Krüger, Fritz

Krüger, Fritz

(Spremberg, Brandenburgo 1889 - Mendoza, Arxentina 1974) Dialectólogo alemán. Ensinou na Universidade de Hamburgo, onde dirixiu o departamento de Filoloxía Románica e fundou a revista Volkstum und Kultur der Romanen (1928). En 1948 pasou á Universidad de Mendoza. As súas investigacións encádranse dentro do método de estudo denominado Wörter und Sachen (‘palabras e cousas’) e, segundo Manuel Alvar, foi o creador deste tipo de escola no territorio peninsular. No seu libro Die Nordwestiberische Valkskultur (O léxico rural do noroeste, 1927) recolle “cousas” da cultura rural (xugo, carro, tellado, etc) non tratadas ata ese momento dunha forma científica na área do galego e zonas fronteirizas. Nesta mesma liña de estudo tamén publicou diferentes artigos en que se fai referencia ao galego e ás tradicións galegas. Destacan ademais as súas obras Géographie des traditions populaires en France (1950) e El mobiliario popular en los países románicos (1963), en que tamén se recolle material sobre o galego e a cultura galega. Tamén publicou recensións sobre a Gramática do idioma galego, de Lugrís Freire, 1926, e o Dicionario galego-castelán de Carré Alvarellos (1929).