Academia de Agricultura del Reino de Galicia
Academia ideada en 1764 entre a Real Xunta de Comercio e Moeda e o Intendente do Exército e Reino de Galicia, Xulián Robiou. En 1765 celebrouse o acto inaugural da institución, que habería representar o espírito da Ilustración. Robiou designou 24 membros entre maxistrados, militares e altos funcionarios da administración, terratenentes da nobreza comarcal da Coruña e varios académicos residentes nas outras seis capitais do antigo Reino de Galicia. Entre eles foi elixido o padre Sarmiento, que se negou a aceptar o título de Académico de Honor. Reuníronse durante dez anos para discutir asuntos relacionados coa decadencia da agricultura en Galicia e os seus posibles remedios, fomentar os cultivos máis convenientes e incorporar ao agro galego medios técnicos axeitados coa finalidade de obter mellores colleitas. Tamén redactaron memorias e publicaron informes que non haberían de contar co apoio dos poderes públicos.