esencia

esencia

(< lat essentĭa ‘oque é’)

  1. s f [FILOS]

    Conxunto de características fundamentais que constitúen a natureza propia dunha persoa, animal ou cousa. Contraponse ao concepto de existencia. Na historia da filosofía tivo tres acepcións fundamentais. Aristóteles opúxoa ao concepto de accidente: a esencia sería o propio do ser, e o accidente o que lle acontece ao ser pero que non o altera. San Tomé de Aquino opúxoa á existencia para clasificar así ontoloxicamente a realidade, e afirmou que Deus é o único ser en que a esencia e a existencia son unha, posto que é o único ser necesario, e no resto das criaturas a esencia é distinta da existencia, posto que poderían non existir e reciben a existencia de Deus. Para a filosofía existencialista, a esencia, que é posterior á existencia, é a idea que se ten do home, mentres a existencia é o home concreto que é agora no tempo. Jean-Paul Sarte afirmou que a existencia do home precede á súa esencia, con que subliñou a profundidade da liberdade humana, que non estaría determinada previamente por ningunha clase de definición esencial e que o home realiza as súas accións dunha maneira libre e voluntaria sen estar condicionado pola súa esencia.

  2. s f

    O máis importante ou característico de algo.

    Ex: A esencia do artesán é traballar coas mans. A esencia deste artigo resúmese nunha palabra: liberdade. 

  3. s f [QUÍM]

    Cada unha das substancias oleosas, lipófilas, intensamente olorosas, de orixe vexetal, destilables e xeralmente volátiles en corrente de vapor. Moi difundidas na natureza, localízanse nas follas, nas flores, nos froitos e nas sementes de diversas especies vexetais. Os constituíntes principais dos aceites esenciais son os terpenos; ademais dos hidrocarburos alifáticos e dos seus derivados hidroxenados (alcohois, aldehidos, cetonas e ésteres), tamén se atopan hidrocarburos aromáticos, fenois e os seus derivados, e nalgunhas esencias, compostos sulfurados e nitroxenados.

  4. s f

    Extracto líquido con gran concentración de substancias aromáticas.

    Ex: Podes botarlles un pouco de esencia de anís ás rosquillas.

Frases feitas

  • En esencia. No fundamental. Ex: En esencia, o que che contei foi o que sucedeu.

Palabras veciñas

esdrúxulo -la | ese | 2 ese -sa | esencia | esencial | esencialismo | esencialista