Adelanto Marinero de Bueu, El
Organización sindical mariñeira. Iniciou a súa actividade no ano 1917 e cesouna ao comezar a Guerra Civil. Os seus obxectivos eran asociar a todos os traballadores do mar de Bueu que estivesen matriculados; mellorar a condición do sector e defender e representar aos traballadores do mar diante dos patróns e autoridades gobernativas. Malia que a súa vinculación inicial foi co socialismo da UXT, debido á estratexia de espallamento que a CNT e a súa Federación Regional de Industria Pesquera encetaron dende o ano 1931 por todo o litoral galego, a organización remataría comprometéndose co ideario anarquista, que non abandonaría ata a súa disolución. Entre 1932 e 1936, debido as continuas flutuacións do prezo da sardiña, que repercutían directamente nas endebles economías mariñeiras, promoveu unha serie de mobilizacións da clase mariñeira.