Abadín

Abadín


Concello da comarca da Terra Chá, situado na provincia de Lugo ao norleste da comunidade autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Alfoz e O Valadouro, ao NL co de Mondoñedo (estes tres na Mariña Central), ao NO co concello de Muras, ao O co de Vilalba, ao S co de Cospeito e ao L co da Pastoriza. Abrangue unha superficie de 196 km 2 cunha poboación de 3.065 h (2007), distribuídos nas parroquias de Abadín, Abeledo, Aldixe, Baroncelle, Cabaneiro, Candia, Castromaior, Corvite, Fanoi, Fraias, Galgao, As Goás, A Graña de Vilarente, Labrada, Moncelos, Montouto, Quende, Romariz e Seivane de Vilarente. A capital municipal está na parroquia de Abadín, (43° 20’ 47’’ N- 7° 29’ 4’’ O) e dista 47 km da capital provincial. Está adscrito ao partido xudicial de Mondoñedo e á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
O concello de Abadín constitúese no peche nororiental da Terra Chá, delimitada polo cordal de Neda ao L e pola serra da Carba ao N. A progresiva elevación das cotas de altitude tradúcese nunha distribución zonal en dous dominios climáticos que se corresponden cos dominios morfolóxicos. Deste xeito temos unha metade setentrional caracterizada por un tipo climático oceánico de montaña, e unha metade meridional definida como oceánico continental. Así na zona N, nas parroquias de Montouto e Labrada, temos precipitacións anuais entre 1.700-1.900 mm. A seguir unha segunda banda con precipitacións anuais entre 1.500-1.700 mm que nos conduce nun descenso paulatino (1.300-1.500 mm) ata rexistros de entre 1.100-1.300 mm no S do termo municipal. As precipitacións distribúense cunha porcentaxe máxima no inverno (39%), mínima no verán (10%) e media nas estacións de transición (25% na primavera e 26% no outono). En canto ás temperaturas, a morfoloxía zonal implica unha diferencia dun grao na media anual, situada entre 10°C -11°C no primeiro caso (10,2°C no observatorio de Labrada), e 11°C -12°C no segundo; as medias de xaneiro e xullo no observatorio de Labrada son de 6,2°C e 15,5°C respectivamente. A amplitude térmica extrema anual fica nos 31°C de diferencia entre a media das mínimas absolutas do mes máis frío (febreiro), e os 28,5°C da media das máximas absolutas do mes máis cálido (agosto). No tocante ao relevo, as maiores cotas atopámolas na parroquia de Montouto, ao O do municipio, chegando aos 1.015 m de Lombopequeno e continuando cara ao L cos 798 m do pico de Neda, no límite co concello da Pastoriza. Cara ao S, na segunda unidade morfolóxica, as altitudes van descendendo ata o nivel da superficie da meseta chairega, entre 500-600 m. Aséntase sobre materiais prehercínicos e hercínicos, rochas ácidas, cuarcitas, granitos de dúas micas e granodioritas. A rede fluvial artéllase en torno ás concas do Eume, do Miño (Abadín-Anllo), e do Masma. O Eume percorre un pequeno tramo do seu curso polo concello de Abadín, na parroquia de Montouto ao NO. O Pedrido, afluente do Masma, atravesa pola parroquia de Labrada. O Abadín, que recibe o nome da parroquia de Santa María pola que atravesa, é o principal colector das augas do territorio municipal que percorre de N a S.
