acuicultura
(< acui- + cultura < lat aqua ‘auga’ + cultūra ‘cultura’)
Cría, multiplicación e cultivo de especies acuáticas, animais e vexetais, con finalidade comercial, alimentaria, medicinal, doméstica ou de recreo. Para optimizar a produción, exércese un control sobre a especie mesma e tamén sobre o medio. A acuicultura, ademais de ter unha importancia comercial crecente, permite o estudo dos ecosistemas das diferentes especies e, ás veces, constitúe unha axuda para o repoboamento dos medios naturais. Segundo os organismos que son obxecto de cultivo, pódese distinguir entre piscicultura (peixes), mitilicultura (moluscos), astacicultura (crustáceos) e ostreicultura (ostras). Os alicerces da acuicultura datan do s XIX, cando científicos como Mariano de la Paza Graells tentaron fomentar, co apoio gobernamental, o desenvolvemento desta industria entre as actividades vencelladas á pesca marítima. Fundamentábanse na opinión de que o cultivo das especies mariñas dotaría dunha base científica ao cultivo do mar e lle imporía unha nova característica de domesticación e previsibilidade que repercutiría favorablemente nos traballadores e empresarios do mar, xa que non dependerían totalmente das flutuacións dos bancos pesqueiros nin dos comportamentos variables da natureza. En Galicia desenvolvéronse no s XX os cultivos de mexillón, ostra e vieira por medio de bateas nas rías, chegando aos 3.500 establecementos en 1999. Polo que respecta á piscicultura, na mesma data hai nove granxas dedicadas á produción de rodaballo e, en menor medida, de salmón.