África
Continente situado entre os 17° 30’ de lonxitude O (no cabo Verde, Senegal) e os 51° 25’ de lonxitude L (no cabo Hāfūn, Somalia), e entre os 37° 20’ de latitude N (no cabo Branco, Tunicia) e os 34° 50’ de latitude S (no cabo Agullas, Sudáfrica). Ocupa unha extensión de 30.249.096 km2 que acollen unha poboación de 722.015.000 h (1996). Unido a Asia polo istmo de Suez, rodéao polo L o océano Índico, polo O o Atlántico e polo N o mar Mediterráneo, que o separa de Europa.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
África forma un extenso escudo continental que emerxeu dun xeito case total dende o Precámbrico. Tan só as chairas litorais, unha parte do Sáhara e de Etiopía foron ocupadas por transgresións mariñas posteriores. Por iso é posible distinguir, en todo o continente, un zócolo precámbrico sobre a que se sitúa unha cuberta discordante de series sedimentarias primarias, secundarias e terciarias. Os movementos da base deron orixe a unha estrutura de amplas ondulacións que xeran extensas cuncas interiores (Congo, Chad e Kalahari). Cara ao L, o sistema de cuncas deixa paso a unha serie de altiplanos sucados por un peculiar sistema de fosas orixinadas por dislocacións e fracturas verticais da base continental que se relacionan tamén co vulcanismo, endémico ao longo dos tempos xeolóxicos. Estas manifestacións volcánicas máis recentes xeraron grandes efusións (macizo etíope) e tamén as cimeiras máis elevadas: Uhuru e Quenia, relacionadas co Rift Valley, dúas grandes fosas orixinadas por unha serie paralela de fracturas, dispostas fundamentalmente en dirección N-S, que dan orixe aos lagos Quenia e Tanganica e se unen ao S nunha fosa única que vai dende o lago Malawi ata Mozambique. Case toda África, ao N do ecuador, está ocupada por chairas e altiplanos, entre os que destacan no centro do Sáhara, os macizos do Ahaggar (2.910 m de alt) e de Tibesti (3.415 m), e no Sudán o altiplano do Dārfūr (3.088 m). As chairas do Sáhara están rodeadas ao NO polas montañas do Atlas (Djebel Toubqāl, 4.165 m) e ao L, ao longo do mar Vermello, pola serra de Etbai (Gebel Oda, 2.259 m). As chairas do Sudán quedan envoltas ao S polas montañas setentrionais de Guinea (Bintimani, 1.948 m) e as terras altas de Iambio, e ao L polo altiplano etíope (Ras Dashan, 4.620 m). Estas terras altas acaban bruscamente na depresión de Danakil, a máis profunda de África. Ao S das elevacións de Iambio esténdese a cunca do Congo, rodeada ao O polos altiplanos Lunda-Katanga e ao L polos da África oriental, dominados polas cimas culminantes do continente, Huhuru (5.895 m) e Ruwenzori (5.109 m). En África meridional encóntranse as altas chairas do Kalahari, rodeadas ao O polos altiplanos de Namaqualand, Damaraland e Kaoko e ao L polos Drakensberg (3.482 m). As montañas do Cabo, de elevación media, esténdense pola marxe meridional do continente. Na costa N apenas hai illas; ao L están as de Socotora e Zanzíbar, os arquipélagos das Seicheles, Almirantes, Comores, Mascareñas (que integra as illas Reunión e Mauricio) e Madagascar, a maior de todas as africanas e unha das máis extensas do mundo; ao O, en medio do Atlántico, están Santa Elena, Ascensión e o arquipélago dos Açores feito que levou a moitos xeógrafos a consideralas á parte do continente africano, e na plataforma africana as de Fernando Poo, Annabón, San Tomé e Príncipe, no golfo de Guinea, e, máis ao N, os arquipélagos de Cabo Verde, Canarias e Madeira.
Factores climáticos e meteorolóxicos
A práctica totalidade de África son zonas tropicais ou subtropicais, de temperaturas sempre altas e chuvia excesiva ou insuficiente. consecuencia deste réxime climático é a ampla extensión das zonas áridas, o 60% da superficie do continente. A pouca altura das serras permite a libre circulación das masas de aire, de xeito que o paso dunha zona climática a outra se produce gradualmente. Na zona ecuatorial o cinto de baixas presións dá lugar a precipitacións. A rentes do chan, as calmas ecuatoriais desprázanse en dirección meridiana (de N a S e viceversa). Alén dos trópicos, unha faixa de altas presións atrae os alisios en dirección ao ecuador. O aire tropical marítimo húmido do anticiclón dos Açores chega a toda a costa occidental. No Atlántico meridional, un monzón da costa de Namibia rega a costa guineana setentrional. O aire marítimo ecuatorial que atravesa a cunca do Congo orixina nos altiplanos de Etiopía as chuvias do solsticio de verán. Os extremos do Magreb e do cabo da Boa Esperanza reciben no verán os alisios, mentres que no inverno forman un punto de contacto entre o aire polar e o aire tropical. No ángulo NL de África as depresións atmosféricas atraen correntes de aire transmediterráneas.
Hidrografía
Polo xeral os ríos de África son caudalosos e de curso longo; así mesmo, o relevo africano provoca que esa rede estea inzada de voltas, rápidos e fervenzas. En xeral, pódese dicir que as cuncas dos ríos Congo, Nilo, Níxer, Zambeze e Orange cobren unha terceira parte da superficie do continente e que a rede hidrográfica máis mesta corresponde á rexión ecuatorial. Os ríos da vertente mediterránea (14,9% da superficie total do continente) son pequenos debido a que a maioría nacen no Atlas (Mulaya, Chelif e Medjerda); cómpre engadir, ademais, o Nilo, o máis longo (6.671 km), que nace no lago Victoria e desemboca en Alexandría, configurando un dos eixos económicos máis importantes da historia do continente. Os ríos da vertente do Índico (18,5%) son estacionais, con fortes crecidas na época das chuvias e descensos na seca; cómpre destacar o Zambeze e o Limpopo. Os ríos da vertente atlántica (36,1%) son o Orange; o Congo, que é o segundo río africano por lonxitude e o segundo do mundo en capacidade (1.230 km3), de abondosas augas e nivel constante a causa das chuvias tropicais; o Níxer, o terceiro en importancia e cun réxime fluvial estacional. O Charí, de certa entidade, é un río interior que desemboca no lago Chad. Os lagos son numerosos e extensos, localizándose maioritariamente nas fosas tectónicas do altiplano oriental. En Etiopía está o Tana, onde nace o Nilo Azul; na rexión dos Grandes Lagos: Turkana, Alberto, Alberto Eduardo, Victoria (o máis grande do continente, con 68.100 km2) que dá orixe ao río Nilo, o Tanganica, que dá orixe ao Congo, e o Malaui, que desauga no Zambeze. O lago Chad, é unha vasta cunca que recolle as augas de varios ríos que variou en varias ocasións de extensión e profundidade; na actualidade, con 1,5 m de profundidade está en vías de desecación natural. Nas rexións áridas predominan as lagoas de pouca profundidade, beiras baixas e augas salgadas. Ao NO do Sáhara e no Atlas hai lagos temporais (chotts).
