conciencia

conciencia

(< lat conscientĭa)

  1. s f
    1. [PSIC/FILOS]

      Coñecemento que o espírito humano ten da súa propia existencia e da súa actividade, é dicir, dos actos que realiza e dos estados en que se atopa. En xeral, é a facultade e acto específicos da vida psíquica. Pódese caracterizar de distintas maneiras: como o feito de decatarse dalgunha cousa, como efecto concomitante da función nerviosa, como momento subxectivo da actividade cerebral ou como relación do eu co medio ambiente. A miúdo, o termo conciencia emprégase no sentido de conciencia moral, e tamén como sinónimo de experiencia. No terreo neuropsicolóxico abarca catro tipos de funcións. O primeiro é o da conciencia do mundo ou vixilancia, que comprende as reactividades e as perceptividades. As primeiras son innatas e intégranse por debaixo da codia cerebral, como a reactividade inespecífica, a reactividade motriz á dor e a reactividade vexetativa á dor. As perceptividades son actividades nas que participa a codia cerebral e que presupoñen unha aprendizaxe; abarca dende o reflexo condicionado ata outros máis elaborados. O segundo tipo de función é o da conciencia do propio corpo, o terceiro é o da conciencia dos fallos de funcións cerebrais concretas e, o último, o da conciencia reflexa, privativa do home. Cómpre destacar que a codia cerebral integra os fenómenos de conciencia máis elaborados, pero non pode facelo se non está sometida ás influencias derivadas da formación reticulada do mesencéfalo. En sentido estritamente filosófico, refírese ao termo de conciencia seguindo a etimoloxía do termo (cum-scientia), ao coñecemento que se ten do propio coñecemento ou ao feito de que se sabe qué se sabe. Nesta liña, a metafísica tradicional interpretou este termo como a capacidade do espírito de volver sobre si mesmo e postulou o carácter de inmaterialidade da alma. O materialismo, pola contra, interpreta a conciencia como a superestrutura, determinada pola materia da que deriva, e afirma o carácter dialéctico da relación entre realidade non hominizada e dimensión humana da conciencia. A filosofía contemporánea, sobre todo a existencialista, insistiu no carácter prerreflexivo da conciencia. A filosofía analítica considera a conciencia en función da percepción; así mesmo, algúns filósofos neopositivistas referíronse a ela como conxunto de percepcións.

    2. [FILOS/RELIX]

      Actitude do individuo cara ás implicacións morais e sociais do seu comportamento que implica un xuízo de valor dos propios actos en relación cunha norma de moralidade persoal ou colectiva. Discutiuse, tanto filosófica como relixiosamente, o valor e o significado da conciencia moral (imperativo categórico) e a posibilidade de establecer normas obxectivas de comportamento (ética).

    1. s f

      Coñecemento da realidade que rodea unha persoa e que lle permite a relación co medio.

      Ex: Non tiven conciencia do que me pasaba ata que mo explicaron. 

      Sinónimos: consciencia.
    2. s f

      Coñecemento reflexivo, responsable e personalizado dunha realidade, dunha tarefa concreta, dun deber determinado ou dunha situación que lle afecta a unha persoa.

      Ex: Teño conciencia de que cho dei, aínda que podería estar equivocado. 

      Sinónimos: consciencia.
    3. conciencia colectiva [SOCIOL]

      Conxunto de crenzas, tradicións, normas e valores que integran a herdanza común dunha colectividade. Durkheim apuntou a división de conciencia individual e conciencia colectiva, e considerou que esta última tiña a súa xénese en momentos de especial efervescencia emocional e a súa base na dobre natureza da conciencia humana (individual e social). Ten como función normativizar e integrar as sociedades.

    4. conciencia de clase [SOCIOL]

      Conciencia de clase.

    5. conciencia lingüística [LING]

      Reflexión consciente que cada falante ten do uso da lingua.

    1. corrente de conciencia [PSIC]

      Expresión, xeneralizada por William James, daquilo que a conciencia presenta como características fundamentais: o feito de cambiar incesantemente e o dunha simultánea continuidade. O carácter cambiante da conciencia é tal que un estado de conciencia nunca ten lugar de novo de xeito idéntico. De forma simultánea, sen embargo, hai que afirmar unha continuidade de conciencia. James fala de estados de conciencia substantivos, que se presentan claramente configurados e nos que a actividade intelectual permanece moi viva, fronte aos estados transitivos, intermedios entre dous dos outros.

    2. [LIT]

      monólogo interior.

Frases feitas

  • A conciencia. loc adv Feito con esmero e traballo. Ex: Cando estudia algo, faino a conciencia.

  • En conciencia loc adv Con sinceridade ou honradez. Ex: Creo que está equivocado e voullo dicir en conciencia.

  • Non ter conciencia. Obrar con maldade e sen escrúpulos.