Academia Octavio

Academia Octavio

Club vigués de balonmán fundado por Octavio Rodríguez Vicente en 1966, no seo do centro de ensino homónimo. Dedicado inicialmente ao balonmán feminino, en 1968 creouse a sección masculina. Ascendeu á División de Honor por vez primeira na tempada 1974/1975, militando nela durante dúas campañas consecutivas. Volveu á máxima categoría tras proclamarse por segunda vez campión da 1ª División Nacional na tempada 1978/1979, para manterse durante tres tempadas, entre 1979 e 1982. Logo dunha década, tornou á elite do balonmán español, a nova Liga Asobal, tras ascender na tempada 1992/1993. Nesta xeira acadou os seus maiores logros, permanecendo cinco tempadas consecutivas na categoría (1993-1998), proclamándose subcampión da Copa do Rei (1995) e sendo o primeiro equipo do balonmán galego en clasificarse para disputar competicións europeas: Recopa de Europa (tempada 1995/1996; cuartos de final), Copa EHF (1996/1997; semifinais) e City Cup (1997/1998; semifinais). En total participou en dez ocasións na división de honor, e é o equipo do balonmán galego que máis veces disputou competicións internacionais oficiais.