Bioxeografía
Coa salvidade dos cumes máis elevados, África pódese dividir ao redor do ecuador en zonas tropicais e subtropicais. A selva tropical queda reducida á parte occidental, de influencia marítima (golfo de Guinea, dende Liberia ata o norte de Angola, e a cunca do Congo). Entre os elementos máis singulares da fauna da selva cómpre mencionar os gorilas, os chimpancés, os bonobos, os ocapis e os leopardos. Arredor desta área ecuatorial as chuvias vólvense menos abundantes e non tan seguidas. As estacións chuviosas alternan coas secas nunha área moi extensa: dende o Senegal ata Sudáfrica, pasando polo Sudán e os altiplanos da África oriental. O tipo de vexetación máis frecuente nesta área corresponde á da sabana. A fauna das sabanas é sen dúbida a máis tipicamente africana: grandes herbívoros (rinocerontes, elefantes, ñus, xirafas e cebras) e grandes depredadores e preeiros (chacal, león e hiena). Nos grandes ríos e lagos da África ecuatorial viven hipopótamos, crocodilos, serpes e gran cantidade de aves. Algúns peixes pulmonados (Protopterus), auténticos fósiles vivintes, son endémicos das áreas periodicamente desecadas. Na rexión tropical érguense as altitudes máximas de África (Quenia, Ruwenzori e Kilimanxaro), onde existe unha sucesión en altitude da vexetación, que abrangue dende a selva tropical ata as neves perpetuas. Máis ao N, o Sáhara constitúe a área de clima subtropical árida máis extensa do mundo. As chuvias, raras, son de réxime mediterráneo na metade N (máxima invernal) e tropical na metade S (máxima estival). Na fauna, que é pouco aparente, predominan entre os mamíferos os rilladores, entre as aves os túrdidos e os aláulidos e numerosos réptiles. Os anfibios están limitados aos oasis. Ao N do Sáhara, o Magreb presenta nas baixas altitudes un clima mediterráneo. A vexetación que predomina é o maquis e, na montaña media, aciñeiras ou carballos. Por riba desta cota hai bosques de coníferas ata os 2.000 m; a cota superior, xeroalpina, presenta comunidades de mato en forma de coxíns espiñentos e, nas zonas culminais, agrupamentos de plantas herbáceas dispersas. A fauna do Magreb esta composta por especies de ámbito mediterráneo comúns con Europa e elementos propios como a mona de Xibraltar, a ovella churra e a gacela. Na África austral o territorio de sabanas tropicais limita cara ao S coas zonas áridas do Namib e do Kalahari, de vexetación moi característica. No extremo sur hai unha pequena área de clima e vexetación de tipo mediterránea, aínda que con especies autóctonas. As illas que integran a Macaronesia (dende Madeira ata as illas de Cabo Verde) conservan residuos dunha flora especial (bosques de Laurus azorica e de Pinus canariensis), resultado do endemismo macaronésico. Madagascar ten en conxunto un clima e unha vexetación (sabana malgaxe) de tipo tropical afín ás da rexión sudanesa.
Xeografía económica e economía
Recursos naturais
O continente africano é unha das partes da terra cun óptimo potencial de recursos (minerais, petróleo e gas natural, pesca, etc) distribuídos en diferentes rexións: magrebí e apical sudafricana (explotadas tradicionalmente) e no SO do Zaire, NO do Tanganica e macizo de Abisinia. As reservas de minerais, moi abundantes, son explotadas moi por baixo das súas posibilidades, aínda que é o principal recurso para financiar os custos dunha economía africana industrial. Os recursos enerxéticos minerais coñecidos están localizados nunhas poucas áreas (República Democrática do Congo, Namibia, Sudáfrica, Botsuana, Mozambique, Angola). O petróleo explótase no Sáhara e no baixo Níxer. A hidrografía proporciona un inmenso potencial enerxético, aproveitado por grandes encoros situados nas principais cuncas do continente (Nilo, Congo, Níxer e Zambeze). O litoral atlántico e índico africano constitúe unha reserva piscícola de grande importancia (caladoiros saharianos, namibios, sudafricanos, etc).
Economía
A produción africana, logo dun crecemento continuo (3,0% en 1995 e 5,5% en 1996) que comezara na década dos oitenta, experimentou un forte retroceso (3,2%) e, segundo as previsións, do 2,3% en 1998. Este resultado explícase polas fortes desaceleracións rexistradas en Alxeria, Congo-Brazza, Etiopía e Quenia, e por un retroceso da produción na República Democrática do Congo (-5,7%) e en Marrocos (-2,2%). Por outra banda, constatouse un retorno do crecemento (logo de varios anos de forte retroceso) en Burundi e Xibutí. O baixo índice de investimento de numerosos países ao S do Sáhara non augura nada bo (ese índice é inferior ao 13% en máis de doce países entre os que se atopan Nixeria, Costa do Marfil, Togo, República Centroafricana, República Democrática do Congo, Serra Leona, Zambia e Madagascar). En África, conviven países cun alto índice de desenvolvemento humano (Seicheles, Mauricio e Libia) con países de desenvolvemento humano medio (Alxeria, Tunicia, República Sudafricana, Bostwana, Namibia, Exipto, Suacilandia, Cabo Verde, Gabón, San Tomé e Príncipe, Marrocos e Cimbabue) e os restantes países cun feble desenvolvemento humano, entre os que se atopan Serra Leona, Níxer, Burkina Faso, Malí, Burundi, Etiopía, Eritrea, Guinea e Mozambique que ocupan as posicións menos favorecidas da táboa estatística do Indicador de Desenvolvemento Humano. De todos os xeitos, cómpre salientar a Quenia, Exipto e Marrocos como potencias tradicionais africanas; a República Sudafricana, como antiga potencia rexional que se está a adaptar a unha nova situación política, e Uganda e Nixeria, que son consideradas as potencias rexionais emerxentes na actualidade. África foi o continente menos transformado pola revolución industrial e exerce de proveedor de materias primas á economía mundial. A estrutura económica é dual: coexiste a economía de subsistencia coa de mercado. A agricultura continúa a ser a principal ocupación da poboación activa en moitos estados africanos, aínda que a súa importancia relativa diminúe. Así mesmo, o melloramento dos rendementos agrícolas queda neutralizado polo crecemento da poboación. Os monocultivos, como o do cacao (Gana, Nixeria e Camerún) e do café (Etiopía, Uganda e Camerún), orientados cara á exportación, adoitan ser a única base económica de moitos países africanos. Este modelo de desenvolvemento está a impedir o desenvolvemento neses estados de mercados nacionais e industrias transformadoras autóctonas, ademais de provocar profundas fendas entre as economías integradas no mercado mundial e as tradicionais e de xerar unha dependencia moi forte do capital estranxeiro (créditos, investimentos, etc). A pesca africana tradicional apenas aproveitaba os seus importantes recursos piscícolas; sen embargo, coa aplicación da Zona de Explotación Económica das 200 millas no litoral africano, moitos caladoiros explotados por galegos, rusos, chineses, xaponeses, noruegueses, etc, deixaron de ser zonas económicas libres e pasaron a formar parte dos recursos nacionais. O feito de ter que pagar un canon de explotación para faenar neses caladoiros, levou a numerosas empresas (p ex as galegas Pescanova e Vieira) a crear sociedades mixtas nos países africanos (Marrocos, Namibia, Mozambique) que animaron ao desenvolvemento dunha industria nacional moi dinámica. A minería é a actividade que recibe a maior parte dos investimentos privados estranxeiros e proporciona un volume de ingresos importante para a maioría dos estados do continente. Este feito explica a intervención das compañías mineiras internacionais na política dos estados africanos. As principais producións son os diamantes (Sudáfrica e República Democrática do Congo), o ouro (Sudáfrica, Cimbabue e Gana), o cobalto (República Democrática do Congo e Zambia), o cromo e o vanadio (Sudáfrica), os fostatos (Marrocos e Tunicia) e, por último, o cobre (Zambia e República Democrática do Congo). As principais rexións mineiras son as do S, as do SL e as do SO. Tanto a produción coma o consumo de enerxía son moi baixos, agás en Sudáfrica. Tan só unha pequena parte do petróleo e do gas natural, extraído dos depósitos de Libia, Nixeria, Alxeria e Exipto, é utilizada no continente; o resto destínase á exportación. Ademais, o sector enerxético ten enormes posibilidades de crecemento a partir do aproveitamento dos recursos hidráulicos. Neste sentido, cómpre salientar a realización de grandes obras nos cursos fluviais (encoros de Kariba en Cimbabue e Zambia, Asuán en Exipto, de Kouilou no Congo, Cabora Bassa en Mozambique e de Inga na República Democrática do Congo). A produción industrial está a experimentar un forte crecemento no continente africano, principalmente en industrias lixeiras como a téxtil. A industria no continente africano estivo marcada, historicamente, pola falta de recursos financeiros e de persoal técnico autóctono; neste sentido, as industrias extractivas son de capital estranxeiro; as transformadoras seguen o mesmo modelo (é o caso da siderurxia exipcia en mans alemanas, o caucho liberiano dos estadounidenses, etc). A infraestrutura herdada é produto dunha lóxica colonial que procuraba unir as cidades e portos importantes de diferentes colonias pertencentes a un mesmo imperio antes que comunicar interiormente as colonias, feito que provoca uns medios de comunicacións claramente insuficientes e a miúdo rudimentarios; unicamente África austral, Alxeria-Tunicia e Exipto contan cunha rede moderna e adaptada ás necesidades actuais. Diversos autores sinalaron este como un dos factores que contribúen ao subdesenvolvemento africano ao impedir a integración económica. O comercio internacional africano, cunha participación moi baixa no total mundial, está cuberto en máis do 50% polos países mediterráneos, o Sudán e a unión alfandegaria da África austral (Sudáfrica, Lesoto, Suacilandia e Botsuana). Un bo número de estados africanos mantén acordos comerciais de preferencia coa Unión Europea (coa que asinaron o Acordo de Lomé) e a Commonwealth británica. Existen diversas organizacións africanas de tipo económico: Unión Económica e Monetaria da África Occidental (UEMOA),Unión Aduaneira e Económica de África Central (UDEAC), a Unión do Magreb Árabe (UMA) Unión Aduaneira e Económica da África do Oeste (CEAO) e Comunidade Económica dos Estados da África do Oeste (CEDEAO). A área coñecida como Zona Franco, que agrupa aos países da UEMOA, UDEAC e Guiné-Bisau e ás Comores, busca establecer entre os países membros uns obxectivos económicos e monetarios comúns. Na actualidade están a cobrar maior importancia o Banco Africano do Desenvolvemento, creado no ano 1963, e a Comunidade de Estados Africanos (CEA), instituída polo Tratado de Abuja e aprobada pola Organización para os Estados Africanos en 1991, que está a ser potenciada dende 1997 co obxecto de formar o que será un Mercado Común Africano.
