Acevedo, Pronunciamento de
Levantamento militar acontecido na Coruña o 21 de febreiro do 1820, no que se proclamou a Constitución do 1812 en apoio do Xeneral Riego protagonizado, entre outros, por Félix Álvarez Acevedo. O levantamento estaba debidamente preparado, ao participar na conxura, ademais de militares, burgueses, artesáns e mesmo as clases populares. Dende Cádiz, vía Gibraltar, chegaron á Coruña partes de aviso e proclamas que se espallaron e se distribuíron polos cuarteis. O pronunciamento principiou ao aproveitar a chegada e toma de posesión do novo Capitán Xeneral, marqués de Reunión, a quen se arrestou xunto aos xefes militares e ás autoridades absolutistas. Os sublevados fixéronse cargo do mando dos distintos rexementos e, xa que logo, a cidade quedou enteiramente nas mans dos liberais. No mesmo día vinteún, constituíuse na Coruña unha Xunta Superior de Goberno con plenitude de poderes para gobernar o Reino de Galicia. A súa composición respostaba a un plano perfectamente estudiado, segundo o cal nela deberían quedar representados os sectores máis poderosos da comarca que manifestasen inclinación liberal. En total compoñían a Xunta nove persoas: cinco militares, dous burgueses, un representante da Real Audiencia e un aristócrata. A Xunta desenvolveu dende o primeiro momento unha intensa actividade, ao asegurar o triunfo do levantamento por medio do nomeamento dos principais xefes militares, aos que se lles ordeou a formación dun exército revolucionario para pacificar toda Galicia. Durante todo o proceso tivo importancia o militar Félix Álvarez Acevedo, que marcará decisivamente o rumbo do pronunciamento, membro da Xunta e nomeado xefe supremo do exército revolucionario para dirixir as tropas que debían rematar coa resistencia realista. O pronunciamento foi secundado con rapidez no resto de Galicia, malia a breve resistencia das capitais episcopais Santiago de Compostela e Ourense. Foi un fito de enorme trascendencia na instauración do réxime liberal en toda España: vitorioso na Coruña, o día 25 Acevedo dirixiuse cunha columna militar a Compostela, para tomar a cidade e liberar os presos da Inquisición. Partiu para Ourense o 2 de marzo, perseguindo o Xeneral Pol, marqués de San Román e Gobernador Militar de Santiago, con quen se enfrontou ao día seguinte, falecendo nun tiroteo preto das Portiñas, segundo Otero Pedrayo; segundo outros estudiosos, na Padornela, mentres arengaba as tropas inimigas a se enfrontaren ás súas.