Abella

Abella
  1. [ONOM]

    Apelido procedente dun alcume que na súa orixe se aplicaba a persoas que posuían un falar aguilloante, punzante e ferinte coma o ferrete dunha abella. Outra variante gráfica que pode presentar é Abellas. Etimoloxicamente pode relacionarse tamén cos apelidos Abello, Abelló e Abellón. Xa aparece documentado desde o s XIII: “Petrus Iohannis ditus Abelia” (ano 1253, Colección diplomática do mosteiro cisterciense de Santa María de Oseira 1025-1310 de M. Romaní Martínez, p 668).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe asturiana establecida en Galicia. Seica vén dunha familia que chegou á Península cos troianos procedente de Abella, cidade italiana edificada polos gregos e logo colonia romana. Fundaron dúas casas ou torres fortes no concello asturiano de Valdés e despois espalláronse por Galicia, Aragón, Catalunya e América. As armas primitivas desta liñaxe levan, en campo de sinople e sobre unha terraza de ouro, no flanco sinistro, unha árbore e, no flanco destro, unha colmea de ouro con abellas do mesmo metal voando ao redor da árbore e unha podadeira tamén de ouro encol da colmea. A rama galega trae como armas, en campo de prata, unha árbore de sinople, con terraza da mesma cor, sinistrado dunha colmea da que saen voando abellas da súa cor. Os de Catalunya levan, en campo de azur, tres paos ondeados de ouro. Outros, en campo de ouro, catro paos brillantes de sable coas chamas de goles. Os de Aragón presentan, en campo de ouro, tres abellas de sable ben ordenadas. Os Abello galegos levan, en campo de azur, dous bordóns de peregrino de prata, bordos de goles con oito veneras de prata. Finalmente, outras ramas deste apelido traen, en campo de sinople, unha colmea á dereita do escudo, con varias abellas voando arredor dela, un oso asaltando a colmea e, á esquerda do escudo, un home armado en acción de ferir o oso e detrás del un castiñeiro ao natural.