Comunicacións
As liñas de circulación e de transporte africanas introducíronse dende a periferia marítima cara ao interior a causa da existencia de portos de acceso, establecidos con moitas dificultades por causa da escaseza de refuxios naturais da costa africana. As instalacións e os equipos dun bo número de portos (Freetown, Monrovia e Abidxán na África occidental, Moçãmedes en Angola, Nacala en Mozambique, Dar es Salaam en Tanzania, e Toramasina en Madagascar) quedaron obsoletos se temos en conta a intensidade do tráfico marítimo actual. A plataforma africana, cos seus grandes desniveis, dificulta tanto a navegación fluvial como a construción e a traxectoria de camiños de ferro (en 1999, o Chad, a República Centroafricana, Gambia, Níxer, Ruanda e Somalia non tiñan rede ferroviaria) e estradas; así mesmo, a súa conservación tamén se ve prexudicada polas chuvias de grande intensidade.
Xeografía humana e sociedade
Poboación e poboamento
A distribución territorial da poboación en África é sumamente desigual a causa das condicións frecuentemente inhóspitas do medio físico. As densidades máis altas encóntranse no val e no delta do Nilo (máis de 600 h/km2), aínda que polo xeral oscilan entre o 50 e 100 h/km2. En xeral, a poboación acumúlase en núcleos illados onde se esgotan axiña os recursos, o que fai necesario o éxodo da poboación excedente cara ás minas de Sudáfrica, ás plantacións algodoeiras de Uganda ou ás cidades portuarias, para provocar aglomeracións en suburbios e zonas degradadas. Na franxa mediterránea a emigración foxe para a Europa industrial. Co 20% das terras emerxidas do planeta África tiña, en 1998, nada máis que o 13,1% da poboación mundial e segundo a proxección para o 2025 será do 18,1%. A densidade de poboación é de 22 h/km2, só superior á de América e Oceanía. A taxa anual de crecemento de poboación (2,78% en 1975-1980; 2,82% en 1980-1985; 2,78% en 1985-1990; 2,68% en 1990-1995 e a proxección para 1995-2000 é do 2,61%) é a máis elevada de todos os continentes. Hai un alto índice de mortandade infantil, no período 1990-1995 foi de 86‰. A esperanza de vida en 1998 era de 52,3 anos para os homes e de 55,3 anos para as mulleres.
Grupos humanos
O proceso evolutivo humano, que arranca de África, e o carácter dinámico co que se materializou o fluxo xenético, obrigan a indicar dous aspectos fundamentais: a poboación é en gran parte autóctona e existen dous grandes grupos humanos localizables historicamente ao N e o S do Sáhara. Ao N o grupo árabe-bérber e mediterráneo; ao S, o grupo negro. Este grupo, o máis numeroso, integra entre outras as seguintes poboacións: sudánida, nilótida, congólida, guineana e sudafricana. Outros grupos humanos presentes en África son os pigmeos, que se localizan no bosque tropical; os khoisánidos (hotentotes e bosquimáns), que constitúen un grupo humano illado do resto das poboacións negras que habita no deserto do Kalahari, que se caracteriza pola esteatopixia feminina, consistente nunha forte acumulación de graxa na rexión do glúteo; e os malgaches, procedentes do tronco sudafricano, aínda que presentan acusadas influencias mogólidas (merina) procedentes do arquipélago malaio.
Etnias e culturas
Etnograficamente, África pode ser dividida en África branca e etiópida e en etnias e culturas negras. A África branca e etiópida está formada polos mediterránidos do N, entre os que salientan os bérberes, ademais dos árabe-falantes dende Mauritania a Exipto e nunha parte do Sudán. A cultura, basicamente islámica, conserva tradicións exipcias, púnicas e romanas. Pódense distinguir na África subsahariana sete áreas culturais. A área do nordés ou Corno de África é culturalmente moi semellante ao N de África debido á influencia do Islam, que constituíu o factor unificador. A grande área do leste de África esténdese de feito ata Exipto, parte do Sudán e comprende todo o S de África dende o lago Victoria. A área do sudoeste está habitada polos pobos de fala khoisán; hotentotes ou khoikhois, gandeiros, e bosquimáns ou san, cazadores. A área oriental do Sudán, entre o Nilo e o lago Chad, é moi heteroxénea, basicamente gandeira e de predominio islámico. Na zona subsahariana ou área occidental, ao N da costa de Guinea, creáronse moitos dos imperios tradicionais africanos: Bornu, Fula, Gana, Haussa, Malí e Songhai. A área da costa de Guinea, de Guinea á conca do Congo, ten unha grande produción agrícola e unha alta complexidade nos trazos culturais: os axantes, dahomeis, benineses e iórubas crearon estados ricos e complexos. A conca do Congo está habitada polos pigmeos, cazadores-recolectores, e algunhas etnias como os congos, kubas ou lundas, que salientan no traballo da madeira e do ferro, chegando a utilizar a moeda no comercio.
