concertación
(< latconcertatĭōne)
-
s
f
Acción e efecto de concertar ou concertarse.
-
[ECON]
Concepto que fai referencia á adopción de grandes pactos entre as forzas sociais antagonistas para consensuar posicións e crear compromisos respecto a temas globais que transcenden os contidos clásicos dos convenios colectivos. En España, a crise económica e a necesidade de contribuír á consolidación do estado democrático fixeron necesaria a existencia de políticas de concertación social entre goberno, sindicatos e organizacións empresariais desde 1977 a 1984. En 1977 asináronse os Pactos de La Moncloa entre as forzas políticas representadas nas Cortes Generales, o goberno e os sindicatos, co fin de establecer as bases da negociación colectiva salarial, frear o proceso inflacionista e reducir a conflitividade social. A Unión General de Trabajadores (UGT) e a Confederación Española de Organizacións Empresariales (CEOE) asinaron en 1979 outro pacto, que sentou as bases do título que o Estatuto dos Traballadores dedicou á negociación colectiva. En 1981 asinouse o Acuerdo Marco Interconfederal entre representantes do goberno, a CEOE, UGT e Comisiones Obreras (CCOO); e en 1983, o Acuerdo Interconfederal entre representantes da CEOE, a Confederación Española de Pequeña y Mediana Empresa (CEPYME), CCOO e UGT. En 1984 subscribiuse o Acuerdo Económico y Social, dividido en dúas partes, a primeira asinada polo goberno, a CEOE e UGT, e a segunda pola CEOE e UGT. Tamén se pode incluír no modelo de concertación a sinatura dos Pactos de Toledo en 1995 para garantir o sistema público de pensións. Estes pactos foron subscritos polos partidos do arco parlamentario, polo goberno, por CCOO, UGT e, aínda que non en todo o seu ámbito, pola CEOE. Finalmente, pódese incluír a reforma do mercado de traballo de 1997, que fomentou o emprego indefinido. En Galicia, a política de concertación social iniciouse en 1990 cos acordos asinados entre a consellería de Traballo e Servicios Sociais e os principais sindicatos sobre a constitución da Renda de Integración Social de Galicia. En 1992, a Xunta de Galicia e os sindicatos UGT, CC OO e CIG, chegaron a outros acordos sobre política produtiva en sectores como a industria, a agricultura e a pesca. En 1998, a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia, CCOO e UGT asinaron acordos sobre medidas para o crecemento do emprego.