ablativo -va

ablativo -va

(< lat ablatīvu < ablātus p p deaufĕro ‘tirar’)

  1. adx

    Que produce ablación.

  2. [LING]
    1. s m

      Caso da declinación do indoeuropeo que perdura nalgunhas linguas; este mesmo nome tamén se aplica a casos semellantes en linguas doutros troncos. O ablativo indoeuropeo expresaba o punto de partida e o axuntamento. O ablativo do latín é unha síntese de tres casos do indoeuropeo: o ablativo desta lingua, o intrumental-asociativo e o locativo. As linguas románicas abandonaron, agás no pronome, a flexión causal e derivaron as formas nominais a partir dos acusativos fundamentalmente.

    2. s m

      Caso latino que indica numerosas nocións circunstanciais (separación, instrumento, tempo, lugar, modo, etc) e adoita ir acompañado de preposicións: a (ante consonante)/ab (ante vogal ou h muda) ‘de desde’ (afastamento, orixe); cum ‘con’ (compañía, modo); de ‘desde, sobre, acerca de’ (un asunto); e (ante consonante)/ex (ante vogal ou h muda); ‘de desde’ (separación, punto de partida, saída de); in ‘en’ (locativo).

    3. ablativo absoluto/participio absoluto

      Na gramática latina construción constituída por un participio, case sempre presente (acción simultánea) ou pretérito (acción anterior), que concorda cun nome en ablativo sen preposición que vai na súa mesma oración e realiza a función de suxeito. Funcionalmente, equivale a unha oración subordinada adverbial que pode ser temporal, causal, concesiva ou condicional. Adoita ir entre comas e, normalmente, tradúcese primeiro o participio seguido do suxeito e dos demais elementos.

      Ex: “nostri milites, signo dato a Caesare, gladios strinxerunt” (os nosos soldados, dado o sinal por César, desenvaiñaron as espadas), “Rege vullnerato omnes fugerunt” (ferido o rei, todos fuxiron). Chámase oración de participio ou ablativo absoluto nominal ou de tipo Cicerone consule aquela construción de ablativo absoluto sen participio porque este corresponde ó participio de presente do verbo sum (ser). Como este verbo carece de participio de presente e pretérito, non pode ser expresado en latín e ó traducir convén sobreentender o participio de esse (sendo). Nestes casos, o atributo concerta co substantivo en caso obrigatoriamente e, se callar, en xénero e número, mentres que o abxectivo concerta co substantivo en xénero, número e caso. Ex: “haec facta sunt M. Messala M. Pisone consulibus” (aconteceu isto sendo cónsules Marco Mesala e Marco Pisón).

    4. ablativo axente/complemento axente

      Nas oracións pasivas indica o ser que executa a acción dos verbos pasivos. Constrúese en ablativo precedido das preposicións a/ab se se trata dun nome de persoa ou cousa personificada e en ablativo sen preposición se é nome de cousa. Neste último caso constitúe, en realidade, un ablativo instrumental que expresa causa ou medio. Ex. “miles telo vulneratus est” (o soldado foi ferido por un dardo), “ab omnibus laudatur” (é alabado por todos), “eloquentia a natura homini datur” (a elocuencia é dada ao home pola natureza). Ás veces, nas construcións con verbo en voz perifrástica pasiva, este suxeito axente vai en dativo no canto de ablativo.

    5. ablativo de cualidade

      Expresa as característica persoais, sobre todo as accidentais e exteriores dun individuo podendo alternar nestes usos co xenitivo. Pode referirse ao nome directamente ou como predicado co verbo sum e, xeralmente, constrúese sen preposición. Cando se refire a un nome propio vai acompañado de partículas como: vir, homo, etc.

      Ex: “homo incredibili audacia” (home de audacia incrible).

    6. ablativo de duración

      Ablativo que responde ás preguntas “quanto tempore?” (en canto tempo?), “quamdiu?” (durante canto tempo?).

      Ex: “Graeci Troiam decem annis oppugnaverunt” (os gregos atacaron Troia durante dez anos).

    7. ablativo locativo no tempo

      Ablativo que indica división do tempo (día, hora, mes, ano, etc). Expresa o momento en que se desenvolve a acción respostando á pregunta “quando?” (cando) e que pode ir só ou acompañado da preposición in.

      Ex: hieme ‘en inverno’, die septimo (no sétimo día), in consulatu nostro (no noso consulado).

    8. ablativo separativo

      Ablativo rexido por verbos que significan ‘librar’, ‘aliviar’, ‘privar’, ‘expoliar’, ‘despoxar’, ‘quitar’, ‘espir’, etc.

      Ex: “ Cura homines somno privat” (a precaución priva do sono os homes).

  3. adx [IND/QUÍM]

    Dise dos plásticos e doutros materiais empregados para construír o revestimento dos vehículos espaciais e que se caracteriza por absorber mediante pirólise, fusión ou vaporización, unha fracción importante da calor producida ao retornar o vehículo á atmosfera.

Palabras veciñas

ablactar | ablaqueación | ablaquear | ablativo -va | ablefaria | abléfaro -ra | ablegación