Linguas
O continente africano, sobre todo ao S do Sáhara, presenta unha gran diversidade lingüística. Calcúlase que o número de linguas ronda o millar, a maioría delas con menos de 100.000 falantes. J. H. Greenberg propuxo, en 1963, unha clasificación global en catro familias (afro-asiática, nilótico-sahariana, níxero-kordofaniana e khoisán) baseada en criterios xeográficos que descoidan o factor migratorio e a imbricación dos pobos. As linguas afro-asiáticas comprenden cinco grupos diferentes (semítico, bérber, exipcio, cusítico, omótico e chadiano) espalladas polo N de África e o corno oriental. As linguas níxero-kordofaniana comprende dous grupos (níxero-congo e kordofiano) espalladas pola África occidental e o S do Sáhara. As linguas nilótico-saharianas comprenden seis grupos diferentes (songhai, sahariano, maban, furian, chari-nil e coman) espalladas polo val alto do Nilo. As linguas khoisan comprenden tres grupos (hatsa, sandawe e khoisan de África do Sur) espallados polo S de África; este grupo lingüístico caracterízase polos estalos entre as consoantes. A lingua merina, falada na illa de Madagascar é da familia austronesense (malaio-polinesia). Os criterios para o agrupamento destas familias baséanse no ton con función distintiva, os clics, característica común a todas as linguas khoisan e a algunhas bantú (zulú, xosa), os fonemas labiovelares /k/-/p/ e /g/-/b/, as secuencias iniciais nasal/oclusiva /mb-/ e /nd-/ e a prevalencia de sílabas abertas e tamén nos sistemas de clases nominais e de derivación verbal. Na maioría de estados africanos a lingua oficial é a introducida polos colonizadores. Os únicos países onde a lingua oficial é unha lingua nacional (á parte os de influencia árabe) son: Burundi (kirundi), Eritrea (tigrinya), Etiopía (amárico), Quenia (kiswahili), Lesoto (sesotho), Madagascar (malgache), Mauritania (pular, soninke e wolof), Namibia (afrikaan e tedesco), República Sudafricana (ndebele, xosa, zulú, afrikaan, sepedi, sesotho, setwana, siswatitshivenda e xitsonga), Ruanda (kinyaruanda), Seicheles (crioulo), Somalia (somalí), Suacilandia (suaci), Tanzania (kiswahili) e Uganda (swahili), sen embargo, nos medios oficiais destes estados emprégase moito máis a lingua importada. As linguas francas adquiriron unha grande importancia sendo as máis utilizadas o swahili, o haussa e o mandinga, espalladas por diferentes países.
Relixións
A relixión que tradicionalmente tiña máis seguidores en África era o Islam (en 1900 o 32% da poboación era de confesión islámica, o 9% cristiá e o 58% era fiel a outro tipo de crenzas de tipo animista). Na actualidade esta relación mudou notablemente e así o 45% era adepta ao cristianismo, o 41% ao Islam, mentres que só o 12% se mantiña nos seus cultos ancestrais.
As grandes rexións africanas e a estrutura política
Unha división rexional de África segundo factores físicos e bioxeográficos, zonais, elementos económicos, culturais e políticos permite distinguir: o Magreb ou África menor, anel suroccidental do Mediterráneo; o Sáhara e as súas prolongacións nos desertos de Libia e de Nubia. A África oriental, que comprende o Corno de África (Etiopía e Somalia), a África oriental de latitude ecuatorial (Quenia, Uganda, Ruanda, Burundi e Tanzania e mais as terras situadas ao S do Zambeze e o Limpopo: Zambia, Malaui, Mozambique e Cimbabue) e Madagascar, de influencia asiática. A África occidental, constituída polos países da cota situada ao N de Guinea, do cabo Verde ata o fondo do golfo, é a rexión máis pequena (8,75%)e a máis poboada. A África ecuatorial occidental, do Chad meridional ao S da República Democrática do Congo e Angola, onde viven os pigmeos, nómadas, cazadores e recolectores, e os bantús, agricultores nos claros do bosque e nas beiras dos ríos. A África meridional é a área máis industrializada do continente; sen embargo, debido o sistema político que facilitaba o acceso aos recursos só á poboación de ascendencia europea, sobre todo holandesa e británica, esta era a única que gozaba dunha situación económica e social desenvolvida, mentres que a maioría non europea permanecía no subdesenvolvemento. No contorno do continente africano hai illas e arquipélagos, tanto no océano Atlántico (Canarias, Madeira, Cabo Verde, Bioko, Santa Elena, San Tomé e Príncipe, etc) coma no Índico (Madagascar, Mascareñas, Seicheles, Socotra, etc). Non obstante , a estrutura territorial política, moi especialmente ao S do Sáhara, segue a reflectir a partición colonial: as unidades estatais africanas ofrecen na maior parte dos casos unha estrutura territorial arbitraria, moi frecuentemente en desacordo cos límites naturais (caso de Botsuana, República Democrática do Congo ou Chad, entre moitos), étnicos ou culturais (conxuntos heteroxéneos unidos dentro dun mesmo estado, como no caso de Nixeria ou do Sudán; grandes etnias seccionadas, como no caso dos hausa, bakongo, masai ou somalís). Diversos factores (políticos, económicos e demográficos) están a provocar unha profunda inestabilidade no conxunto do continente, agravada naqueles estados con conflitos bélicos. O resultado é o continuo desprazamento de milleiros de refuxiados cara ás cidades e ao estranxeiro. Neste contexto, determinado pola disolución das comunidades tribais tradicionais e o crecemento de aglomeracións urbanas nas que aumentan as bolsas de marxinación, a estrutura política herdeira do colonialismo e a economía de mercado está a provocar numerosas tensións sociais e políticas que poden dificultar un crecemento autosustentado e distributivo dos estados africanos poscoloniais.
Historia
Prehistoria antiga: o proceso de hominización no continente africano
África foi o escenario do proceso de hominización. Proceden de diferentes xacementos africanos (lago Turkana, en Quenia; Laetoli, en Tanzania; Hadar, en Etiopía; e Taung, Makapansgat, Sterkfontein, Kromdraai e Swartkrans en África meridional) restos de homínidos primitivos como o Afropithecus (antepasado miocénico da familia Homínida) o Ardipithecus (homínido de hai 4 Ma que segundo algunhas hipóteses é o antepasado directo de Homo, aínda que outras o sitúan como unha liña evolutiva sen descendencia) o Australopithecus (xénero bastante diversificado que se situaría entre os antepasados do Homo) e o Paranthropus (xénero robusto que se diversificou dos Australopithecus). Tamén ao longo de África oriental aparecen restos de Homo habilis descuberto en Olduvai (Tanzania) en 1964, Homo rudolfensis e Homo ergaster, antepasados da Humanidade actual en sentido amplio. Por último, os restos de Homo erectus (anteriormente coñecidos como africantropos do lago Eiasi, en Tanzania; atlantropos de Casablanca ou Rabat, no Magreb; Home chelense de Olduvai, etc) aparecen espallados por todo o continente africano. Asociados con Homo aparecen en diferentes xacementos (Lokalelei, Olduvai, Melka Kunturé, etc) industrias de seixos unifaciais (Olduvaiense) e bifaciais (Acheulense). O tipo humano neandertalense aparece en África asociado ao tecnocomplexo de Fauresmith e a un conxunto de restos que tradicionalmente se veñen encadrando na especie Homo sapiens rhodesiensis, en revisión na actualidade. Ao S do Sáhara estableceuse a Early Stone Age (Idade Antiga da Pedra), datada a finais do Plistoceno, con industrias adaptadas ás condicións de cada país e individuos dun tipo físico semellante ao actual. Logo dun período intermedio, no que se acentúa o microlitismo, aparece hai uns 6.000 anos a Late Stone Age (Idade Superior da Pedra), representada polos tecnocomplexos tshitolense, no Congo; o nachikufense, entre os grandes lagos e o Zambeze; o tipo microlítico wiltonense, que van da costa oriental á occidental, entre o S de Angola e o río Orange; e o Smithfield, entre a alta cunca do Orange e o río Vaal. Ao S do Sáhara perduraron tradicións tecnolóxicas alleas ao emprego dos metais, por exemplo os san, ata o s XIX. No N de África atópase o íbero-mauritánico ou oraniano, asociado ao tipo humano de Mechta-el-Arbi, e o capsense, do L do Magreb.
Neolitización
O neolítico africano máis antigo localízase en Exipto, onde evolucionou rapidamente e produciu unha civilización que non ten equivalente no resto de África. O mecanismo de extensión polo resto de África é aínda mal coñecido, ben que na actualidade estase a considerar a hipótese de que existisen áreas de desenvolvemento autónomo do proceso de neolitización. Atópanse sociedades neolíticas na zona nilótica sudanesa, emparentadas co neolítico exipcio primitivo, e no Magreb dous grupos: o neolítico de tradición capsense en Tunicia e o neolítico das covas con cerámica decorada no litoral de Alxeria e de Marrocos. O Sáhara foi outro centro neolítico importante e boa parte das pinturas e dos gravados rupestres saharianos son deste período (que corresponden ao derradeiro momento da plenitude de vida no Sáhara, antes de convertirse en deserto). Fóra de Exipto, o neolítico do N de África non evolucionou para as idades dos metais. Cómpre sinalar que no Níxer a agricultura é tan antiga como no Nilo, sen embargo, debido a diversos factores non chegou estruturar unha sociedade urbana semellante á que xurdiu en Exipto. Así mesmo, non se sabe se a metalurxia, que sucedeu inmediatamente ás industrias neolíticas, foi importada nos territorios do S do Sáhara, por exemplo a través de Meroé no Alto Nilo, ou se é produto dun desenvolvemento autóctono.
