agarradiño, bailes do
(< agarrar)
Tipo de baile de orixe popular e centroeuropea. Resultan ser danzas de estrutura e pasos simples, que bailan parellas entrelazadas sen normas formais excesivamente ríxidas. Segundo a danza de que se trate, as parellas bailan soas ou en compaña doutras. Xorden despois da Revolución Francesa, como oposición ás suites de danzas cortesás amplamente estendidas no Barroco, de estrutura e pasos máis requintados, requeridores de mestre de baile. No seu arrinque suscitaron forte oposición nas cortes europeas pola súa orixe popular (revolucionaria). A Igrexa, que, vendo na aperta da parella un relaxamento da moralidade, promoveu a volta ás danzas tradicionais; malia todo, os bailes do agarradiño impóñense ao longo do s XIX en toda Europa. En Galicia desprazan os autóctonos das festas e romarías. Nunha primeira etapa, as novas melodías execútanse con instrumentos tradicionais, aos que, polo común, son axeitadas. Progresivamente van introducíndose os novos instrumentos do momento (acordeón, saxófono, bombardino, etc) que dan lugar a agrupacións híbridas (charangas, murgas, metais), rapidamente aceptadas por todas as capas sociais. Dentro das formas importadas cómpre contar o valse, a polca, a mazurca e o pasodobre; pero hai así mesmo formas que resultan da síntese entre o importado e mais o tradicional, entre as que salientan careado, esparaván, muiñeira corrida e charrasquiño.