aciñeira
(< lat v *ilicīnu)
Árbore ou arbusto monoico de ata 25 m de altura, de casca non suberosa. As follas acadan ata 5 cm de lonxitude e son perennes, coriáceas, tomentosas e de beira enteira, dentada ou espiñenta. Presenta flores en amentos que orixinan landras cun caparucho que as cobre ata a metade. A súa madeira é pesada e dura, mala de traballar, pero moi empregada para a elaboración de carbón vexetal. Na Península Ibérica distínguense dous tipos arbóreos considerados taxonomicamente como subespecies distintas. A aciñeira litoral (Quercus ilex subsp ilex) está distribuída polo norleste peninsular, Baleares e, de forma ocasional, na costa Cantábrica e na ría de Baiona. Constitúe a forma máis antiga e considérase un elemento da vexetación subtropical que cubriu o extremo norte peninsular con anterioridade ao cuaternario. A aciñeira meseteña (Quercus ilex subsp ballota), sintomática do clima mediterráneo, é a especie máis característica da Península Ibérica, só ausente no norte, oeste, sureste árido, altas montañas e zonas de continentalidade extremas. En Galicia atópase restrinxida ao cuadrante SL do país, onde pode aparecer incluso en zonas con condicións climáticas menos favorables grazas ao aproveitamento dos solos calcarios.