Os estados africanos non islamizados antes do s XVI
A historia antiga de África presenta dúas realidades contrapostas pola fronteira natural do Sáhara; neste sentido, o N está inmerso na historia xeral do Mediterráneo (Exipto, Numidia, etc), en tanto que o S, onde importantes reinos africanos (Axún, Malí ou Sudán) chegaron a dominar amplas extensións, se mantivo illado do N do continente. Exipto é o primeiro estado que se estrutura no continente africano salientando a importancia que tivo o Alto Exipto (Tebas) e o papel que Nubia desempeñou ao longo de toda a historia exipcia, que acusaron un carácter moi africano a esta importante e influente civilización mediterránea. A conquista de Exipto por Alexandre o Grande, introduce un novo factor cultural neste imperio, que abandonará neste momento a súa tradición africana. A cidade de Alexandría é un reflexo deste novo rumbo. Sobre os territorios norteafricanos, onde se desenvolveran algúns reinos indíxenas, nomeadamente bérberes, actuaron as colonizacións grega na Cirenaica, fenicia en Cartago e, ao longo de todo o territorio, a conquista romana. Así, Roma enfrontouse ou aliouse segundo as circunstancias a algúns deses reinos, por exemplo a Numidia. Finalmente, a conquista romana incorporou ao campo da súa civilización estes territorios, onde arraigou con características propias a latinidade (adopción do latín como lingua vehicular, expresión literaria e filosófica -santo Agostiño- propia en latín, cristianización, etc). As escasas relacións entre o mundo mediterráneo co resto do continente producíronse, sobre todo, a través das poboacións do Nilo medio; neste sentido, o reino de Kus, probablemente existente no 1000 a C, foi o intermediario de produtos e de influencias entre o mundo do Mediterráneo e o interior do continente. En Meroé (III a C-IV d C), capital do reino Kus, atopáronse numerosos depósitos de escouras que permiten afirmar a importancia desa cidade como centro metalúrxico fundamental na África subsahariana. O reino Kus, que acadou unha grande importancia económica e política rexional, desapareceu saqueado e invadido (335 d C) polo veciño reino de Axum. O outro estado da África oriental de certa importancia foi o reino de Askún, fundado polos descendentes dos pobos chegados dende Arabia e cristianizado, adoptou o monofisismo como relixión oficial (s IV), baixo a influencia das comunidades do alto Exipto. Este estado foi vehículo e obxecto de múltiples influencias exteriores (greco-romana, árabe, persa, india, etc) que asimilaría co tempo. O illamento ao que o someteu a conquista islámica do Próximo Oriente e de Exipto apenas comezou a romperse definitivamente ao final do s XV. Un fenómeno de grande importancia, que aínda non coñecemos en plenitude, é a expansión bantú, que se espalla a partir das mesetas do N de Camerún e que cronoloxicamente é encadrable no cambio de era. Vénse explicando esta expansión pola posesión do ferro, que permite penetrar na selva, e polo cultivo do ñame e da banana -procedente de Indonesia por mecanismos descoñecidos-. Contra o s VII-VIII, os bantús acadan a rexión dos grandes lagos, e no s X aparecen en Cimbabue e na desembocadura do Congo. Cómpre salientar, non obstante que os primeiros estados bantús non apareceron ata o s XIV: o reino do Congo e o imperio de Monomopata. Na zona situada entre o Sáhara e a selva tropical desenvolvéronse unha serie de reinos negros que, ao parecer, non debían nada ao mundo mediterráneo. O máis antigo e célebre destes estados é Gana. A base económica deste reino era comercial, polo que mantiveron contactos co mundo norteafricano e sahariano (na procura de sal) e guineano (ouro), que intercambiaban por escravos. O reino de Gana fundárase ao redor do s IV d C a partir dunha dinastía bérber, substituída polo soninke Kaya Maghan Sisse (790), floreceu grazas á súa vantaxosa posición respecto ás rutas comerciais entre os territorios negros e os da África setentrional e sahariana; a súa máxima extensión foi durante os ss IX e XI e a súa destrución definitiva foi da man do imperio mandinga de Malí (1240). O imperio de Malí fundárao Keita Sunjata aproximadamente no ano 1235, para chegar ao seu máximo espallamento baixo Gongo Musá (1312-1337); comprendía dende o Atlántico ata os estados haussa, no interior do continente. A partir de 1360 entrou en definitiva decadencia ata a súa conquista por parte da dinastía Día, fundadora do imperio Songhai, o que supuxo baixo Sonni ‘Ali (1468-1492) unha reacción contra o Islam a favor das tradicións pagás. Os Askia destronaron aos Día (1493), retornaron ao Islam e gobernaron Songhai ata a conquista marroquí (1591), que inaugurou un longo período de anarquía e de decadencia. A partir da fin do Songhai cesou a formación de grandes estados fundamentados no comercio transahariano. Fóra destes grandes imperios, houbo outros que apareceron a partir das confederacións tribais xurdidas en encrucilladas de rutas comerciais que durante un período determinado exercían unha certa hexemonía sobre pobos veciños, entre os que salientan os reinos do Chad, florecentes entre o s X e XI; os ioruba de Ife, nos XII e XIII; os himes, que penetraron na rexión dos lagos arredor do s XV, onde constituíron diversos reinos (Buganda, Bunyoro, Ruanda, Burundi, etc); por último, as ruínas de Cimbabue e outras localidades veciñas testemuñan unha elevada cultura, ligada seguramente á explotación mineira, de moi insegura datación (? s XIV).
A expansión do Islam
A conquista árabe do N de África no s VI marcou decisivamente a evolución do continente, influíndo directamente na configuración dos estados mediterráneos e indirectamente nos reinos e imperios da África negra máis setentrional. O proceso de islamización foi máis rápido no Magreb, onde o cristianismo se extinguiu totalmente arredor do s XII. Noutros territorios como Exipto sobreviviu o cristianismo copto e no reino de Askún o monofisismo; sen embargo, a arabización foi máis profunda nestes últimos territorios que no Magreb, onde subsisten comunidades bérberes con lingua e cultura propias. A penetración islámica ao S do Sáhara afirmouse coa constitución no Senegal da seita relixiosa e militar dos almorábides (1042), que conquistaron o reino de Gana (1076) e da islamización de Songhai en 1493. Noutros estados e pobos ao S do Sáhara, como os mossi e os haussa, obsérvase unha actitude de resistencia contra o Islam, que non asimilarían máis que parcialmente no s XIV. Na saída meridional que leva dende o Mediterráneo á rexión do Chad, a través do Tibesti, constituíuse o reino de Kanem-Bornu, islamizado dende o s XI e que chegou ao seu apoxeo comercial e territorial, baseado no tráfico de escravos, durante o s XVI. Nos imperios de Songhai e Kanem-Bornu e nas cidades-estado haussa o Islam desenvolveuse con vitalidade propia e as escolas musulmanas destas cidades eran recoñecidas polos mesmos árabes, especialmente Tomboutou, onde destacaron escritores como Mahmad Koti (s XVI) e al-Sadi al-Timbukti (s XVII).
