Afar

Afar
[PALEONT]

Depresión de Etiopía situada entre o Nilo Azul e o rift, o mar Vermello e o golfo de Adén. A rexión de Afar, debido ao intenso movemento tectónico da zona e á conseguinte erosión dos depósitos sedimentarios que afloran á superficie, é un lugar xeoloxicamente privilexiado para o estudo das secuencias do Plioceno e Plistoceno e, polo tanto, de gran relevancia para a comprensión da evolución humana. De entre os homínidos de Afar cómpre destacar o conxunto de restos do Plio-plistoceno, descuberto nas prospeccións realizadas dende 1971 por Taieb, Coppens e Johanson. Entre outros, proceden de Afar Lucy (un esqueleto moi completo de femia que Johanson describiu como Australopithecus afarensis), a primeira familia (grupo composto por un macho e un neno) e as descubertas feitas no río Awash, na localidade de Bodo, que inclúen un cranio de Homo erectus evolucionado con trazos físicos do Homo sapiens.