abellón

abellón

(< abella)

    1. s m [ANIMAL/ENTOM]

      Insecto himenóptero do xénero Bombus, semellante á abella pero máis grande (pode acadar os 3 cm), de voo ruidoso, co corpo robusto e moi peludo, de cores escuras ou claras e raiadas. Moi frecuente en todos os países temperados, vive en sociedades anuais non moi numerosas (50-200 individuos), en niños no chan construídos con brións, herbas e follas.

      Sinónimos: abáboro, abázcaro, abesouro.
    2. abellón cuco / [ANIMAL/ENTOM]

      Abellón do xénero Psithyrus, parasito doutros abellóns aos que se semella; penetra nos seus niños, mata a raíña e deposita os propios ovos no lugar dos orixinais.

    3. abellón tinto / [ANIMAL/ENTOM]

      Abellón do xénero Xylocopa de corpo e ás de cor violácea intensa.

  1. s m [ANIMAL/ENTOM]

    Nome para designar o macho da abella doméstica.

  2. [ETN/MIT]
    1. s m

      As bruxas en Galicia fan uso da capacidade de transmutación que, entre outras cousas, as caracteriza para se transformar en abellón e poder danar os animais caseiros. Esta crenza fornece ditos como “quen mata un abellón ten cen anos de perdón”.

      Confrontacións: abella.
    2. danza do abellón

      Ritual funerario, segundo semella só das Rías Baixas e hoxe en día desaparecido, que consistía en bailar ao redor do leito dun defunto durante o velatorio, tralo xantar ofrecido polos parentes. Os danzantes, collidos das mans, daban tres voltas ao redor do morto mentres imitaban o zunido do abellón; se algún deles interrompía calquera destas accións, sería o primeiro dos presentes en morrer. Este ritual semella estar representado plasticamente nas ‘danzas da morte’ dos tímpanos das igrexas románicas, onde se ve un esqueleto tocando un instrumento e dúas ou máis persoas en actitude de baile.

Palabras veciñas

Abello | abelloar | abelloca | abellón | Abellón | abelmosco | abelo