Washington
Estado de EE UU situado na costa do Pacífico. Limita ao N con Columbia Británica (Canadá), ao L con Idaho, ao S con Oregon e ao O co Océano Pacífico (176 479 km2; 6.131.445 h [2000]). A súa capital é Olympia. A súa estrutura física está dominada pola cordilleira das Fervenzas e polo río Columbia, que o atravesa de NL a SO. Distínguese a zona costeira, a depresión interior, a cordilleira das Fervenzas, o altiplano de Columbia e o sector das Rochosas. Cultívase trigo, remolacha azucreira, forraxe, patacas e froiteiras. A explotación forestal é a segunda en produción de EE UU. O seu desenvolvemento industrial céntrase na construción naval e aeronáutica en Seattle, na industria da madeira en Puget Sound, e na electrometalurxia en Spokane. Explorado na procura do inexistente paso do noroeste, adquiriu importancia económica grazas ao comercio de peles. Formou parte do Territorio de Oregon (1846-1853) e converteuse en estado da Unión en 1889.