arritmia
(< a- + gr ρυϴμὀV ‘cadencia’)
Perturbación do ritmo das contraccións cardíacas. Normalmente as contraccións cardíacas están rexidas por estímulos eléctricos xerados no nódulo sinoauricular; estes estímulos son rítmicos e posúen unha frecuencia habitual entre 70 e 80 por minuto (ritmo sinusal normal). Cando este ritmo se retarda, fálase de bradicardia sinusal e cando se acelera de taquicardia sinusal; pode variar coa respiración (arritmia sinusal). Se o nódulo sinusal deixa de xerar estímulos, substitúeno outras zonas do corazón, sobre todo o nódulo aurículo-ventricular (ritmo nodal). Se, pese a actuar o nódulo sinoauricular, se produce unha descarga eléctrica noutro lugar do corazón, pódese producir unha contracción anómala ou ectópica, tamén chamada extrasístole; se este foco xera descargas a moi alta frecuencia, determina a formación dunha taquicardia paroxística. Outras arritmias importantes son o flutter auricular, a fibrilación auricular e ventricular e os bloqueos. Para o diagnóstico e o estudo é fundamental o electrocardiograma.