanse dous tipos de balanza que, case sen variacións, se mantiveron ata a actualidade. Un deles é a balanza de brazos iguais, de bronce ou de ferro, chamada en latín libra e en latín tardío bilancia. A outra chámase actualmente romana (στατήρ, en grego; statera, en latín), con numerosos exemplares en todo o mundo romano. No s XIX apareceron novos modelos, introducidos coa revolución industrial.

    2. balanza analítica

      Balanza aperiódica de precisión; é, polo tanto, unha balanza de precisión que leva nos extremos do hastil uns dispositivos que amortecen as oscilacións, de tal xeito que a lectura das pesadas é moi rápida. É o aparello fundamental da análise química cuantitativa. En microanálise utilízanse as microbalanzas, das que se distinguen dous tipos: a microbalanza de oscilación libre e a microbalanza aperiódica.

    3. balanza aperiódica/balanza de Curie

      Balanza que leva nos extremos do hastil uns dispositivos que amortecen as oscilacións, de tal xeito que a lectura das pesadas é moi rápida. Normalmente os amortecedores son de aire, de aceite ou ben electromagnéticos.

    4. balanza automática

      Balanza dun só prato que indica directamente a masa medida, equilibrando por si mesma a carga. É a balanza típica das transaccións do comercio e da industria. Consta dunha panca dobrada en ángulo cun fulcro: ao situar nela a carga, o conxunto xira un ángulo que depende da masa da carga. As balanzas electrónicas indican o peso, o prezo da mercadoría, e normalmente proporcionan unha nota impresa cos detalles da pesada.

    5. balanza de contar

      Balanza que determina o número de pezas dun lote mediante a comparación do seu peso co dunha peza individual.

    6. balanza de contrapeso

      Balanza automática, cun só prato e un contrapeso ao outro extremo do hastil, na que unha articulación transmite directamente o descenso do prato cargado á escala de lectura que, en forma de arco, se despraza por diante da agulla indicadora fixa. O tipo máis corrente é o pesacartas.

    7. balanza de precisión

      Balanza que, polo seu deseño, os seus materiais e a súa coidadosa construción, fai posible a determinación de masas cun grao elevado de exactitude. Para evitar a influencia das correntes de aire e por protección, a balanza está pechada no interior dunha vitrina, accesible pola súa parte frontal ou polos costados para manipulala. A gran parte das balanzas de precisión, e todas aquelas destinadas ao uso analítico, son do tipo aperiódico (balanza aperiódica). Os modelos antigos inclúen un mecanismo de pancas que permite incorporar os pesos dende o exterior. O hastil está fabricado con aliaxes lixeiras, para que non se deforme facilmente, e normalmente está graduado para desprazar sobre si os réiteres, pequenos fíos metálicos en forma de V invertido. Para evitar que o peso dos pratos e do brazo sexan aplicados innecesariamente sobre os fulcros, existe un mecanismo de suspensión que os separa mentres non se utiliza a balanza. Actualmente, as balanzas de precisión só teñen un prato, o outro foi substituído por un sistema de suspensión; non obstante non se debe confundir coa balanza dun só prato. As máis recentes proporcionan unha lectura dixital.

    8. balanza de Roberval

      Balanza de brazos iguais na que os pratos, en vez de pendurar dos extremos do hastil, repousan sobre dúas coitelas, de xeito que quedan ao descuberto para facer doada a manipulación dos pesos e da mercadoría. Foi moi utilizada comercialmente antes da difusión da balanza automática. A estabilidade dos pratos acádase mediante dúas varas, conectadas entre si por unha barra que xira ao redor do punto fixo e que fai de segundo hastil; deste xeito os puntos dos hastís situados no eixe da balanza permanecen fixos.

    9. balanza dun só prato

      Tipo de balanza analítica de pesada rápida que só presenta o fulcro de suspensión do hastil nun só dos pratos. O corpo que se quere pesar colócase no prato, onde se engaden unha serie de pesos determinados; o peso total do prato equilíbrase cunha carga fixa situada no outro extremo do hastil. Neste caso o peso do corpo determínase mediante o método da pesada dobre.

    10. balanza semiautomática

      Balanza que resulta de combinar unha balanza de Roberval co mecanismo dunha balanza automática. A masa que se quere determinar, situada no prato A, tira no punto S da cinta metálica tanxente á parte circular do mecanismo de levas, e disto resulta a indicación do peso sobre a escala.

  2. [METROL]
    1. balanza de torsión

      Dinamómetro de torsión, baseado na deformación de dous resortes espirais ou na deformación por torsión dunha cinta metálica pola acción do momento do peso do corpo aplicado ao extremo dun hastil. Presenta unha escala circular debidamente medida en cargas, correspondentes a diversos ángulos de torsión. Ten un axuste de cero, indicado pola coincidencia co cero da escala de dous índices, un deles fixo e o outro solidario co hastil. Ao cargar a balanza, o índice móbil desprázase conxuntamente con todo o hastil. Facendo xirar ao mesmo tempo o punto de fixación e a escala medida, aplícase unha torsión contraria a un dos resortes ou a un dos extremos da cinta. Cando o índice do hastil volve coincidir co fixo, a lectura da escala corresponde ao peso do corpo que se examina.

    2. balanza electrodinámica

      Tipo de electrodinamómetro no que as accións electrodinámicas se equilibran con pesos.

    3. balanza electromagnética

      Balanza que permite medir a forza de Laplace que un campo magnético exerce sobre unha corrente eléctrica. A balanza de Cotton é un exemplo particular delas.