Os estados africanos antes da colonización
Pódese dicir que o Islam non penetrou ao S do Sáhara, onde se desenvolveron numerosos reinos. Entre o Níxer e o litoral atlántico xurdiron tres importantes civilizacións: a ioruba, único pobo negro que tendeu espontaneamente a aglomerarse en grandes cidades como reflicte a súa política de base urbana, o reino de Benín e o de Nupé, ambos os dous de tradición ioruba. Os fulas espalláronse dende os extremos do Senegal cara ao L no s XIV e establecéronse en Masina no s XVI; o seu xefe Usmanu dan Fodio sostivo unha guerra santa contra os hausas e constituíu un imperio dende Níxer ata Adamauá. Ahmadu Lobo constituíu outro estado desprazando os bambara. Máis ao O, o tekrur Omar Saidu Tall edificou (cara ao 1860) un efémero imperio relixioso dende o Senegal ata Tomboutou. Sáhara, dominado polo terror, como foi tamén o do cazador de escravos Rabah, que se estendía do Chad ao Kordofan. Ambos os dous destruídos polos franceses (1889 e 1900). Os nómadas árabes do Sudán oriental islamizaron os pobos autóctonos, que fundaron o reino islámico de Funj, que durou ata a conquista exipcia no inicio do s XIX. Tamén foron arabizados parcialmente ou totalmente o Dārfūr e o Kordofan. Os estados da África meridional e oriental orgánizanse ou espállanse, a partir do s XVII, en contacto cos europeos. A ocupación do cabo da Boa Esperanza por parte dos holandeses das Provincias Unidas (1652) converteu esta rexión na única de África cunha poboación numerosa de colonos europeos, os africáners, descendentes dos campesiños ou bóers holandeses. Estes espalláronse por unha zona de clima mediterráneo e subtropical seco, onde atoparon os hotentotes, pastores, e os bosquimáns, cazadores e recolectores primitivos, aos que marxinaron ou eliminaron. Os bóers, pastores nómadas, penetraron no veld, e no seu avance atoparon bantús do grupo nguni (1780), e entraron en conflito, sobre todo no período no que reinou o xefe zulú Chaka (1787-1828), quen creou unha temida organización militar que provocou o desprazamento dos ndebele, os kololo e os swazi. A incorporación do Cabo pola Gran Bretaña (1814) espertou a oposición dos africáners, que emigraron cara ao interior (1837, o gran trek), onde consolidaron as súas repúblicas independentes fóra dos límites da colonia británica. A difícil convivencia cos ingleses finalizou co descubrimento das minas de diamantes (1867), que orixinou a guerra anglo-bóer. En Etiopía o Ras Kassa (Teodoro II, 1855) acabou coa anarquía iniciada no s XVI. Derrotado polos ingleses (1867), estes entronizaron a Xoán IV, rei local que obedecía os seus desexos. O seu sucesor, Menelik, que fundara Addis Abeba (1883), continuou dende 1885 a tarefa de organización e modernización do imperio e resistiu con éxito a presión italiana.
A aparición dos europeos
Despois do desecamento do Sáhara, que marcou o afastamento entre o N e o S de África, e da expansión do Islam, que modificou a estrutura social, política e cultural de boa parte de África, o contacto dos europeos co S de África foi un acontecemento de gran magnitude histórica. A causa do contacto debe buscarse en diferentes factores, sen embargo, cómpre destacar que a procura dunha ruta ás Indias que non estivo monopolizada polo comercio árabe para evitar así o pagamento dun forte tributo, foi o factor máis importante. O home branco só obtivo á fin da Antigüidade un coñecemento parcial dos territorios ao N do Sáhara, da costa occidental ata o Senegal e da costa oriental ata Rovuma, malia os esforzos emprendidos (navegación exipcia e despois greco-romana, o periplo cartaxinés, as exploración tolomeicas, etc). Foi na Idade Media cando os árabes e os bérberes islamizados ampliaron os coñecemobre África, cos traballos xeográficos de autores como Leon Africano, Idrisi, al-Masudi e, sobre todo, Ibn Battuta. As informacións de orixe musulmá suscitaron na cristiandade medieval un interese polo continente africano, do que é boa mostra o rexistro na cartografía europea dos principais imperios africanos, como por exemplo o de Malí, representado por primeira vez no mapamundi de Cresques (1375), a viaxe de Xaime Ferrer ao Río de Ouro (1346) ou a conquista das Canarias en sucesivas tentativas -xenovesas, mallorquinas e castelás- dende comezos do s XIV, culminada por Jean Béthencourt (comezos do s XV), normando ao servizo do rei de Castela. Non obstante , a era das grandes exploracións non comezou ata o ano 1416, cando os portugueses, baixo a dirección do infante Enrique o Navegante, emprenderon a exploración sistemática da costa africana occidental a causa do desexo de atopar paso para o océano Índico, obxectivo conseguido en 1488 por Bartomeu Dias e completado por Vasco da Gama, en 1498, ao arribar á India pola nova ruta. Cómpre salientar que, dende o s XV ata o establecemento do tráfico de escravos a grande escala (s XVII-XVIII), África non era considerada nin como un centro de interese nin de explotación, só como unha escala na ruta da India. Por ese motivo, os primeiros enclaves europeos en África obedecen a esa lóxica comercial e unicamente servían como punto de escala e, en menor medida, comercial. Os primeiros en realizar este tipo de actividade foron os portugueses (fundación de factorías en Elmina, 1482, San Tomé, 1493 e Mapinda, 1501), que non conseguiron facerse fortes na costa oriental pola influencia islámica; ademais, a presenza portuguesa tivo enfronte ao reino do Congo e o de Monomotapa e activou o comercio cos reinos interiores de Luba e de Lunda. O comercio de escravos foi o punto de inflexión que propiciou unha penetración completa, con obxectivos coloniais diferentes aos das feiturass anteriores, do continente africano e, polo tanto, unha exploración científica do territorio. Neste marco é como se deben entender as exploracións europeas do continente, entre as que cómpre salientar dous procesos: as viaxes de Francisco Álvares [1520-1526], Antonio Fernandes [1604-1634], Pedro Paes [1613], Charles Poncet [1698-1699], James Bruce [1769-1772] por Abisinia como continuación das exploracións renacentistas; e a fundación en Londres, no ano 1788, da British African Association, con finalidades científica, económica e humanitaria (combater a escravitude), ao que se sumou o celo misioneiro, foi o inicio da exploración africana por parte dos europeos: Mungo Park (1795-1797, 1805-1806), Clapperton, Denham e Oudney (1822-1825), Clapperton e Lander (1825-1827), Caillié (1827-1828), Livingstone (1849-1854, 1854-1856, 1858-1860, 1860-1864, 1866-1869), Barth (1850-1855), Burton e Speke (1857-1858), Speke (1858). Speke e Grant (1860-1863), Rohlfs (1862, 1863-1864, 1865-1867, 1868-1869, 1873-1874, 1879), Nachtigal (1869-1874), Stanley (1874-1877, 1887-1888), Brazza (1875-1878, 1879-1880) e Marchand (1896-1898). O tráfico de escravos, practicado polos musulmáns dende había séculos, adquiriu no s XVII un volume extraordinario e constituíu, ata principios do s XIX, un dos factores máis decisivos na historia de África. As consecuencias principais do tráfico de escravos foron a despoboación do continente e o caos en moitas zonas. O movemento de opinión europeo contra a escravitude provocou a prohibición do tráfico negreiro (Dinamarca, 1804; Gran Bretaña, 1807) e, máis tarde, a abolición da escravitude, ratificada no Congreso de Viena en 1815. Os escravos liberados foron transportados a determinados portos (Libreville, 1849; Freetown, 1878) e con escravos procedentes de América fundouse a República de Liberia, único estado independente da África negra durante máis de cen anos. Os estados musulmáns non se consideraron obrigados pola prohibición, cousa que aproveitaron as potencias europeas para xustificar a intervención en nome do humanismo. A prohibición do tráfico de escravos, por outro lado, eliminou a base económica dos estados negros da costa, rebelándose algúns contra as potencias que reprimían o tráfico. Un dos últimos elementos da penetración dos europeos en África son as misións relixiosas. A principios do s XIX, para aproveitar a obra dos colonizadores europeos, tanto os católicos coma os protestantes iniciaron, a miúdo con gran rivalidade, unha obra misioneira ampla. Xa a finais do s XIX foron fundadas misións protestantes alemanas en Tanganica e inglesas en Quenia, mentres o catolicismo e o protestantismo penetraban en Uganda e, dende alí, estendíanse a Ruanda-Burundi. O Congo Belga foi evanxelizado por misioneiros católicos enviados polo estado belga. Na África occidental, unha vez suprimido en 1815 o tráfico de escravos, metodistas e baptistas negros americanos comezaron a se introducir en Liberia, Serra Leona e na Costa de Ouro (actual Gana); estes grupos contaron con pastores indíxenas. Pódese dicir isto mesmo de Nixeria grazas ao labor do bispo Crowather. Os católicos evanxelizaron Guinea, o Senegal, Dahomei (actual Benín), a Costa de Ouro, Nixeria e a Costa do Marfil. Malia que a escravitude foi combatida por diversos misioneiros, o racismo influíu no feito de que os negros fundasen igrexas independentes como a Igrexa Presbiteriana da Costa de Ouro ou a Igrexa Independente Ewe (Unión Sudafricana), que sucedeu á fundada en Togo por pastores alemáns.
