Kulturkampf
Termo que significa “loita pola cultura”, empregado para designar o conflito entre a Igrexa Católica e o Imperio Alemán (1871-1887), orixinado coa decisión do goberno de Bismarck de someter as actividades da Igrexa á razón de estado. Esta decisión veu precedida da promulgación da infalibilidade papal no Concilio Vaticano I (1870) e da constitución do Zentrum, partido formado por grupos católicos. Polas Leis de Maio (1873) establecidas polo ministro Falk, o clero católico quedaba supeditado á autoridade do estado, establecíase a obrigatoriedade do matrimonio civil e todas as ordes, agás os hospitalarios, foron expulsadas do imperio. A elección de León XIII, o crecemento progresivo do socialismo e a potencia cada vez máis forte do Zentrum contribuíron a mellorar sensiblemente a situación, o ministro foi destituído e as leis foron progresivamente derogadas.