afroamericano -na

afroamericano -na
  1. adx e s

    Relativo ou pertencente aos negros africanos transportados como escravos a América, dende o s XVI ata o XIX, ou aos seus descendentes. Sobre todo, referido ás formas culturais propias desenvolvidas por eles no continente americano, principalmente nos territorios de Minas Gerais, a costa e unha parte do NL brasileiro, as costas da Güiana, Venezuela, Colombia, Panamá, Nicaragua e Honduras, a totalidade das Antillas e o S dos EE UU.

  2. cultos afroamericanos [ANTROP/CULT]

    Conxunto de sistemas relixiosos organizados polos grupos afroamericanos. Ademais dos afrobrasileiros e afrocubanos, seguramente o que máis sona ten é o vudú haitiano. Malia as diferencias de ambiente histórico e cultural das diversas zonas, hai trazos comúns que confirman a existencia dunha cultura básica común procedente da África occidental, podéndose mencionar os seguintes trazos: ritos de posesión, comunicación coas deidades a través de médiums, contacto directo co mundo sobrenatural, o Ser Supremo como deus ocioso, as deidades como vieiros cara a Deus, e unha característica estrutura monoteísta que abrangue un sistema politeísta.

  3. culturas afroamericanas [ANTROP/CULT]

    Culturas desenvolvidas en América pola poboación negra de orixe africana. Os factores do seu desenvolvemento dependen de varias causas: a duración dos contactos culturais, o número de escravos pertencentes á mesma rexión de África, a dispersión ou concentración poboacional, a posibilidade de intercambio cultural con África despois da emancipación, o grao de civilización da cultura básica africana, a conversión ao catolicismo ou ao protestantismo, a duración da escravitude, a miscexenación (cruzamento de sangues), o sincretismo e a aculturación.

  4. música afroamericana [MÚS]

    Música creada en América pola poboación negra de orixe africana. Ao S dos EE UU os negros forxaron unha arte musical popular, de carácter relixioso (jubilee, gospel) e con fondas raizames africanas, ao carón doutra de carácter profano (Blues, cantos de traballo, etc). Esta arte folclórica constitúe o alicerce do jazz.

Palabras veciñas

Afro | afro- | afroalpino -na | afroamericano -na | afroasiático -ca | afrobrasileiro -ra | afrocubano -na