Xeografía humana
A poboación do concello de Abadín experimentou dende o ano 1950 un retroceso que supón que o continxente en 1996 fora o 72,86% respecto da de 1900, e só o 57,41% da rexistrada no 1950, a cata intercensal de maior volume demográfico. A evolución dende 1887 reflicte un incremento medio anual leve (entre o 0,09% e o 0,82%) ata 1950. A partir desa data principia un descenso, no que aínda segue inmerso, especialmente acusado nos anos de 1960 (a un ritmo anual promedio de 1,68%) e de 1980 (promedio anual 2,38%). As causas deste comportamento obedecen á masiva participación dos naturais do concello nas correntes migratorias europea e peninsular e ao avellentamento da poboación, coa influencia nos mecanismos de crecemento natural da poboación. Dende 1996 ata 2001 a perda de p‰oboación foi do 6.8%, dende esta última data ata o padrón de 2007 Abadin perdeu un 9.8%. Esta descenso poboacional reflíctese no movemento natural da poboación (2006,) cunha baixa taxa de natalidade (2.5‰) e unha alta taxa de mortalidade (15.3‰) o que proporciona un crecemento natural negativo -12,8‰ . A distribución por idades mostra que os maiores de 65 anos supoñen o 37,3% da poboación fronte aos 9,8% dos menores de 20 anos, sendo o grupo maioritario o intermedio co 52,9%. A distribución por sexos sinala un lixeiro predominio das mulleres (51.5%) fronte aos homes (48.5%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de é do 43,8% (52,5% a masculina e 35,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,2% (47,3% a masculina e 33,9% a feminina) e a taxa de paro é do 8,1% (10% a masculina e 5,5% a feminina). A principal rama de actividade polo volume de emprego é a agrícola, que dá traballo ao 44,6% dos ocupados (2008), a pesca só coupa ao 0,2%. En segundo lugar sitúase o sector servizos co 30,3%, sendo maioritarios os subsectores do comercio e reparacións e da hostalaría. En terceiro lugar seguen os sectores da construción (13,7%) e.da industria (11,2%). O sector agropecuario amosa unha vocación gandeira. A principal orientación da agricultura son os pastos e cultivos forraxeiros para as cabanas bovina, porcina e ovina. A primeira tense desenvolvido nos últimos anos de xeito empresarial, dedicada á producción láctea, ben que mantendo a propiedade na órbita familiar. A explotación porcina, pola contra, mantense como exclusivamente doméstica. As principais vías de comunicación que atravesan o municipio son a estrada N-634 (dende a N-VI en Parga, Begonte, ata Oviedo, Asturias) que o comunica tanto con Vilalba coma con Mondoñedo, vilas coas que os vencellos son máis estreitos. Outras estradas locais, permiten a comunicación con Lugo, capital provincial.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento de Abadín son os vestixios paleolíticos de Labrada e o dolmen megañitico de Romariz, xa de época castrexa son os restos atopados en Abeledo, Fanoi, Fraiás, Moncelos ou Romeriz. O nome de Abadín remóntase á pertenza á xurisdición do mosteiro de Meira. En 1254 o abade Aimerico outorgou unha carta de poboamento para a formación do concello de Vilarente. A xurisdición temporal do coto de Abadín, da antiga provincia de Mondoñedo, foi cedida polo cabido de Mondoñedo en 1562 a Luís de Luaces, que se mantivo na familia ata a súa derrogación pola Constitución de 1812. A partir desta data constitúese o concello de Abadín, permanecendo a totalidade das parroquias que o integran a través das sucesivas modificacións municipais.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, cómpre destacar a igrexa de Santa María de Abadín, de orixe románica (S XII) cunha capela gótica isabelina do s XVI; as igrexas de San Bartolomeu de Cabaneiro (s XII), San Xoán de Romariz (s XIII), Santa María de Moncelos (s XVI) e Santa María de Montouto. Consérvanse dúas pontes medievais en Romariz e os pazos de Cernada en Santa María de Graña, da Roxoa en Castromaior e o pazo-torre de Escourido, ademais do castelo de Castromaior, declarado BIC en 1949. O patrimonio natural está composto polo espazos naturais Parga-Ladra-Támoga e a Serra do Xistral, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas da Virxe do Rosario en Baroncelle, Galgao e A Graña en outubro, e en Goás en Maio; as de San Xoán en Castromaior, Romariz e Villarente en xuño, as de Santiago en Moncelos e Quende en xulllo e as de San Pedro en Aldixe, Corvite e Labrada en xuño. Cómpre destacar tamén a Feira de Santos en Gontán, no mes de novembro, a Feira Expogrelo en febreiro, a sardiñada popular de Fin do Verán en agosto e a Baixada de Carrilanas en setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Terra Chá
Extensión 196 Km2
Poboación Total 3065 h
Poboación Homes 1485 h
Poboación Mulleres 158 h
Densidade de poboación 15.64 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias