partido

partido

(< lat partitu)

  1. p reg

    de partir.

  2. adx

    Que está dividido en dúas partes ou máis.

    Ex: Serviu a tortilla partida en catro anacos.

  3. adx [HERÁLD]
    1. Aplícase ao escudo dividido en dúas partes iguais mediante un trazo vertical que vai da metade do bordo superior ata a metade da punta.

    2. Aplícase a calquera cuartel ou peza dividida en forma igual.

  4. adx [BOT]

    Aplícase á folla con divisións profundas que superan a metade da distancia entre o bordo do limbo e o nervio principal, pero que non chegan ata este nervio.

  5. s m
    1. Agrupación de persoas coa mesma opinión ou tendencia.

      Ex: Dentro da asociación hai dous partidos, un que propón renovar a directiva e outro que se opón. 

    2. [POLÍT]

      Agrupación organizada de persoas cunha mesma ideoloxía política, que participa na vida pública dunha sociedade e que regularmente se presenta a todas as convocatorias electorais, con vontade de acadar o poder. A finais do s XIX os partidos adoptaron estruturas semellantes ás actuais. Evolucionaron no sentido de pasar de simples plataformas ou máquinas electorais a partidos ideolóxicos. A clasificación máis comunmente aceptada é inseparable da súa evolución histórica. Os primeiros en aparecer foron os partidos de notables ou de personalidades que funcionaron en comités electorais para patrocinar un candidato e reunir fondos para a campaña. Posteriormente, transformáronse en partidos de opinión que aglutinaron cidadáns sen ter en conta as súas circunstancias sociais. Os partidos de masas, que xurdiron a finais do s XIX co socialismo, baseábanse nunha clase social e nunha mesma ideoloxía, e organizábanse en seccións locais ou de barrio. Esta característica adoptárona os partidos totalitarios. Nos partidos fascistas o elemento base foi un grupo reducido que se organizou nunha pirámide xerárquica en que os seus membros recibiron instrución militar nas milicias. Nos países de Europa Oriental, os partidos comunistas foron hexemónicos; foron partidos de notables baseados nunha organización de masas. A revolución tecnolóxica, a crise do estado de benestar e a caída dos réximes comunistas aceleraron a evolución dos partidos cara a grandes máquinas electorais, sen ríxidas formulacións ideolóxicas, con direccións en que os líderes carismáticos se superpoñen a unha organización altamente profesionalizada.

  6. [DER/ADM]
    1. s m

      Demarcación administrativa.

    2. s m

      Territorio administrado por un corrixidor.

    3. partido marítimo

      distrito marítimo.

    4. partido xudicial

      Unidade territorial de España integrada por un ou máis municipios dunha mesma provincia, onde hai un ou máis xuíces de primeira instancia e instrución, con sede na súa capital, e xurisdición en todo o ámbito da súa demarcación. Constitúe tamén a demarcación que se colle como base para a distribución dos deputados provinciais en proporción ao número de habitantes. Os partidos xudiciais foron creados en 1834 ao cesar os alcaldes ordinarios no exercicio do poder xudicial. A Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial introduciu unha profunda reforma dos partidos xudiciais: suprimiu os xulgados de distrito e converteunos en xulgados de primeira instancia e instrución ou en xulgados de paz. Esta conversión afectou a toda a demarcación xudicial que tiña a súa base no xulgado de primeira instancia e no partido xudicial, que obrigou a converter en novos partidos boa parte dos que agora son subdivisións comarcais. En Galicia a división en partidos xudiciais realizouse a partir da Constitución de Cádiz. A primeira división realizouna en 1813 a Deputación de Galicia en colaboración coa Real Audiencia, que crearon tres xefes políticos: un superior na Coruña e dous subalternos en Lugo e Ourense, que se estruturaban á súa vez en 14 partidos na Coruña, 10 en Lugo e 23 en Ourense. En 1920 efectuose unha nova división, abolida en 1823, que dividiu Galicia en 43 partidos. A división definitiva, base da actual, fíxose a partir do Real Decreto de 21 de abril de 1834, que atribuíu 14 partidos xudiciais á Coruña e 11 ás tres provincias restantes. Durante todo o s XIX a división municipal sufriu pequenas modificacións e quedou constituída, desde 1985, en: A Coruña, formada polos partidos de Arzúa, Betanzos, Carballo, Corcubión, A Coruña, Ferrol, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Ortigueira, Padrón, Ribeira e Santiago de Compostela; Lugo, polos partidos de Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria, Vilalba e Viveiro; Ourense, polos partidos de Bande, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ourense, A Pobra de Trives, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia; e Pontevedra, polos partidos de Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Estrada, Lalín, Marín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

  7. s m [DEP]

    Competición deportiva entre dous xogadores ou equipos. A súa duración pode estar limitada ben pola obtención por parte dun dos competidores dun certo número de puntos ou de xogos ou ben por un espazo de tempo prefixado.

    Ex: Xa rematou o partido de baloncesto. O partido de tenis rematou cun punto de saque.

  8. s m

    Proveito que se obtén de algo. OBS: Adoita empregarse cos verbos tirar ou sacar.

    Ex: Sempre tira partido de todo. O partido que lle pode sacar a ese negocio é ínfimo.

  9. s m

    Resolución ou opción que adopta unha persoa sobre algo.

    Ex: Despois de tanto tempo de investigación aínda non sabe que partido tomar.

  10. s m

    Persoa que, considerada desde un punto de vista social ou económico, é interesante como posible consorte.

    Ex: Escolleu un pésimo partido para casar. Ese mozo non che é un bo partido.

Frases feitas

  • Tomar partido. Decidirse ou decantarse por algo ou alguén. Ex: Non tomou partido por ningunha das dúas posturas.