O colonialismo
O período colonial da historia africana -se prescindimos das tentativas portuguesas en Angola, da implantación en África do Sur dos colonos bóers e da penetración francesa no Senegal-, non comezou ata pasada a metade do s XIX. Os caracteres que definen a colonización africana pódense concretar en tres: o contacto negroafricano con Europa de xeito bastante negativo para os primeiros, dando lugar a procesos de aculturación; a redistribución da poboación africana, que desestabilizou o equilibrio demográfico tradicional, en función das novas actividades económicas e administrativas; e a formación de novas entidades lingüísticas e políticas. A vella colonización portuguesa propicipou a mestizaxe; a británica, de base mercantil, era xeralmente respectuosa cos costumes e tradicións locais mentres non alterasen a orde pública imposta por eles; a francesa, máis intervencionista, participaba do ideal universal de cidadán, polo que o seu obxectivo era unificar a todos os colonizados como cidadáns franceses; a alemana, quizais a máis brutal, propúñase facer dos africanos administrados disciplinados e economicamente rendibles. Non obstante , a todos unía un afán común: obter beneficios económicos rápidos e abondosos. O inicio do proceso de colonización parece estar no decaemento do comercio que trouxo consigo a supresión do tráfico de escravos, o que provocou unha sucesión de crises nas compañías propietarias dos establecementos mercantís da costa. Os estados correspondentes fixéronse cargo, algúns países desinteresáronse, como Dinamarca e os Países Baixos, que venderon as súas factorías da Costa de Ouro (1850 e 1872) á Gran Bretaña, e, incluso, esta última chegou, en 1860, a considerar seriamente a conveniencia de retirarse das bases obtidas. Na conferencia de Berlín (1884-1885) estableceuse o principio da ocupación efectiva como condición de recoñecemento da soberanía e recoñeceuse a soberanía francesa sobre o Congo e foi establecida unha zona de libre comercio de océano a océano, a chamada Cunca Convencional do Congo. O proceso de ocupación dos territorios e das esferas de influencia que se atribuirían as potencias con motivo da repartición motivou, á parte dos conflitos entre as potencias colonizadoras en Fachoda (1898) e Agadir (1911) e dos derradeiros episodios da conquista francesa do Sudán ( Ḥ ā ǧǧ ‘Umar, Samōri Ṭ ūri, etc), guerras con algúns dos poucos estados africanos independentes, dos que cómpre destacar a tentativa fracasada de Italia sobre Abisinia (desastre de Adua en 1896) e, sobre todo, a guerra anglo-bóer (1899-1902), que rematou coa constitución da autónoma Unión Sudafricana (1910). Dende a Idade Media, todo o N de África agás Marrocos estivo baixo o dominio turco, ben que, dende principios do s XIX, o poder estaba en mans dos beis de Alxer, dos beis de huseinitas de Tunicia, dunha oligarquía local en Trípoli e dos mamelucos en Exipto. En 1804, sen embargo, Mu ḥ ammad ‘Alī expulsou do poder os mamelucos e comezou a poñer os esteos do moderno estado exipcio. A dominación exipcia do Sudán oriental durou ata o alzamento do mahdí Mu ḥ ammad A ḥ mad (1881). O resto da África do N continuaba na decadencia. En 1830 as tropas francesas, pretextando a represión da piratería berberisca iniciaron a conquista de Alxeria. O endebedamento progresivo do bei de Tunicia obrigouno a asinar, en 1881, o tratado do Bardo, polo que pasaba a ser un protectorado francés. Italia conquistou Trípoli nunha guerra contra Turquía. Exipto caeu nun protectorado británico (1882). As tropas británicas e exipcias, comandadas por lord Kitchener, converteron o imperio de Mu ḥ ammad ‘Alī en condominio anglo-exipcio (1898). Marrocos, finalmente, acabou formalizando (1912) o seu status de protectorado, dividido entre o estado español e francés, coa creación, ademais, do territorio internacional de Tánxer. O escaso interese económico que seguía a presentar a África negra explica a cativeza de recursos que dedicaron ao comezo as potencias coloniais. As características políticas e administrativas da colonización variaron segundo as zonas e tamén, fundamentalmente, segundo as doutrinas coloniais das respectivas metrópoles. Así, Francia inclinouse pola asimilación: os territorios coloniais formaban parte da nación francesa, aínda que o particularismo dos seus habitantes e as súas raíces culturais lles impedía chegar, de momento, a gozar plenamente da condición de cidadáns. A administración portuguesa xa tiña unha grande tradición de mesturamento interracial ao longo da súa historia e tamén tentaba chegar a unha asimilación dos territorios a través do entrecruzamento cultural. O dominio británico exerceuse mediante a concepción da indirect rule, coa que propugnaba crear unha administración forte e branca que dirixise cada colonia, con todo, deixaba que os pobos africanos se adaptasen e evolucionasen sen perder as súas características baixo o goberno dos seus xefes. Despois do período de desmesurada explotación comercial do Congo por parte de Leopoldo II (1882-1908), o estado belga practicou unha política paternalista que trataba de conciliar a explotación económica do país co benestar dos indíxenas.