    4. balanza gravimétrica

      Instrumento que permite medir con precisión a gravidade. Utilízase na prospección gravimétrica para determinar a composición do subsolo.

    5. balanza hidrostática/balanza de Arquímedes

      Aparello empregado para determinar a densidade relativa de sólidos e líquidos. Basicamente consiste nunha balanza clásica que, debaixo dun dos pratos, leva un gancho no que se colga o corpo do que se quere determinar a densidade.

    6. balanza magnética

      Instrumento que permite medir o compoñente vertical ou horizontal do campo magnético terrestre nun lugar concreto. Utilízase para a prospección magnética do subsolo. Tamén se denomina variómetro.

    7. s f

      Nome que reciben diferentes instrumentos utilizados para medir a forza e outras magnitudes da masa.

    8. balanza aerodinámica

      Mecanismo para medir as forzas e os momentos aerodinámicos no ensaio dun modelo sometido a un fluxo de aire nun túnel aerodinámico.

    9. balanza de Cavendish

      Instrumento que permite medir a forza gravitatoria exercida polas masas a partir da deformación por torsión dun fío metálico. Deste fío pendura unha vara que ten dúas bólas no extremo; situadas preto de dúas masas máis grandes, tenden a aproximarse a elas polo efecto da atracción gravitatoria, o que orixina un movemento rotatorio que se mide por medio dun sistema óptico.

    10. balanza de Cotton

      Balanza de precisión que permite medir a forza exercida sobre unha corrente eléctrica por un campo magnético, axustando o equilibrio desta mediante pesos de valor coñecido.

    11. balanza de Coulomb

      Instrumento que mide a forza electrostática mutua entre cargas eléctricas a partir da torsión dun fío metálico do que pendura unha vara con dúas bólas cargadas nos extremos. Funciona segundo a mesma idea da balanza de Cavendish.

    12. balanza de Curie-Chéveneau

      Magnetómetro que mide susceptibilidades magnéticas relativas.

    13. balanza de Eötvös

      Instrumento usado para determinar as variacións locais do campo gravitatorio. Basicamente consiste nun fío do que pendura unha vara que ten dúas masas de pesada nos extremos. Ao colocar o soporte do fío en diversas posicións, analízanse as posicións de equilibrio da vara e obtéñense as anomalías locais da gravidade.

    14. balanza de Mohr

      Instrumento que serve para determinar directamente a densidade dos líquidos. Consiste nunha balanza clásica que leva nos extremos do hastil, en troques de pratos, senllos ganchos, nos que se colga nun un cilindro de vidro e no outro un contrapeso que o equilibra no aire. Ao somerxer o cilindro no líquido, restablécese o equilibrio mediante os réiteres do hastil. O peso e a situación dos réiteres indican directamente a densidade do líquido.

    15. balanza de Mosso

      Aparello, actualmente en desuso, utilizado para medir os cambios na distribución do sangue no organismo.

    16. balanza de numeración

      cuadrante.

    17. balanza de resorte

      dinamómetro.

    18. balanza de Sven-Oden

      Aparello empregado na análise mecánica dos solos, formado por unha balanza, cun dos pratos somerxido preto do fondo dun recipiente cilíndrico onde se coloca a mostra de solo que se quere analizar dispersada en auga.

  3. [ECON]
    1. s f

      Cadro xeral das relacións de débeda e crédito que enlazan un ámbito económico co exterior.

    2. balanza comercial

      Nun país concreto, a parte da balanza de pagamentos que rexistra os intercambios de mercadorías entre ese país e o resto do mundo. A balanza comercial elabórase, normalmente, partindo das estatísticas aduaneiras que valoran as exportacións FOB (free on board) e as importacións CIF (cost, insurance and freight).

    3. balanza de pagamentos

      Documento contable que recolle todas as transaccións económicas realizadas nun país durante un tempo determinado entre os seus residentes e os do resto do mundo. A balanza de pagamentos rexistra na columna debedora (pagamentos) as diferentes formas en que a moeda dun país é facilitada aos estranxeiros (pagando importacións, facendo turismo fóra dos límites nacionais ou efectuando investimentos noutros países, por exemplo). Na columna creditora (ingresos) rexístranse os medios polos que os residentes no estranxeiro devolven esta moeda (entre outros, ao pagar as exportacións, ao efectuar gastos turísticos ou simplemente ao enviar ao país de orixe o diñeiro que gañan os traballadores emigrados). Normalmente, dise que a balanza de pagamentos tivo déficit ou superávit se o exercicio se pechou coa diminución ou co aumento das reservas de ouro e moedas estranxeiras.

    4. balanza de pagamentos interior

      Balanza de pagamentos aplicada dentro dun estado. A diferenza básica coa balanza de pagamentos propiamente dita prodúcese pola dificultade de cuantificar a causa da falta de control estatístico que provocan a ausencia de fronteiras.

  4. s f [TÉXT]

    Mecanismo semellante a unha balanza que nalgunhas máquinas da industria téxtil determina un movemento. Por exemplo, na lanzadeira do tear de volante.

  5. s f

    Estado de equilibrio ou de indecisión entre dúas solucións opostas.

  6. balanza da xustiza

    Símbolo ou emblema da xustiza, que se adoita representar cunha muller cos ollos tapados (alegoría da imparcialidade) que sostén unha balanza (símbolo do equilibrio).

Palabras veciñas

balantidiose | Balantidium | Balanus | balanza | balanzar | balar | Balard, Antoine-Jérôme