abolicionismo

abolicionismo

(< ingl abolitionism < latabolitiōne)

  1. s m

    Doutrina que propugna a abolición dunha lei ou semellante.

  2. s m [HIST/POLÍT]

    Doutrina que propugnaba a abolición da escravitude. Ao termo do s XVIII, os británicos iniciaron campañas abolicionistas. Polo Tratado de Viena (1815) suprimiuse a escravitude. Os plantadores do Sur dos EE UU enfrontáronse á política abolicionista do Norte na Guerra de Secesión (1861-1865). En España foi defendida polos sectores máis demócratas que fundaron a Sociedad Abolicionista (1845). Durante a Primeira República Española, a escravitude aboliuse en Porto Rico (1873). En Cuba, o proceso será gradual (dende o 1880), a causa dos intereses económicos que estaban involucrados coa escravitude; durante as guerras da independencia a xente de cor loitou a favor dos insurrectos cubanos a raíz da supresión da escravitude contida no programa destes.

  3. s m [HIST/POLÍT/AGR]

    En Galicia o concepto abolicionismo posúe un significado propio aplicado á loita contra o sistema foral. Representa a variante máis radical propugnada para a superación do réxime foral xa que non recoñece aos perceptores (dominio directo) o dereito a seren indemnizados polos pagadores (dominio útil), unificándose deste xeito ambos os dous dominios. Dentro do agrarismo galego, o abolicionismo vai ser unha opción minoritaria fronte ao redencionismo ata o fin da Primeira Guerra Mundial, cando se constitúe en tese predominante dentro do societarismo non confesional, trala frustración dos sucesivos proxectos de redención forzosa levados ao Parlamento español. O abolicionismo supuña unha lectura de clase do conflito foral e, para os medios máis conservadores, un ataque inadmisible contra o dereito de propiedade. Con todo, o abolicionismo desenvolvía tamén unha versión moderada, que propugnaba que os rendistas fosen indemnizados con cargo ao Estado, non ao foreiro, sendo frecuentemente empregado como táctica para forzar os perceptores de rendas a aceptar acordos de redención en condicións favorables para o útil. Coa chegada da ditadura de Primo de Rivera, o Directorio toma a iniciativa para a liquidación do preito foral nun sentido redencionista coa Lei de Redención Forzosa (1926), perdendo o antiforismo a partir deste momento a súa preponderancia nas loitas sociais no agro, ben que, durante a Segunda República, cenetistas, socialistas e algún sector do republicanismo de esquerdas se pronunciaran sen éxito a prol dunha revisión da cuestión foral en clave abolicionista, no contexto do debate ao redor da Reforma Agraria.

Palabras veciñas

abolar | abolible | abolición | abolicionismo | abolicionista | abolir | abomasite