A descolonización
Despois da Primeira Guerra Mundial, a Sociedade de Nacións creou os mandatos, territorios das potencias vencidas confiados a un estado co encargo de administralos e, sobre todo, de preparalos para unha vida independente. A única variación territorial importante ata a Segunda Guerra Mundial foi a conquista italiana de Abisinia (1935-1936). No período seguinte á Primeira Guerra Mundial, o desenvolvemento xeral da economía mundial fixo xurdir un novo interese sobre África como fonte de materias primas, o que levou a un grande investimento de capitais e a unha preocupación maior pola administración colonial, recorréndose cada vez máis a funcionarios nativos. Hai que salientar, paralelamente a estes últimos, a existencia dunha clase militar africana ao servizo dos colonizadores que máis tarde ía pesar decisivamente no futuro dos países xa independizados. O aumento do nivel de instrución das minorías indíxenas acelerou o espallamento da conciencia anticolonial. Ao ser suprimido o protectorado británico sobre Exipto, Fu’ad I adoptou o título de rei, aínda que os ingleses mantiveron algúns dereitos, sobre todo o de ocupar militarmente o país e as beiras do canal de Suez. Este feito fortaleceu a oposición dos nacionalistas, organizados no partido Wafd. España e Francia tamén tiveron que intervir contra a oposición do nacionalismo local no N de África (levantamento de Abd el-Krim nos costas de Rif). Ata 1935 Francia non ocupou o Atlas e o Sáhara occidental. Na África occidental británica, na Costa de Ouro, en Serra Leona e en Nixeria foron elixidos, nos anos 1922-1925, os primeiros representantes polas poboacións das cidades aos consellos lexislativos dos gobernadores. A Segunda Guerra Mundial acelerou o proceso de autodeterminación dos países africanos. Os antigos mandatos da Sociedade de Nacións foron transformados en territorios fideicomisos. Só a Unión Sudafricana non aceptou as novas condicións para o antigo mandato da África do Sudoeste. No tratado de paz de 1947, Italia renunciou ás súas colonias: Eritrea foi anexionada a Etiopía e Libia independizouse (1951); Somalia conseguiu a independencia en 1960 ao unírselle a Somalia británica. No ano 1956 os territorios da África ecuatorial e occidental franceses obtiveron un certo grao de autonomía interna, como tamén Madagascar, Camerún e Togo. En 1958 De Gaulle intentou coa Communauté manter o conxunto, pero en 1960 concedeu a todos os membros a total independencia. Marrocos, protectorado franco-español, e Tunicia, protectorado francés, conseguiron en 1955 e en 1956 a restitución da soberanía. Alxeria conquistou a independencia nunha guerra sanguenta (1954-1962), despois da cal unha grande parte dos colonos franceses abandonaron o país. No ano 1975 as Comores (coa excepción da illa da Mayotte) conquistaron a independencia de Francia e en 1977 o antigo territorio francés dos Afar e dos Issa convertíase no estado de Xibutí. A importancia estratéxica da zona fixo que quedase unha base militar francesa. O Reino Unido, dende 1945, iniciou o camiño cara ao autogoberno das súas colonias tropicais. O nacionalismo africano acelerou o proceso coa mobilización das súas masas. Despois de declarar unilateralmente a independencia do Sudán anglo-exipcio (1956), foron declarados estados independentes diversas colonias que, aínda que unha gran parte eran repúblicas, se mantiveron como membros da Commonwealth a causa das súas ligazóns económicas e culturais coa Gran Bretaña. Na África surtropical a persistencia do colonialismo británico mantívose. En 1965, a minoría branca de Rhodesia, co apoio de Sudáfrica, proclamou unilateralmente a independencia fronte aos británicos e ás Nacións Unidas. A poboación negra deu soporte entón aos movementos guerrilleiros (ZANU e ZAPU), que foron acadando progresivamenta máis importancia ata que en 1980 se convocaron as primeiras eleccións libres que levarían ao poder ás forzas da guerrilla. O mesmo ano adoptou o nome de Cimbabue. Bélxica seguiu en 1960 o exemplo franco-británico e concedeu a independencia ao Congo (co nome de Zaire), pero nunhas condicións de anarquía e de disgregación tan grandes que motivaron a intervención da ONU. España aprobou un estatuto de autonomía para os seus territorios no golfo de Guinea e acabou concedéndolles a independencia (Guinea Ecuatorial 1968). Portugal non renunciou á súa política colonial ata que en 1974, coa caída da ditadura salazarista na metrópole, o novo réxime accedeu a conceder a independencia ás colonias (1974-1975). Posteriormente, o soporte dos EE UU e da URSS aos diversos réximes e movementos do continente africano até 1990 substituíu, en certa medida, o papel das vellas metrópoles.
África despois das independencias
Para consolidarse política e economicamente os estados africanos crearon, en 1963, a Organización da Unidade Africana (OUA). Pero ao mesmo tempo, os estados asumiron plenamente o trazado artificial das fronteiras coloniais, que en moitos casos conduciu a conflitos intrafricanos. En xeral, a independencia política non resolveu o subdesenvolvemento económico. A confrontación entre os EE UU e a URSS, dende a Segunda Guerra Mundial ata 1991, en que se desmembrou a segunda destas potencias, comportou a disputa polo territorio africano en zonas de influencia, disputa na que os dous bloques se serviron de conflitos propiamente africanos. Dende a independencia (1960), o Chad coñeceu un enfrontamento continuo entre o N, islámico, e o S, máis ou menos cristianizado, ao que nin a vella potencia colonial, Francia, nin un veciño poderoso, Libia, foron alleos. No Corno de África as indefinicións fronteirizas serviron de base ao inicio de conflitos que reforzaron a posición estratéxica das grandes potencias. O destronamento do emperador de Etiopía Haile Selassie (1974) e a progresiva configuración dun réxime militar de carácter pro-soviético imprimiron, en 1977, un novo rumbo ás tensións na zona. En primeiro lugar, polo que fai á Ogaden -territorio de poboación etnicamente somalí anexionado a Etiopía dende 1908-, Somalia, que reivindicaba dende que conseguira a independencia o apoio da URSS, despois do mencionado cambio de réxime en Etiopía, invertiu as alianzas e os EE UU puideron ocupar augas territoriais somalís. No tocante a Eritrea, desenvolveuse un movemento nacional potente, pero, ao finalizar a administración británica, as Nacións Unidas (en plena guerra fría e baixo a clara hexemonía norteamericana) decantáronse polos EE UU e incorporaron Eritrea a Etiopía. A caída do emperador etíope e o antedito cambio de posición soviética, co reforzamento do exército etíope, enfraqueceron o movemento nacional eritreo que coa retirada do soporte soviético en 1990, rexurdiu ata conseguir a independencia para o seu país (1993). Outra zona de conflito, herdanza do colonialismo, é o Sáhara occidental. En 1975, mediante o acordo tripartito de Madrid asinado por Marrocos, Mauritania e España, determinouse o abandono de España do Sáhara Occidental e a repartición deste territorio entre os outros dous estados asinantes do acordo. Con todo, a Fronte Polisaria combateu para conseguir a independencia do país. A loita militar forzou o armisticio con Mauritania (1979) e posibilitou o control dunha parte do territorio pola Fronte Polisaria, quen en 1976 proclamara a República Árabe Saharaui Democrática, recoñecida por moitos países africanos e incorporada (1982) á OUA coa oposición de Marrocos e doutros estados. En canto a Namibia, antiga África do Sudoeste, en 1968 tomou o nome actual por decisión das Nacións Unidas, ao mesmo tempo que declaraba ilegal a actuación no territorio da potencia mandataria e tutelar, Sudáfrica. Lonxe disto, este estado anexionou Namibia e estendeu as características políticas do seu réxime, incluído o apartheid. Contra este feito ergueuse o independentismo namibio, organizado dende 1958 no SWAPO (South West African People’s Organization, Organización do Pobo de África do Sudoeste), que dirixiu a loita política e militar contra a ocupación e que acadou o recoñecemento internacional, no marco da ONU, de representante lexítimo de Namibia. O 21 de marzo de 1990, logo de 105 anos de ocupación (alemana ata 1915, sudafricana despois), Namibia recuperou a independencia. Respecto de Angola e Mozambique, se en Angola se conseguiu unha certa estabilidade política -que non impediu a existencia dunha oposición, a pesar de todo armada-, en Mozambique o radicalismo imposto no terreo económico e o sectarismo da actuación política do réxime provocaron o desenvolvemento dunha oposición armada capaz de conseguir o control dunha parte do país. Na África central o presidente ugandés Museveni estableceu en 1986 unha ditadura ilustrada que se converteu en modelo de exportación rexional manu militari en Kigali (Ruanda) en xullo de 1994 e, con posterioridade, en Kinshasa (Congo) en maio de 1997. O carácter xenocida das relacións entre hutus e tutsis engadiu a este conflito unha dimensión mortífera enorme: xenocidio de 750.000 tutsis en Ruanda (1994), persecución de hutus no Congo que causou 200.000 víctimas (1997). En Liberia logo de sete anos de guerra (150.000 víctimas) chegou un período de inseguridade que provocou unha das crises máis graves, segundo os observadores, do continente. As tensións provocaron a deportación duns 500.000 refuxiados dos que só regresaron ao seu país natal en maio de 1998 uns 26.000. Na primavera de 1997, logo do gobernar durante 31 anos o Zaire, Mobuto Sese Seko perdeu o poder no Zaire nun contexto de rivalidade franco-norteamericana. A República do Zaire foi rebautizada como República Democrática do Congo por Laurent-Desiré Kabila, quen se arrogou plenos poderes ata a aprobación dunha nova Constitución, na cerimonia de xura dos seus cargos. No verán de 1998 estoupou unha nova rebelión, con apoio militar de Uganda e Ruanda, mentres que Angola, Cimbabue e Namibia apoiaron militarmente ao goberno. Anunciáronse eleccións para xullo de 1999. Na África Austral, o predominio da África multirracial está garantido trala vitoria nas eleccións de xuño de 1999 de Thabo Mbeki do Congreso Nacional Africano. Mbeki, recuperou a tea do panafricanismo e a negritude, que erguera nos anos sesenta Leopold Sédar Senghor, abrindo un proceso que ten comos piares básicos a estabilidade política, o progreso económico e o respecto aos dereitos humanos.