ager*

ager*
  1. s m [XEOG/AGR]

    Espacio modificado pola acción antrópica co fin de implantar cultivos.

    Ex: Prepararon un ager coa intención de plantar tomates.

  2. ager privatus* [HIST]

    Na antiga Roma, campos repartidos entre os cidadáns dende o tempo de Servio Tulio. Foron a orixe da división en tribos.

  3. ager publicus* [HIST]

    Na antiga Roma, patrimonio de propiedade estatal. En senso estricto, referíase ao lote de terras incultas que fora reservado ao Estado, en contraposición ao ager romanus, distribuído en explotacións privadas. Xeralmente conquistado nas guerras, o Estado, que mantiña a propiedade, cedíao para a súa explotación a arrendatarios privados ou permitía a súa ocupación a cambio dun tributo. As posibilidades de explotación e repartición do ager publicus, moi vasto en razón das ininterrompidas conquistas romanas, estiveron na orixe dos grandes conflitos sociais durante a derradeira época republicana. Contra mediados do s I, xa no Imperio, as propiedades aínda conservadas polo Estado foron incorporadas pola dinastía Xulia-Claudia ao patrimonio do Emperador. Os datos coñecidos ata o momento para o territorio galego non nos proporcionan coñecemento sobre a súa situación e extensión nin de cal foi o posterior réxime de repartición entre particulares.

  4. ager romanus* [HIST]

    Territorio propio da cidade de Roma que nun principio era o único susceptible de constituír unha propiedade civil. Primeiramente dependía do ager publicus ata que este se concedeu a particulares.

  5. ager vectigalis* [HIST]

    Terreo pertencente ao ager publicus concedido a un cidadán a cambio do pagamento dun imposto, chamado vectigal, sobre o seu produto. Aínda que a posesión fose a perpetuidade, era só unha possessio rei (‘posesión de algo’) e non un ius in re (‘dereito sobre algo’).